Ante os ataques de Jácome ao turismo de autocaravana, o BNG quere saber a opinión do PP ao respecto

Ante os ataques de Jácome ao turismo de autocaravana, o BNG quere saber a opinión do PP ao respecto, polo que preguntaralle á Xunta de Galiza se comparte as opinións do seu socio de goberno en Ourense

No BNG queren saber tamén se a Xunta ten algunha previsión para dotar e habilitar en Ourense un espazo para albergar este tipo de turismo

AVANTAR ACTIVIDADES

Hai uns días o alcalde de Ourense, a través do seu sistema habitual de comunicación, as redes sociais, realizou contundentes manifestacións sobre o turismo de autocaravana e o comportamento cívico e social das persoas que o realizan.

Expresada a opinión da alcaldía, e sen que as manifestacións proferidas foran rexeitadas polo resto do grupo de goberno do Concello de Ourense, nomeadamente os edís do PP, na que indicou que na súa meirande maioría, o turismo de autocaravana nin apoia á hostalaría local, nin cumpre coas normas máis elementais de sanidade e urbanidade, chegando a afirmar que “estaría feliz de desvialo a outra cidade”.

Para o BNG, Os criterios de xestión turística e consideración sobre as persoas que practican o turismo de autocaravana, expresados polo alcalde de Ourense permite colixir que está a manifestar criterios da acción de goberno en materia turística.

Segundo os nacionalistas, con estas manifestacións o actual rexedor desbota a atención e explotación dun sistema de viaxe cada vez máis en voga e cun número crecente de usuarias e usuarios. Desde o goberno do Concello de Ourense estanse a expresar criterios e consideracións económicas e sociais, coas que o BNG non concorda e que, en todo caso, son no fondo e nas formas, rexeitábeis.

Xa que logo e dado as competencias neste eido da Xunta de Galiza, dende o Grupo parlamentar do BNG veñen de rexistrar unha serie de preguntas ao Executivo Galego tales como se concorda a Xunta de Galiza coas opinións, expresadas polo alcalde de Ourense sobre o turismo de autocaravana e sobre os hábitos das persoas que o realizan.

Se entende o Goberno Galego económica e socialmente interesante ser receptor de turismo de autocaravana ou mesmo se ten previsión de dotar a Ourense cun espazo acondicionado para a práctica deste tipo de turismo.