O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dicía Nietzsche: “Estudamos todas as cousas coa cabeza humana e non podemos cortala; pero queda pendente a cuestión de saber que sería o mundo se se chegase a cortar esa cabeza. Este é un problema puramente científico, e non moi propio certamente para preocupar aos homes” (Humano, demasiado humano. Primeira parte, 9). O filósofo alemán preludiaba con estas palabras, nas últimas décadas do século XIX, o que un século despois confirmaría de forma indiscutible a neurociencia. Está fóra de toda dúbida que o coñecemento sobre o mundo, ou mesmo á marxe do mundo, só é posible coa intervención e mediación da cabeza, algo que a ciencia se encarga de explicar, aínda que non ten por que preocupar ao común dos seres humanos porque todo o coñecemento forma parte connatural da propia vida. En cambio, sería un enorme problema saber como sería o mundo se non existise a cabeza que o coñece. De non existir os seres humanos, o mundo quedaría reducido ao coñecemento dos animais, dando por suposto que existisen, ou a calquera outra realidade intramundana capaz de coñecer. O que non se cuestiona é que o mundo non sería igual ao que coñecemos os humanos.

Nietzsche utiliza, evidentemente, a palabra “cabeza” como sinécdoque do cerebro. O centro de actuacións e de control da vida humana non está no cranio, senón no encéfalo, que está integrado polas diferentes áreas cerebrais ubicadas nos catro lóbulos que se conectan ao cerebelo e ao tronco cerebral.

Topografía cerebral

O gran médico grego do século V-IV a. C., Hipócrates de Cos escribiu:

“Os homes deben saber que o cerebro é o responsable exclusivo das alegrías, dos praceres, da risa e da diversión, da pena, da aflición, do desalento e das lamentacións. E grazas ao cerebro, adquirimos sabedoría e coñecementos; e vemos, oímos e sabemos o que é repugnante e o que é belo, o que é malo e o que é bo, o que é doce e o que é insípido”. Digamos, pois, que o cerebro é a sala de máquinas da conduta humana onde se orixinan as nosas emocións, os nosos soños e as nosas ilusións, os nosos trastornos, os nosos recordos e esquecementos, a nosa linguaxe, as nosas afasias e dislexias, a nosa mente e a nosa consciencia… en definitiva, todo o que somos en canto persoas. O cerebro é a materia gris de que se compón esa caixa negra dos nosos estímulos (inputs) que se converten en respostas psicobiolóxicas (outputs) que denominamos conduta.

            Grazas á neurobioloxía e, en xeral, á neurociencia podemos saber bastante de como funciona esa Caixa negra. Na teoría de sistemas, unha Caixa negra é un elemento que opera como interfaz entre datos de entrada e saída, pero ignorando o seu funcionamento interno. Por exemplo, un televisor funciona despois de conectalo á corrente eléctrica a través dun enchufe (input), pero na pantalla do televisor aparecen imaxes e sons (outputs), ignorando o propietario do televisor como a electricidade se transformou en imaxes e sons dentro do seu dispositivo. Só os enxeñeiros electrónicos e os expertos en electrónica poden coñecer as razóns desa transformación. De igual modo, só os neurocientíficos e neurobiólogos poden chegar a descifrar as claves do cerebro capaz de transformar os estímulos en emocións, ideas ou percepcións, mentres a maioría dos seres humanos seguen estimando o funcionamento do cerebro como Caixa negra. Eles son quen procuran aportar á sociedade a explicación mecanísmica, esa xustificación que remite aos mecanismos que dan razón dos procesos e dos feitos que se pretenden explicar. Aquí é o cerebro quen carga con esa responsabilidade de explicar toda a conduta humana, desde unha simple sensación ata a teoría científica máis sofisticada ou as emocións de maior impacto afectivo.

Hemiisferios cerebros

Anatomía do cerebro

O cerebro humano, cuns 1.400 gramos de peso aproximadamente, está formado por uns oitenta e seis mil millóns de neuronas que, á súa vez, se conectan con outros cen mil millóns que integran os centros e circuítos distribuídos por todo o corpo para transmitir ordes e realizalas. Ademais deste colosal número de neuronas, están tamén presentes no cerebro as células glías ou neuroglías (pegamento de neuronas), que teñen a función de servir de soporte ás neuronas e de intervir activamente no procesamento da información que o cerebro envía ao organismo. Os estudos sinalan que o número de glías nas persoas é entre cinco e dez veces maior que o de neuronas. Ditas células glías atópanse en todo o noso tecido nervioso, non só no cerebro; pero a diferenza das neuronas, non crean sipnases ao careceren da capacidade de enviar impulsos eléctricos e non seren electricamente excitables. Non obstante, a activación das células glías parece influír enormemente na síntese de neurotransmisores como a serotonina, a mielina e mesmo na plasticidade neuronal.

