Avelino Muleiro García :

Publicidade

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

Artigo : ” De quen son os fillos?”

Esta pregunta, prima facie, pode parecer unha adiviña. Talvez unha interrogante retórica, inxenua, provocativa, incluso antropolóxica e filosófica; e por que non tamén unha cuestión xurídica ou política. A moitos lectores pódelles producir sorpresa ao sopesar que a súa resposta resulta demasiado obvia, aínda que esta se poida abreviar nunha sinxela réspice. Pero máis dun lector estimará que a pregunta ten retranca.  

A ministra de Educación, Isabel Celaá, asegurou a comezos deste ano que “os fillos non son dos pais”, expresión realizada en castelán, obviamente. Ao seu parecer, os fillos pertecen ao Estado. A partir desa premisa éralle doado xustificar o papel que xoga o Goberno na educación dos fillos e a consecuente marxinación dos pais en tal proxecto para reflectilo na súa lei educativa. Esa afirmación ministerial deixounos absolutamente desconcertados. Dicía Ortega y Gasset que “una idea es siempre un poco estúpida si el que la dice no cuenta al decirla con quien es aquel a quien se dice” (Prólogo para alemanes). Evidentemente somos os cidadáns os destinatarios da mensaxe da ministra, pero creo que non contou connosco ao dicilo. Por iso nos parece que a autora de tal aserto, posiblemente arrebatada polo vento dun radicalismo delirante, se excedeu no seu rol institucional demostrando unha brillante insolencia e destilando unha notoria sensibilidade crepuscular.  

Imaxino que na noite anterior a esta declaración, os seus asesores lle pasaron a República de Platón para que a lese coa máxima rapidez a fin de poder xustificar que o proxecto de lei educativa que preparaba naqueles días era intelectualmente avalada por un dos filósofos con máis prestixio do pensamento occidental. E así, pasando coa velocidade dunha centella a lectura dos catro primeiros capítulos dese diálogo platónico, atopou no capítulo quinto o argumento perfecto para implantar a súa ideoloxía e facer público o seu proxecto pedagóxico. Penso que se detivo neste capítulo, probablemente embelesada nese achado platónico, ao tropezar coas seguintes manifestacións de Platón expresadas por boca de Sócrates, que era o seu portavoz en todo este diálogo: “Os fillos serán comúns e nin o pai coñecerá ao seu fillo nin o fillo ao seu pai… Os fillos, a medida que nazan, serán entregados a un Comité constituído por homes ou por mulleres de entre eles mesmos, ou por homes e mulleres, porque as función públicas son común aos dous sexos…Estes mesmos cidadáns levarán ao xardín de infancia os fillos dos cidadáns escollidos, entregándollos aos gobernantes para que estes os dirixan a vivir separados nun barrio especial da cidade” (República. Lib. V). As mulleres gardiáns poderán visitar aos nenos da gardería para darlles o peito, pero coidándose ben de que non recoñezan ao seu fillo. Platón marca nesa mesma cita a idade ideal para a procreación, que sitúa dos vinte aos corenta anos na muller e dos trinta aos cincuenta e cinco nos homes, pois son idades que supoñen o momento de gran desenvolvemento, tanto respecto ao corpo como á intelixencia.

Quen se atrevería criticar, pensaría a ministra, esta idea que naceu dunha mente tan excepcional como a de Platón? Pero, claro, cando o lector vai de présa non se detén a reflexionar no que le, podendo escorregar ao extraer consecuencias erróneas. Precisamente tivo que ser iso o que lle puido pasar á ministra de educación. E menos mal que na súa declaración non adiantou que pensaba incluír na lei de educación a idade dos homes e das mulleres para procrear!

