Fernández Lores: “Ourense ten potencial e vexo en Luís Seara e o seu equipo todo o que fai falla para liderar un proxecto transformador”

IES CHAMOSO LAMAS

O rexedor de Pontevedra mantivo esta mañá un encontro de traballo co portavoz municipal e candidato á alcaldía do Concello de Ourense Luís Seara. A xuntanza serviu para o intercambio de opinións e experiencias ao ser Pontevedra un referente mundial en transformación urbana

Para o Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara “non se trata de Pontevedrizar Ourense, senón de aprender das experiencias postas en marcha con éxito noutros lugares e adaptalas á nosa realidade”

OZOCOgz Deseño Galego

Ourense, 16 de setembro de 2022. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense co seu Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel A. Fernández Lores co obxecto de intercambiar opinións e experiencias.

A transformación sufrida pola cidade do Lérez desde a chegada do BNG á alcaldía da cidade é unha evidencia mesmo recoñecida a nivel internacional polo bo facer en materias tan complexas e importantes ao mesmo tempo como é a pacificación do tráfico, a peonalización e humanización dos espazos públicos e a conservación e posta en valor do patrimonio cultural, artístico e medio ambiental.

Na rolda de prensa celebrada logo da xuntanza, o candidato do BNG en Ourense Luís Seara agradeceu en primeiro lugar a Lores a súa visita ao tempo que destacou que “Pontevedra é un referente internacional en ámbitos tan importantes como é a mobilidade e a recuperación do espazo público para a veciñanza”.

Segundo Seara, “Ourense e Pontevedra son realidades distintas, non é o noso obxectivo “Pontevedrizar” Ourense, senón aprender das experiencias postas en marcha en Pontevedra para ver en que medida son aplicables ao noso concello. Ourense conta cun fantástico instrumento que contén moitas das medidas a implementar nos vindeiros anos como é o PMUS”.

Seara puxo en valor o traballo que desde hai meses están levando a cabo desde o BNG para definir os eixos fundamentais en torno os cales xirará a súa acción de goberno unha vez, pasados os comicios de maio de 2023, teñan a responsabilidade de rexer os destinos do concello. “Estamos a traballar en cinco eixos fundamentais e que teñen que ver co que é Ourense, un concello en movemento, un concello verde, un concello solidario e acolledor, un concello creativo e por suposto o concello da auga por excelencia”.

Para Luís Seara, “a humanización dos espazos implica, ademais dunha mellora na calidade de vida das persoas, un maior dinamismo socio-económico para as cidades e nesa chave é preciso pensar Ourense en grande. Non é suficiente con xestionar de modo eficaz e eficiente. É preciso pór en marcha medidas e apostar por proxectos que transformen a realidade da cidade”.

Pola súa banda o alcalde da cidade do Lérez, Miguel A. Fernández Lores, comezou a súa intervención dicindo que “Luís Seara e os seus compañeiros recórdanme a cando hai 20 anos nós iniciamos un proceso de traballo e de elaboración dun proxecto para unha Pontevedra diferente e que estaba moi estancada, sendo un almacén de coches. Vexo neles todo o que hai que ter para liderar un proxecto transformador”.

Segundo Lores, “cómpre ter amor polo país e polas cidades coa convicción de que desde o poder municipal pódense transformar as cousas, ademais somos nacionalistas e de esquerdas”, e engade, “temos que ter o convencemento de que debemos e podemos vivir nun concello mellor”.

Para Lores, Ourense é unha cidade cunhas potencialidades enormes debido fundamentalmente ao feito de ser unha cidade “compacta e onde as distancias son relativamente curtas á hora de poder desprazarse a pé”.

Outro dos elementos fundamentais “é aumentar a calidade de vida e iso pasa por eliminar todos os vehículos que non son necesarios para que a cidade funcione con normalidade, con este feito, en Pontevedra vimos de aumentar a poboación no centro, pasando de 50.000 a 65.000 habitantes”.

Para o rexedor pontevedrés este feito ten que ver “con recuperar o espazo público para as persoas, convertir as rúas en continuidade das súas vivendas onde desde a rapazada até as persoas maiores atopen un espazo público amable, seguro e accesíbel”.

A mellora dos servizos básicos e o emprego do espazo público para o desenvolvemento de múltiples actividades deportivas e culturais contribúe tamén ao desenvolvemento socio-económico da cidade. Para Lores, “o comercio local e de proximidade é fundamental e o feito de humanizar e peonalizar a cidade contribúe ao seu desenvolvemento e potenciación”.

O alcalde de Pontevedra amosouse especialmente orgulloso do traballo feito por todo o equipo que encabeza e destaca os múltiples recoñecementos a nivel internacional, facendo especial fincapé no recibido pola ONU e relativo a desenvolver un proxecto de cidade pensado para as persoas e máis recentemente polo recibido pola Comisión Europea e referido á seguridade vial, xa que como ben lembrou, “en Pontevedra levamos once anos sen rexistrar un falecido por atropelo na cidade”.

Por último sinalou que “non se trata de inventar nada senón de coller de exemplo aqueles lugares onde se están a facer ben as cousas e adaptalas á realidade que cada un ten no seu concello”, polo que incidiu de novo en que, “Ourense ten potencial para poder abordar unha transformación similar, atendendo eso sí, as súas particularidades, mais dita transformación soamente pode chegar da man dun Goberno local coas cousas claras, con amor pola cidade e cun proxecto claro, e Luís Seara e o BNG cumpren con iso”.