O Concello de Piñor presenta a súa programación especial para este Nadal 2026-2027, cunha ampla variedade de propostas dirixidas á infancia e ás familias do municipio. A iniciativa combina actividades lúdicas e educativas, propostas de sensibilización en igualdade, accións para favorecer a conciliación familiar e laboral e diferentes alternativas de lecer para gozar destas datas.
ACTIVIDADES INFANTÍS E PROGRAMAS DE CONCILIACIÓN
Entre as principais propostas destaca a programación de actividades infantís diarias, dirixidas a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, que se desenvolverán do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, agás os días festivos e o 24 e 31 de decembro.
As actividades terán lugar en horario de 9,00 a 14,00 horas, coa posibilidade de solicitar horario ampliado de 8,30 a 9,00 e de 14,00 a 14,30 horas, facilitando así a organización e a conciliación das familias durante as vacacións escolares.
Esta programación incluirá dúas iniciativas:
- «Xogar non ten xénero IV» (do 22 ao 30 de decembro): unha proposta financiada polo Ministerio de Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que ten como finalidade traballar a igualdade e a prevención da violencia de xénero desde a infancia, mediante xogos e actividades dinámicas e participativas. O programa contará tamén cunha visita moi especial: Papá Noel.
- «Piñor Concilia Divernadal» (do 4 ao 7 de xaneiro): un espazo de xogos e obradoiros variados, enmarcado no Plan Corresponsables, co obxectivo de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral e ofrecer alternativas de lecer educativo durante as vacacións de Nadal.
As prazas son limitadas e a adxudicación realizarase conforme ao baremo de puntuación establecido nas bases de inscrición, dispoñibles na sede electrónica e no taboleiro de anuncios do Concello. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 7 de decembro.
CONCURSO INFANTIL DE POSTAIS DE NADAL: «A CAIXA DOS AGASALLOS INVISIBLES DE CRECIPIÑO»
O Concello convoca tamén un concurso infantil de postais de Nadal dirixido a participantes de entre 6 e 16 anos, baixo o lema «A caixa dos agasallos invisibles de Crecipiño».
A proposta consiste en realizar un debuxo de Crecipiño, símbolo do Programa de Educación e Apoio Familiar (cofinanciado parcialmente co Fondo Social Europeo Plus (FSE+) a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e pola Consellería de Política Social e Igualdade) coa súa caixa de agasallos invisibles. A través das creacións artísticas, os participantes deberán representar aqueles agasallos que non se poden mercar, pero que son realmente importantes: o cariño, a amizade, os abrazos, a solidariedade, a compañía, o respecto, a axuda ou os momentos compartidos en familia, entre outros valores.
Con esta iniciativa preténdese poñer en valor o significado máis humano do Nadal e lembrar que os mellores agasallos non sempre se poden envolver nin mercar.
As bases do concurso están dispoñibles na sede electrónica e no taboleiro de anuncios municipal. O prazo de presentación dos traballos rematará o 30 de novembro.
IV CAMPIONATO DE SCALEXTRIC CONCELLO DE PIÑOR «XOGAR NON TEN XÉNERO»
A programación de lecer incluirá tamén o IV Campionato de Scalextric Concello de Piñor «Xogar non ten xénero», que se celebrará o 2 de xaneiro no Centro Cultural de Arenteiro. O campionato contará con tres categorías establecidas por idades e unha clasificación feminina xeral, promovendo a participación en igualdade e ofrecendo unha oportunidade para compartir unha xornada de diversión e competición. Cóntase coa colaboración oficial de Scalextric.
A organización facilitará coches e mandos en préstamo para as persoas participantes e incluirá unha merenda. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 29 de decembro.
EXCURSIÓN A PAZOLANDIA
Como outra das propostas destacadas destas festas, o Concello organizará unha excursión a Pazolandia o 4 de xaneiro, con saída desde o Centro Cultural de Arenteiro. A inscrición poderá realizarse inicialmente a través da solicitude xeral das actividades de Nadal, tendo prioridade as persoas que soliciten a súa praza neste primeiro prazo. Posteriormente, abrirase un período extraordinario para cubrir as posibles vacantes, do 18 ao 29 de decembro, e a listaxe definitiva publicarase o 30 de decembro.
AXUDAS PARA A ESCOLARIDADE
Por outra banda, o Concello lembra que a principios do mes de decembro está previsto abrir o prazo de solicitude das Axudas para a Escolaridade do Concello de Piñor. O Concello anima as familias a participar nas diferentes iniciativas e lembra que, para realizar as inscricións ou resolver calquera dúbida sobre a programación, poden dirixirse aos Servizos Sociais do Concello de Piñor.
Con esta programación, o Concello busca ofrecer á veciñanza alternativas de ocio educativo e participación durante as festas, promovendo valores como a igualdade, a convivencia, a creatividade e a solidariedade, ao tempo que se apoia ás familias na organización das vacacións escolares.

