Existen investigacións que sinalan o importante papel que xogan as células glías na actividade das neuronas en trastornos de bipolaridade e de esquizofrenia. Varios estudos atoparon diminucións do número e cantidade de células glías en persoas que sufriron trastornos graves na cortiza prefrontal e noutras partes do encéfalo.

A neurona ten unha estrutura cuxas partes principais son o núcleo, o corpo celular e as dentritas. Entre as neuronas existen numerosas conexións grazas aos seus axóns, que son pequenas ramificacións da neurona. Os axóns colaboran na creación de redes que teñen a finalidade de transmitir mensaxes de neurona en neurona. Este proceso coñécese como sinapse, que é a unión dos axóns mediante cargas eléctricas.

 Estrutura da neurona

  1. Núcleo. 2. Dendritas. 3. Corpo celular. 4. Neuroglía. 5. Mielina. 6. Terminal de axóns. 7. Nodo de Ranvier. 8. Axón. (Imaxes de James Siberski)

O cerebro ten unha topografía ben precisa

Unha característica peculiar do cerebro humano consiste na forma de repartirse as funcións entre os dous hemisferios cerebrais, que non son precisamente moi simétricos no seu modo de funcionar pois o hemisferio dereito controla a parte esquerda do corpo e o esquerdo regula a parte dereita.

Durante moito tempo pensouse que o hemisferio esquerdo era o máis importante dos dous porque, entre outras funcións, era responsable das capacidades lingüísticas, das capacidades lóxico-matemáticas, da disposición a percibir a realidade de forma obxectiva… En cambio, o hemisferio dereito asociábase ás emocións, á música, ás artes… Os neurocientíficos comparten a opinión de que o hemisferio dereito resulta sumamente imprescindible para a percepción de cancións despois de comprobaren a aptitude e a facilidade coas que persoas afásicas con lesións no hemisferio esquerdo poden cantar. O mesmo sucede coa capacidade para captar debuxos ou prototipos visuais que parece ser propio do hemisferio dereito. 

Téñense levado a cabo experimentos con pacientes afectados con lesións no lado esquerdo do cerebro que non son quen de recoñecer algunhas frases, pero en cambio poden recoñecer a tonalidade emocional co que o emisor as expresa. Todas estas características atribuídas a cada hemisferio cerebral pasan totalmente desapercibidas a cada persoa na vida cotiá. A lateralidade funcional só se comproba en laboratorio e en estudos específicos con pacientes afectados por anomalías específicas desas rexións cerebrais.

O cerebro humano, pouco a pouco empezou a filtrar segredos e por iso sabemos que dispón dunha impresionante pluralidade de capacidades especializadas que pon a disposición de cada portador para despregar o seu itinerario vital. Dúas desas múltiples funcións que se lle atribúen ao cerebro teñen que ver co movemento e coa análise das sensacións, entre as que se atopa a dor. O cerebro procesa os sinais dolorosos que proveñen doutros territorios do corpo, pero en cambio carece de detectores adecuados para captar as irritacións e dores propias. A parte do cerebro encargada do control voluntario sobre os músculos denomínase córtex motor, ubicado ao lado da área de Broca; detrás deste está o córtex somatestésico ou somáticosensorial, que se encarga de recibir sinais da pel, dos ósos, das articulacións e dos músculos.

    (Imaxes de Norman Geschwind, en Investigación y Ciencia. Temas 5)

 O hipotálamo regula os resortes responsables da fame, da sede, da temperatura corporal, do sono… A hipófise, ou pituitaria, representa o centro de mando do sistema endocrino, que está xusto por debaixo do hipotálamo, co que está directamente conectada. A secreción que desprenden as glándulas do corpo (tiroides, páncreas, ovarios, testículos, suprarrenais…) dependen das ordes que lles dá a hipófise a través das hormonas que circulan polo sangue.

Existen nichos no hipotálamo que se consideran santuarios cerebrais do erotismo. Neurocientíficos, como Adolf Tobeña, así o consideran. “El amor y el sexo se incuban allí, de incógnito, en esos pequeños núcleos encefálicos… Sin el trabajo pertinente del hipotálamo sexual y de algunos territorios cerebrales adyacentes, todavía es viable alguna actividad erótica de naturaleza esencialmente refleja. Pero ya no lo es la conducta integrada que va desde la atracción y selección de las dianas amorosas hasta los inseguros tanteos del cortejo o la exaltación del apareamiento gozoso” (Adolf Tobeña: El cerebro erótico).

E outra desas función do cerebro, indiscutiblemente importante, consiste na habilidade e competencia para crear a linguaxe e resolver problemas lóxico-matematícos.

