Reclamos tóxicos

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Artigo : ” Reclamos tóxicos ”

Nunha visión normativa da democracia, o ser humano é portador de liberdades subxectivas privadas e de liberdades subxectivas públicas que o protexen para poder maximizar todas as súas facultades políticas e cívicas, estruturadas e encaixadas no arquetipo da sociedade civil. As primeiras recoñecen o seu ámbito de privacidade e de intimidade para que cada persoa organice a súa vida en razón de valores e preferencias que dan sentido ao seu mundo. As segundas afectan ao espazo público e implican que a súa conduta se explica en relación con outros, o cal supón que se desenvolven nun marco de dereitos e obrigacións. Ditos aspectos son testemuño de como a democracia proclama valores que a definen como un sistema en favor da vida, dos proxectos, dos valores e das eleccións persoais. Con esa finalidade deseñánse normas e procedementos que favorecen a convivencia da diversidade e da colectividade. Desde o momento en que a democracia define regras de recoñecemento para todos, considérase como unha forma de vida que articula valores normativos de forte contido ético. Porén, a democracia está obrigada a fomentar e protexer valores que faciliten o benestar e a felicidade dos cidadáns ou mesmo de prohibir actos que, física ou moralmente, os prexudican? Noutras palabras, debe -sentido ético- a democracia promover valores e prohibir condutas sociais en función dos intereses comúns dos cidadáns? Unha pregunta que insiro no contexto deontolóxico da moral, que vai profundamente ligada ás ideas do dereito e da democracia, segundo a cal existen accións que se deben realizar, e outras que non, máis alá das consecuencias que poidan implicar. É, pois, unha pregunta ética, máis que política, porque é a ética quen trata de establecer unha convivencia social digna para os cidadáns enxertada nas raíces mesmas da lexitimidade, non da legalidade.   

Nesta época de dúbidas, debates, cambios e corrupcións, a ética e a moral deben adquirir transcendencia fronte aos problemas económicos, administrativos e sociais. Desde un punto de vista antropolóxico, a moral pode entenderse como un mecanismo protector que actúa de compensación á vulnerabilidade estruturalmente inscrita nas formas de vida socioculturais. Os sistemas políticos e administrativos transitan hoxe en día por sendas de maior esixencia, de enorme complexidade e interacción debido á dinámica que teñen coa sociedade civil. Esta dinámica está en relación coa deliberación e o sentido dos problemas colectivos, que esixen dun tratamento eficaz e con alta calidade no desempeño da vida institucional. A utilidade normativa da ética consiste en proporcionar valores que, unha vez interiorizados, guían ás persoas para que as súas condutas sexan frutíferas e modélicas.

            É neste contexto no que propoño o enfoque dun problema social que, avanzando de forma desbocada e desenfreada na nosa sociedade, arrastra no seu vórtice a miles de persoas. Aludo ao xogo e as apostas, cerne da ludopatía. Datos publicados polo “Anuario del Juego en España”, de 2019, indican que a actividade do xogo implica ao 80% da poboación residente en España. Así mesmo, reflicten que é unha das actividades de lecer onde máis participan residentes e visitantes. Contamos con datos que explican obxectivamente a situación do xogo en España, dos que, por unha banda, se deduce o enorme problema que afecta a miles de persoas e, por outra, a xustificación da falta de normas legais que impidan o avance ou erradicación do problema.

            Os datos obxectivos do xogo en España expresan que esa actividade crea máis de 253.000 empregos e aporta máis de 1.200 millóns de euros ás arcas públicas. O diñeiro gastado no noso país neste tipo de xogos superou os 35.000 millóns de euros durante o ano pasado, o equivalente ao 3,5% do produto interior bruto do Estado. Eses mesmos datos indican tamén que a media de idade dos apostantes está entre os 18 e 25 anos, así como que o 97% das apostas on-line son deportivas. O sector do xogo divide o seu negocio entre a parte pública (45 %) e a privada (55 %); é dicir, por unha banda está a Sociedade Española de Loterías e Apostas do Estado, SELAE, -que agrupa a Lotería Nacional, A Primitiva, A Quiniela e a ONCE- e por outra os casinos, bingos, salóns, máquinas de hostalería e o xogo en liña ou por Internet.

Móvense ao día máis de 22 millóns de euros nos casinos do noso país a pesar de que o xogo tradicional está en declive fronte ao on-line. O xogo on-line gaña terreo ao tradicional porque son moitas as opcións e as posibilidades que permite Internet. Hai infinidade de apostas on-line, tanto en casas de apostas como en casinos, que se converteron nunha alternativa moi atractiva para millóns de usuarios, non só en España, senón en todo o mundo. Internet permite que os usuarios gocen da súa paixón desde a súa casa e sen necesidade de desprazamento. É sinxelo, rápido e pódese acceder desde calquera parte. Incluso ofrece a axuda de tipsters, consellereiros de apostas. Ademais, Internet conta con outra vantaxe principal fronte a centros físicos: o anonimato. Os usuarios poden xogar sen dicir quen son e seguir gozando do que lles gusta.  

