Comando Curuxás abre o 12 de abril o programa de concertos da 19ª edición do ‘Festival Arteficial’ de Ribadavia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A asociación cultural Arteficial anuncia un abril cheo de música, avanzando cara a unha nova edición do ‘Festival Arteficial’, que se celebrará o vindeiro 6 de setembro en Ribadavia. “Este ano, estamos preparadas para que se hai choiva, non nos deteña, xa que contamos cun plan B que nos permitirá cambiar a localización do evento se fose necesario”, apuntan. Como parte da programación previa ao festival, o próximo 12 de abril terá lugar a actuación de Comando Curuxás no local social da igrexa da Madalena, dende as 20,00 horas. Este concerto conta coa colaboración do Museo Etnolóxico de Ribadavia e o Concello de Ribadavia.

Comando Curuxás, en plena preparación da súa xira de presentación do novo traballo “Carne de militancia”, traerá a Ribadavia a súa proposta musical única, que fusiona tradición e modernidade. Despois dun ano 2024 cargado de concertos e recoñecementos, o grupo presentará en directo os 10 novos temas do seu álbum, que serán difundidos progresivamente en diversas plataformas xunto con videocreacións do produtor David Ramos. Este traballo inclúe pezas representativas da tradición galega, como a “Xota e Muiñeira de Forcarei”, e temas ligados ás cantareiras, homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025, como a “Ribeirana de Mens” ou “Zobra”.

Ademais, recolle versións renovadas de clásicas pezas de orquestrinas de baile, con letras que abordan temáticas contemporáneas como as relacións LAT (Living Apart Together) e a diversidade de xénero e sexual. A cita do 12 de abril será unha oportunidade excepcional para gozar da música en directo e quentar motores para o Festival Arteficial 2025, que promete seguir sendo un referente cultural en Ribadavia.