O Psdeg-Psoe apela a unha “fronte común” con todos os implicados para sacar adiante a rehabilitación da praza de abastos

O Psdeg-Psoe apela a unha “fronte común” con todos os implicados para sacar adiante a rehabilitación da praza de abastos e a súa contorna ante o risco de “abandono”

Os socialistas acusan a Jácome de “torpedear de forma sistemática” un proxecto “clave” para o futuro da cidade e sinálano como o “único culpable da inacción e da parálise desta rehabilitación”

AVANTAR ACTIVIDADES

Critican que o “escurantismo e a falta de transparencia” do alcalde ten como obxectivo “evitar que os grupos municipais e a cidadanía vexan e sexan conscientes da oportunidade que perde Ourense”

O PSdeG-PSOE de Ourense apela a unha “fronte común” de todos os actores implicados para sacar adiante o proxecto estratéxico de rehabilitación da praza de abastos Número 1 e a súa contorna, ante o grave risco de “abandono e parálise” pola “inacción e torpedeo” sistemático de Jácome. Os socialistas critican que o alcalde de Ourense considere esta obra como un “marrón”, cando se trata dunha oportunidade para que se poida converter a praza nun elemento do futuro da cidade e sinalan que Gonzalo Pérez Jácome “é o único culpable da situación de desleixo”, co aplauso cómplice do PP.

O remate das obras de rehabilitación da praza de abastos das Burgas está previsto para xuño de 2022, tal e como consta na última prórroga solicitada e autorizada polo goberno municipal. Pois ben, tal e como afirman os socialistas “a 3 meses dos remate das obras non se xestionaron varios temas de relevancia para o futuro deste edificio histórico”. Tal e como apuntan dende o Grupo Municipal Socialista non se encargou aínda o plan funcional para “a futura distribución comercial do interior do edificio”; non se encargou nin tan sequera o modificado do proxecto necesario para “culminar as obras existentes antes do seu remate”; tampouco existe proxecto, nin contratación da segunda fase do proxecto de remodelación integral do rianxo e a súa contorna, “imprescindible para o conxunto da obra”, e por último, non hai contrato nin licitación da piscina termal nos baixos do edificio, que o propio Jácome “anunciou a bombo e platillo fai ano e medio”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense lembran que xa advertiron e reiteraron en numerosas ocasións, que todas estas actuacións “son imprescindibles para o desenvolvemento dun proxecto estratéxico e clave para o futuro económico, turístico e comercial da cidade”. Os socialistas tamén apuntan a que o alcalde convocou a comisión de seguimento das obras o 14 de febreiro “onde decidiu de xeito unilateral deixar fóra aos grupos da oposición, que si estiveron presentes nas reunións anteriores”.

A vicevoceira socialista no Concello de Ourense, Natalia González, destaca que o proxecto “é fundamental” para o futuro da cidade, motivo polo que esgrime que “vamos a pórlle deberes ao alcalde”. A edil socialista resalta que se o rexedor non aposta pola praza de abastos “dentro de tres meses vamos a ter un edificio baleiro e que vai ser presa, se as obras non continúan adiante, do abandono, o vandalismo, e o que todos xa sabemos, outra estrutura máis pechada e abandonada no corazón da cidade”.

González Beneitez tamén apuntou a que “non podemos permitir máis falta de transparencia e escurantismo por parte de Jácome”, xa que tal e como indicou “todo o que sabemos da obra, sabémolo polos responsables da obra e os técnicos municipais, xa que o alcalde négase a informar”. A concelleira socialista tamén puxo o foco en que Gonzalo Pérez Jácome “pretende evitar que tódolos grupos municipais vexamos como queda a praza, que a cidadanía o vexa e que todos sexan conscientes da oportunidade que perde Ourense”.

Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, lembrou que o PSOE conseguiu no ano 2014, a través dunha iniciativa, un investimento de 3.5 millóns de euros, cartos que segundo explicou “perdéronse e haberá que pedir responsabilidades a alguén”. Neste senso, o voceiro municipal afirmou que “todo comeza durante o mandato de Jesús Vázquez, cando o reclaman en Madrid, pero non acudiu porque dixo que estaba de campaña electoral e afirmou que enviaría a uns técnicos que nunca apareceron e dende aquel momento todo foi un despropósito ata o día de hoxe”.

Rodríguez Villarino afirmou o “compromiso do PSOE por axudar”, pero apuntou que para que isto suceda “teñen que convocar as reunións de seguimento e presentarnos proxectos concretos, contando ademais cos praceiros aos que nunca se chegou a convocar”. O líder dos socialistas ourensáns tamén se preguntou “que ten, Jácome contra os proxectos clave na cidade?” e enumerou varios casos como a residencia de maiores do Pino, a praza de abastos da Ponte ou a praza de abastos Número 1. Por último recalcou que se “convoque a todos os actores implicados a ver esas obras” e que se opte por accións concretas para que a cidadanía “saiba a verdade do que se vai facer con esta praza”.