O risco das apostas on-line

O perigo de caer nos anzois do mundo das apostas on-line está na súa inmediatez. Mentres na quiniela ou na lotería Nacional pasa un tempo suficientemente longo entre a aposta e o resultado da mesma, nas apostas actuais ambos datos son instantáneos, o que excita e acelera o cerebro de forma estresante. Nas apostas actuáis on-line descortízase o xogo como unidade formal xa que non só se aposta ao resultado final, senón que se permite apostar a cada un dos momentos ou compoñentes polos que transcorre o xogo do deporte que se aposta (fútbol: minuto do primeiro gol, tarxetas vermellas ou amarelas de cada equipo, xogador que marque o primeiro ou o último gol, equipo que dispón do primiero saque de esquina; tenis: o xogador que logra o primeiro set, os xogos dun tenista nun determinado set; baloncesto: diferenza de puntos do equipo vencedor, puntos que encesta un determinado xogador, etc.). E todo iso de forma instantánea, o que require unha angustiosa e atafegante tensión.

Outro elemento pernicioso agóchase tras os bonos de benvida cos que as empresas do sector agasallan aos potenciais apostantes que se rexistren por primeira vez. Estes reclamos tóxicos son unha forma subliminal de incitar á ludopatía. Non se pode negar que para moitas persoas os xogos de azar poden ser a súa forma favorita de entretenemento, pero tampouco se pode custionar que esa maneira de diversión se pode converter facilmente nunha actividade aditiva e de alto risco.

A Federación española de Xogadores de Azar Rehabilitados advirte de que o xogo é patolóxico cando a persoa pensa, vive e actúa en función do mesmo, deixando nun segundo chanzo outros obxectivos e necesidades. Aínda que a ludopatía sexa unha adicción que non ten como referencia material unha substancia química, o ludópata presenta os mesmos trazos que a persoa adicta a unha droga: 1.-Repite unha conduta que lle resulta pracenteira e que aumenta a súa frecuencia para obter os efectos desexados. A base desa conduta provén das diferentes substancias químicas que liberan os neurotransmisores do cerebro, como a dopamina e as endorfinas, que actúan como estimulantes e reforzan as condutas patolóxicas. 2.- Perda de control derivada do fallo dos mecanismos cerebrais de inhibición da conduta. 3.- Aparición do síndrome de abstinencia no caso de que se interrompa o hábito de apostar.

Explicacións psicolóxicas do xogo

A psicoloxía explica a tendencia innata a xogar dos seres humanos, xa desde as primeiras etapas da vida. É unha acción espontánea que non precisa aprendizaxe. Non é exclusiva dos humanos, tamén os animais o practican, aínda que lles falte o aspecto simbólico que aparece nos xogos dos humanos. Tanto J. Piaget como Lev Vygotski dedicaron amplos traballos a este tema, remarcando o papel da actividade lúdica no desenvolvemento das facultades intelectuais dos infantes, así como o seu rol socializador e a súa capacidade para interiorizar as normas sociais, por analoxía coas normas dos xogos. Pero vou prescindir desa etapa infantil para situar o obxectivo nas persoas adultas, onde Freud deixou importantes pegadas.  

A esencia do xogo é a gran satisfacción que obtén o xogador pensando que igual pode gañar. De forma máis sutil, podemos afirmar que os xogadores gozan coa idea de que moitos outros van perder. Por inhumano que pareza, resulta esencial pensar na perda dos demais para entender o pracer que proporciona o xogo. Ao final, o xogador tenta capitalizar o xogo. Os apostadores son como aquel exército que en lugar de tomar de cando en vez un castelo ou unha aldea na fronteira do territorio que aspira conquistar, marcha directamente á capital do mesmo, onde está instalado o centro de operacións militares, sen sopesar as dificultades e os inimigos que alí pode atopar. Esa é a estratexia do apostador que, en vez de ir procurando o seu patrimonio mediante o esforzo e o traballo constantes, arrisca temerariamente o seu diñeiro coa alta probabilidade de estragalo no envite. Pero non debía esquecer que “a banca nunca perde”.