No diálogo platónico, observamos que Sócrates, é dicir Platón, é remiso a tocar estes asuntos, argumentando que ao falar deles podería cometer erros acerca de como han de ser as institucións: “Non vos percatades -dilles Sócrates aos seus interlocutores Glaukón e Trasímachos- do enxame de disputas que ides levantar ao poñer este asunto de novo en primeiro plano. Precisamente porque eu xa sabía isto é polo que o silenciei, medorento do que nos ía a dar que roer… Porque non haberá medio de que crean realizables as miñas opinións, e por iso vacilo e non me atrevo a meterme con elas, medorento de que se llas tome por utopías” (A República; Cap. V). Cómpre constatar que é no libro V da República onde Platón expón os temas máis polémicos da política, como o da euxenesia, o docomunismo ou o da educación, por iso prefire obviar eses asuntos para non se converter en diana das críticas da sociedade. A ministra Celaá tamén debería ter pensado ben estas ideas antes de lanzar publicamente ditas manifestacións para non verse reprobada dialecticamente.

            Non hai a menor dúbida de que Platón propuxo no diálogo da República un modelo de Estado como o de Esparta, no que o Estado tiña que tomar ao seu cargo a educación dos cativos e dos mozos de ambos sexos. Esa educación tiña que ter os mesmos fundamentos para nenos e nenas, cunha sumisión total ao interese colectivo. “É evidente que as femias dos cans pastores vixían e cazan igual que os machos, así que na cidade ideal, homes e mulleres están capacitados para cumprir as mesmas funcións a condición de que se lles dea a mesma educación” (A República).  

O modelo educativo nese sistema político engloba tres ciclos. No primeiro, o ciclo elemental, céntrase na ximnasia, na música, na poesía e na guerra, porque as aptitudes para esas disciplinas están repartidas igualitariamente entre ambos os sexos, aínda que sexan máis débiles as mulleres. Por tanto, mulleres e homes poderán participar na guerra e nas tarefas de vixilancia do Estado, aínda que se encargará ás mulleres das máis liviás.

            As propostas que fórmula Platón na súa República corresponden a un sistema de goberno perfectamente comunista. Un comunismo evidentemente teórico, ideal, útópico, impracticable, por tanto moi diferente ao comunismo creado por Marx e Engels que abogaba pola praxe. “Os filósofos non fixeron máis que interpretar de diverso modo o mundo, pero do que se trata é de transformalo” (Marx: Teses sobre Feuerbach; tese XI). Esta crítica marxista afecta tamén a Platón e ás súas propostas políticas idealistas.

            Nese comunismo idealista, Platón considera necesaria unha educación dos cativos acorde cos principios ideolóxicos do sistema. Estaba, talvez, Platón anticipándose á “Educación para a cidadanía” na que se forman os nosos alumnos? Pero para garantir o éxito do modelo comunista platónico hai que contar cos mellores cidadáns: os máis intelixentes, os máis sans, os máis fortes, os mellores deportistas, os máis valentes… Como logralo? Para que iso sexa posible, haberá que facer uso da mentira! Así, levarase a cabo unha selección dos mellores proxenitores, é dicir, aplicando a euxenesia. Nesa república haberá uns maxistrados encargados da procreación. Eses xuíces organizarán grandes eventos e festivais con sorteos amañados en cada un, de modo que alí se elixan os mellores homes e mulleres para copular, buscando sempre as castes e razas óptimas, igual que se fai cos cabalos e co gando en xeral, para lograr crías sas e fortes. En cambio, os mediocres e débiles nunca van ser agraciados cos premios de emparellamento nun sorteo mangoneado.  

            Os fillos dos proxenitores inferiores, e mesmo a prole de pais seleccionados que veñan ao mundo con algunha deformidade, ocultaranse nun sitio secreto e apartado de toda mirada; é máis, en determinadas circunstancias, faranse desaparecer lanzándoos a unha sima, como facían os espartanos cos delincuentes e nacidos con defectos físicos que lanzaban ao Taigeto. Os que nacían normais eran secuestrados de forma inmediata para entregalos ao coidado do Estado. Unha vez seleccionados os mellores para seren educados polo Estado, vivirán e comerán en común mesturados homes e mulleres.

