Gabriel Alén visita as obras de reforma do centro de saúde e pac de Castro Caldelas

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado pola alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, visitou as obras de reforma que se están a executar no Centro de Saúde e PAC de Castro Caldelas, que permitirán a renovación integral da cuberta para poder terminar coas filtracións e humidades que se viñan producindo.

As obras de reforma consisten, en primeiro lugar, no levantado de toda a cubrición existente de chapa metálica e vidro nas partes acristaladas, así como no levantado de canles e baixantes existentes para a continuación proceder á recolocación da nova cubrición de chapa metálica de dobre capa con illamento intermedio, coa oportuna execución de remates, axustes, pezas especiais e posta en servizo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Renovación de infraestruturas de atención primaria na Provincia de Ourense

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, o que supuxo un investimento nestes 12 anos, de máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que se atopan iniciadas as reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Só no ano pasado, a Xunta achegou preto de 700.000 euros para 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra arte do gasto.

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse  centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios ou Cenlle. De feito, durante o ano 2021, o executivo galego tamén asinou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de O Bolo, Amoeiro, Beariz, Rairiz de Veiga, Vilardevós, Maside, Castro Caldelas e Castrelo de Miño.

A Xunta continúa así a colaborar cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal.  Desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para o ano 2022 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,4 millóns de euros a partida –un 14%-. Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 cerca de 11 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal, cantidade que en concreto para a provincia de Ourense ascendeu a 2,6 millóns de euros. Concretamente, o Concello de Castro Caldelas recibe 27.975 euros anuais para financiar o mantemento do seu centro de saúde.

En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros senón que tamén colabora financiando as actuacións cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes. 

Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria

Para continuar con este esforzo, o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Ourense, contempla a construción de oito novos centros de saúde: o novo CIS de Ourense (presentado proxecto básico e solicitada licencia ao concello) e o de Mariñamansa na Cidade de Ourense, e os dos concellos de A Rúa (coa redacción do proxecto xa adxudicada), Boborás e Muiños  (licitadas as redaccións dos proxectos), O Carballiño (asinado protocolo), Allariz e Montederramo. Ademais, o Plan contempla obras para reformar a modernizar integramente o centro de saúde de Viana do Bolo.