      (Imaxes de Norman Geschwind, en Investigación y Ciencia. Temas 5)

O cerebro humano como soporte da linguaxe

O matrimonio portugués Damasio (Antonio C. Rosa e Hanna), ilustres e prestixiosos neurólogos, residentes en EEUU desde hai décadas, centran a súa investigación sobre as bases neurolóxicas da mente, especialmente sobre todo o que se relaciona cos sistemas neuronais que se ocultan debaixo da memoria, da linguaxe, das emocións, da toma de decisións, etc. 

A explicación que aporta o matrimonio Damasio á orixe e funcionamento da linguaxe xira ao redor de tres grupos de estruturas que se interrelacionan mutuamente. O primeiro grupo consta dun amplo conxunto de sistemas neuronais, ubicados en ambos hemisferios cerebrais, que ten como función explicar as interaccións entre o corpo e a súa contorna, intervidas ou negociadas por sistemas sensoriais e de movemento, e que se reduce a representacións orixinadas pola actuación diaria da persoa no mundo: pensar, sentir, moverse, percibir… A continuación, o cerebro clasifica todas estas representacións baixo determinadas categorías, como a cor, a forma, a tonalidade emocional, a secuenciación dos fenómenos… Con estes resultados, o cerebro crea outro nivel de representación, que permite á persoa organizar todos os fenómenos exteriores. Desa maneira van sucedéndose estratos e categorías das representacións sensoriais ata lograr un estrato último que transforma as intepretacións en simbólicas, que son o estrato necesario para obter a abstracción e a metáfora.

            Os Damasio consideran que nun reducido número de sistemas neuronais ubicados no hemisferio cerebral esquerdo aparecen os fonemas, as combinacións dos fonemas e as regras sintácticas que nos permiten combinar palabras. Cando se estimulan estes sistemas neuronais desde o interior do cerebro xúntanse as formas verbais para crear frases. E, da mesma maneira, o cerebro pode provocar formas verbais a partir dun concepto ou ser presionado desde o exterior con palabras para que evoque conceptos.

            Ignacio Morgado explica no seu último libro, Materia gris, que a linguaxe está ubicada en dúas zonas do hemisferio esquerdo do cerebro; na área de Broca, colocada na parte inferior do lóbulo frontal, que se encarga de producir a linguaxe, e na área de Wernicke, situada no lóbulo temporal, que se responsabiliza da comprensión sonora da linguaxe.

            Estas teorías neurocientíficas poden responder e complementar a resposta á pregunta epistemolóxica que utiliza a filosofía buscando a explicación e as orixes do coñecemento humano.

Fisioloxía do cerebro

A cortiza cerebral divídese en tres categorías funcionáis importantes: a primeira abrangue as áreas sensoriais primarias, que reciben sinais dos nervios sensoriais e inclúen a área visual do lóbulo occipital, a área auditiva primaria no lóbulo temporal, a cortiza insular e a área somatosensorial no lóbulo parietal. A segunda categoría é a área motora primaria, encargada de enviar axóns ata as neuronas motoras do tronco encefálico e a medula espinal e comprende a parte posterior do lóbulo frontal, diante da área somatosensorial. E a terceira componse das partes restantes da cortiza, denominadas áreas de asociación.  

O presidente Barack Obama presentou no ano 2013 un proxecto para debuxar o mapa do cerebro que lidera o profesor español Rafael Yuste. A finalidade dese proxecto, no que a Administración de Estados Unidos investiu 100 millóns de dólares, xorde como unha responsabilidade histórica de solucionar o problema do incremento das enfermidades mentais como o Alzheimer, o autismo, as demencias, a epilepsia e o Parkinson. Ese proxecto, coñecido como Brain Activity Map (Mapa de actividade cerebral), tenta lograr técnicas novas para poder mapear as actividades dos circuítos neuronais en persoas e en animais, así como desenvolver ferramentas que permitan manipular o funcionamento deses mesmos circuítos neuronais e corrixir as patoloxías responsables de trastornos mentais ou neurolóxicos. Este proxecto pretende imitar o Proxecto do xenoma humano, pero a diferenza deste -enfocado á secuenciación de xenes- céntrase no desenvolvemento de técnicas para mapear a actividade do cerebro.

            Se ben é certo que o proxecto Brain descansa sobre a neurociencia e a súa finalidade consiste en mapear e coñecer o funcionamento do cerebro apostando por solucionar patoloxías orgánicas, non se poden ocultar tampouco os intereses económicos das empresas que subvencionan todos estes proxectos.