            Ata aquí as ideas comunistas, pedagóxicas e sociais de Platón. Unhas ideas bastante converxentes coa mensaxe da ministra Isabel Celáa no tocante á súa proposta educativa, aínda que con case vintecinco séculos de diferenza entre ambas. Existen, porén, algunhas diverxencias entre as ideas platónicas e as da ministra. Por exemplo, a finalidade do modelo educativo do republicanismo platónico reside no esforzo do discente e na disciplina que acompañaba a aprendizaxe. Aquela xuventude preparábase para dirixir no futuro o goberno cuxa meta consistía en acadar a xustiza como virtude suprema e, por esa razón, debía procurarse a mellor formación. Se se fai un esforzo por formar aos cidadáns escollidos non é para deixarlles dirixir a súa actividade como queiran e onde mellor lle pareza. “As persoas sen coñecemento da verdade, mal formadas, non son as indicadas para gobernar, por carecer dun ideal de vida ao que referir os seus actos” (República. Lib. VII). Pero iso non parece entrar no proxecto educativo da ministra ao permitir na súa lei que os alumnos españois poidan pasar de curso e ciclo con varias asignaturas suspensas; da mesma forma que despraza do currículo a filosofía e a ética, meténdoas nun caixón de xastre que se denomina “Valores cívicos e éticos”. Por que os Gobernos, en xeral, son tan proclives a suprimir ou minguar a asignatura de Filosofía dos programas curriculares? Será para que a xuventude non pense con rigor nin critique todo aquilo que considere inxusto, inmoral, incorrecto ou ilegal?

O modelo platónico, con todas as súas eivas, preparaba aos cidadáns a pensar e a ser críticos coas institucións. Nos filósofos recaía a posibilidade de lograr a xustiza na sociedade: “Ata o día que os filósofos sexan donos do goberno, nin o Estado nin os cidadáns verán o fin dos seus males e que ata entón a constitución que imaxinamos co pensamento non será un feito” (República. Lib. VI).

Platón deseñaba un destino para aqueles mozos e mozas menos aptos nos seus estudos, comezando por aqueles que non superasen as asignaturas do primeiro ciclo: “permanecerían na categoría máis baixa sen poder acceder aos ciclos superiores, e no futuro serían destinados profesionalmente á categoría de auxiliares”. En cambio, os máis dotados moral e intelectualmente proseguirían os estudos nun segundo ciclo, dunha maneira máis profunda e sistemática, coas disciplinas de Aritmética, Xeometría plana, Estereometría, Astronomía e Loxística. Aqueles que non superen este segundo ciclo serán destinados a formar parte da clase social de futuros militares, os guerreiros defensores do Estado. E, por último, aqueles que superasen o segundo ciclo pasarían a un terceiro para estudar Dialéctica -Filosofía-, que supón o cume de todo o ciclo de formación intelectual. Estes serían os que gobernarían o Estado, constituíndo a clase dos gobernantes.   

Pero seguindo coa miña onírica interpretación desas declaracións da ministra, direi que Platón chegou a renegar das súas ideas republicanas por consideralas irreais, impracticables e utópicas. E tratou de se redimir escribindo, como penitencia, As Leis. Neste diálogo, escrito cando Platón estaba entrando na vellez, de volta da súa ardente mocidade e do seu soñador idealismo, cambiou a súa perspectiva ideolóxica tentando aproximarse á realidade social e a privarse de enviar ideas que podían interpretarse como auténticos atentados por parte da sociedade. Nas Leis, critica o comunismo de mulleres e aboga polo matrimonio: “En cuestión de amor obteremos que ningún dos ben nados e libres ouse tocar senón á súa propia muller…a cal debe entrar na casa cos deuses e os ritos nupciais”. Respecto aos fillos, afirma que “é sumamente necesario que os fillos sexan enxendrados por pais sobrios e donos da súa razón… Que todo aquel que case permita entrar perfectamente no seu espírito que, das dúas cousas que ten na parte que lle corresponden, unha delas está destinada ao nacemento e á educación dos seus fillos” (As leis. Lib. VI). Xa non é o Estado a quen corresponde a educación nin a programación e selección dos proxenitores. Xa non é o Estado a quen pertencen os fillos. É o matrimonio sobre quen recaen esas obrigas: “É preciso que o esposo e a esposa se metan ben na cabeza que deben, en canto deles dependa, dar á sociedade (república) fillos perfectamente formados, tanto de corpo como de alma” (As leis. Lib. VI). A idea fundamental do despotismo do Estado que irrompía na República é substituída por Platón nas Leis por outra máis liberal e democrática. Nas Leis, Platón trata de constituír habilmente o Estado sen aniquilar ao individuo, de equilibrar liberdade e autoridade dentro do goberno. En definitiva, as Leis é un diálogo dunha gran lección moral.

            Decatámonos, xa que logo, de como Platón, con ese aplomo dialéctico que o caracteriza, está inmerso de pleno na súa segunda navegación, naquela viaxe de volta desde o mundo das ideas para iniciar o camiño cara a un empirismo incontrovertible. Como escusa da súa rectificación cabe argumentar que Platón era moi novo cando, como froito hormonal da mocidade, escribiu a República, unha utopía total e completa, guiado unicamente polo que sentía e desexaba respecto á política. Con todo, sendo a política un dos seus grandes afáns, nunca quixo participar nela activamente. Si programou e colaborou, en cambio, naquel famoso intento de implantar as súas ideas republicanas en Siracusa, onde participaron algúns discípulos seus, e cuxa audacia acabou nun fracaso total. Ante semellante desilusión e despois de moito reflexionar, xa maior, escribiu As leis, a través das que se viu obrigado a ofrecer á sociedade algo que reflectise aparencia de realidade.

            Eu confío, desde esta miña ilusoria e quimérica hermenéutica, en que a ministra de educación, que xa debería ter superada a súa etapa idealista propia da mocidade, retome a lectura do vello Platón, empezando polo diálogo As Leis, para chegar a ser coherente co pensamento platónico. E tampouco estaría de máis que lese tamén a Política de Aristóteles, onde o discípulo de Platón critica a teoría republicana do seu mestre en temas sobre a comunidade de mulleres e de fillos: “Sócrates -é dicir Platón- sostén na República que os fillos, as mulleres e os bens deben ser comúns a todos os cidadáns. E eu pregunto: o actual estado de cousas é preferible ou deberá adoptarse esta lei da República? A comunidade de mulleres presenta moitas dificultades en que o autor non parece crer… A cidade non se compón só de certo número de individuos, senón que se compón tamén de individuos especificamente diferentes… A unidade só pode resultar de elementos de diversa especie, e así a reciprocidade na igualdade é a salvación dos Estados… A unidade política está ben lonxe de ser o que se imaxina ás veces, e que o que se nos presenta como o ben supremo do Estado é a súa ruína. Esa aspiración esaxerada á unidade do Estado non ten nada de vantaxosa”. (Aristóteles: A Política. Lib. II).

A coñecida como Lei Celaá de educación xa está aprobada no parlamento. A partir de agora vaise botar a andar nos centros educativos, probablemente con moitas críticas e algunhas felicitacións, pero o tempo dirá se favorece o desenvolvemento intelectual, humanístico e social dos estudantes. Se o alegato de que os fillos non son dos pais, senón do Estado, é unha escusa para a implantación desta lei, e dese modo todo parece indicar que a ideoloxía envolve a esencia sustancial do ensino. Cada un é dono de crear hipóteses ao seu gusto procurando descubrir a natureza das cousas, pero sen minar os piares da formación da nosa xuventude nin tocar os límites políticos do imposible. Porque cómpre separar exactamente a visión precisa do mundo real da visión soñadora do mundo desexable. Ortega y Gasset dicía que “es bien patente el hecho de que hay generaciones logradas y hay otras malogradas” (Prólogo para alemanes). Esperemos que esta lei axude a crear as primeiras. E que o republicanismo platónico que alimenta as declaracións da ministra Celaá se transmuten nun modelo pedagóxico fincado nas Leis, máis próximo a sentido común.

De quen son os fillos? Dos pais, señora ministra. E non é mester aclarar a semántica do verbo ser neste contexto.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.