            No horizonte dese proxecto outéase a posibilidade de atopar novas tecnoloxías e novas ferramentas que poidan detectar como funcionan eses circuítos neuronais en rede, é dicir, no seu conxunto. A pretensión actual na investigación sobre o cerebro enfócase, pois, fundamentalmente a descubrir a actividade completa dun circuito neuronal para poder entender por que sucede así e por que neses circuítos se producen pensamentos, ideas, conciencia, mente, memoria… De momento, só se coñece como actúan as neuronas por separado, de forma individual, que foi o gran achado de Ramón y Cajal e que lle propiciu o Nobel en 1906.

            Pero igual que as películas de cine non se reducen a fotogramas individuais illados, fotograma a fotograma, senón á integración de fotogramas nunha unidade singular, da mesma forma o funcionamento dos circuítos neuronais é holístico porque as sinapses se disparan nos conxuntos neuronais para producir movementos, sensacións, emocións, ideas… que non resultan da suma individual de cada neurona. A única forma de comprender como funciona un sistema tan extenso e complexo como o do cerebro consiste en identificar cada un dos seus elementos, entender a función que cumpre cada parte e posteriormente unir todas as pezas para así comprender como funciona todo o sistema. É o que se coñece como emerxencia.

 Sinapses neuronais

Poder coñecer o funcionamento completo das neuronas cerebrais no seu conxunto será o gran achado da neurociencia do século XXI, momento de gozar da interpretación coral e harmónica da orquestra que actúa no noso cerebro, unha interpretación que incuestionablemente quedará gravada nos estudos e laboratorios neurocientíficos de todo o planeta. A partir de aí, a cura dos trastornos mentais e dos traumas orgánicos motores e neurolóxicos será cuestión de saber aplicar fáciles terapias acompañadas de fármacos específicos e ben eficaces. Igualmente, será posible coñecer a patofisioloxía, é dicir, descubrir o problema a partir do que se orixinan os síntomas, porque na actualidade se descoñece esa patofisioloxía da maioría das enfermidades neurolóxicas.

Unha mente tan brillante como a de Ramón y Cajal, dedicado a investigar o funcionamiento das neuronas de forma individual, atopou o relevo en grandes equipos de investigadores actuais espallados por todo o planeta empeñados en averiguar como funcionan en conxunto as neuronas cerebrais. De momento non atoparon as técnicas adecuadas para ver esa interacción sinfónica no cerebro humano, pero están no bo camiño para logralo.

Manipúlanos o cerebro?

A ciencia física explica que o universo está formado exclusivamente de materia e enerxía. Todo o demais que percibimos (cor, sabor, cheiro, sons, dureza, calor…) é produto do noso cerebro que, ao recibir enerxía en forma de lonxitude de onda, traduce esa enerxía nestas formas de percepción. Vivimos, pois, nun mundo irreal, manipulado polo cerebro, pero que grazas a esa manipulación nos ten garantida a existencia como especie acorde coas leis da evolución.

E por que nos sorprendemos agora dese tipo de manipulación cando xa no século XVIII o filósofo alemán Inmanuel Kant defendía que nin o espazo nin o tempo son realidades obxectivas, senón formas a priori da nosa sensibilidade? Mesmo Descartes e J. Locke, no século XVII, defendían a teoría de que as cualidades secundarias (cor, son, sabor, calor…) non son cualidades das cousas, senón formas que proxecta o suxeito sobre as cousas. E Berkeley ampliou este subxectivismo a todo tipo de cualidades, primarias e secundarias.

Potenciais riscos éticos e psicolóxicos

É importante resaltar que todos os avances que se realicen respecto ao cerebro repercutirán directamente no progreso dos tratamentos orientados a múltiples enfermidades cerebrais. Con todo, no medio de todos estes extraordinarios estudos e marabillosos descubrimentos que xa se están producindo soan alertas de dúbidas éticas relacionadas coas posibles manipulacións que se poden levar a cabo. Non perdamos de vista que un dos fins do Proxecto Brain é crear ferramentas para alterar a actividade dos circuítos neuronais, poder cambialos ou inhibilos. En definitiva, deseñar tecnoloxía para modificar as sinapses das neuronas afectadas. Nese momento, poderase manipular ou baleirar a mente coñecendo as técnicas para modificar a estrutura neuronal dos órganos cerebrais? Poderase eliminar o libre albedrío e a identidade das persoas? É probable que si, pero será necesario establecer códigos éticos para aplicar estas tecnoloxías.  

Mirémonos no Proxecto Manhattan durante a Segunda Guerra Mundial, aquel programa de investigación e desenvolvemento a partir da física que rematou coa fabricación das primeiras armas nucleares e coa destrución de tantas vidas humanas. Confiemos, porén, en que os actuáis laboratorios de neurobioloxía e de neurociencia non se convertan nos novos Álamos, nin os Rafael Yuste, os Giacomo Rizzolatti ou os E. Richard Kandel se transformen nos Robert Oppenheimer actuáis. Non teriamos perdón!

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.