            Desde unha perspectiva psicolóxica, o apostador crea un marco de expectativas imaxinarias na súa mente ata o punto de pensar que, cando aposta, a súa elección é totalmente racional pois cre dispoñer da habilidade necesaria para converter a ilusión en realidade. Mais fronte ao fracaso, transita con enorme facilidade da ilusión á decepción. A pesar de todo, non claudica na súa teimosía e, consecuentemente, na súa frustración, porque, xa o advertía Baltasar Gracián, “como andan encadenadas las desdichas, unas a otras se introducen, y al acabarse una es de ordinario el engendrarse otra mayor” (Criticón).

            No xogo poténciase o “erro de predición”, asociando o premio como estímulo emocional. O erro de predición é a diferenza entre o que se espera que pase e o que en realidade pasa. O especial desta aprendizaxe radica na difícultade de adquirilo, porque a predición correcta non se dá sempre, senón só nunha porcentaxe de veces. E iso significa que para captar o carácter probabilístico da proba hai que practicar constantemente, o que implica apostar de forma persistente e bulímica.

            Freud explicaba que o xogo produce unha catarse liberadora de emocións reprimidas, deixando ao individuo en condicións de poder expresarse libremente. O xogo é, pois, un medio de expresar impulsos sociais non aceptados. Nel están presentes os dous instintos básicos da psicanálise freudiana: eros e thanatos. Eros, que representa o instinto de vivir, da conservación e da integridade, aporta ao xogo a fonte de pracer a través da ilusión das posibles ganancias. Thánatos, pola contra, é o instinto da morte, que fai presenza no xogo como fonte de agresividade e de tendencia á compulsión de repetición fronte ao fracaso. Esa dicotomía freudiana, presente na dimensión lúdica do ser humano, ten a súa réplica na rivalidade nietzscheana entre o espírito dionisíaco -o pracer da aposta lúdica- e o espírito apolíneo -a aceptación da mínima probabilidade de éxito no envite.

            No libro O xogador, de Fiodor M. Dostoievski, podemos observar a psicoloxía do protagonista, Aleksei Ivanovich, xogador de talante impetuoso e apaixonado que se consume na desesperación. Dostoievski describe a este xogador como un home infeliz, inmerso na depravación pola súa incapacidade para afrontar os contratempos da vida. É maltratado por moitos dos personaxes da novela, especialmente polo xeneral ruso Zagorianski e pola fillastra deste, Polina, da que Aleksei está enamorado. Só atopa comprensión en Antonida Vasilyevna, tía do militar e xogadora empedernida, á que Aleksei acompaña ao casino, onde Vasilyevna perde todo o seu patrimonio deixando ao sobriño sen herdanza, coa colosal indignación deste. O perfil que describe Dostoievski de Aleksei é o dunha marioneta fráxil, carente de vontade para evitar os erros, encamiñando os seus pasos á autodestrucción.

            Unha actitude moi parecida á de Aleksei con Polina era a de don Gaiferos con Melisendra, tal como narra Cervantes en Don Quijote, pois en ambos casos, o xogador sacrifica o amor da súa amada polo xogo: “Jugando está a las tablas (xogo de azar) don Gaiferos, que ya de Melisendra está olvidado”. Observando o emperador Carlomagno, pai de Melisendra, a actitude de don Gaiferos, “mohino de ver el ocio y descuido de su yerno, le sale a reñir; y adviertan con la vehemencia y ahínco que le riñe, que no parece sino que le quiere dar con el ceptro media docena de coscorrones, y aún hay autores que dicen que se los dio, y muy bien dados” (Don Quijote de la Mancha, II, 26)

O rol da publicidade

A publicidade é unha ferramenta que ten o poder de definir o éxito ou o fracaso completo dun produto ou servizo. A difusión publicitaria sobre o xogo, en concreto no que respecta ás apostas, é tan inmensa e brutal que invade gran parte dos espazos desde os que habitualmente accedemos á información. A invitación ao xogo por parte das empresas do sector perséguenos en todos os nosos dispositivos dispoñibles – smartphons, tablets, videoconsolas, computadoras, televisores…- mediante videos, imaxes, banners, etc., ofrecéndonos bonos de benvida unha vez que nos rexistremos na súa empresa. Pero a sensibilidade de gran parte da sociedade rexeita esa publicidade reiterada e persuasiva que pretende captar clientela para engordar a súa lista de apostantes.

O acoso publicitario deste sector non discrimina ningún rango social, aínda que recae especialmente nos adolescentes e na xuventude por consideralos máis vulnerables emocionalmente. Ante ese atropelo tiránico, debemos difundir que a xuventude é época de ilusións, non de paixóns, é tempo de formación, non de perdición. Por tal motivo hai que saír ao seu rescate. Por que se permite unha publicidade tan agresiva e tenaz? Por que non se limitan e se regulan as súas mensaxes indutoras á adicción? O Goberno e as institucións públicas lánzannos mensaxes para que exerzamos a nosa responsabilidade persoal como solución aos problemas que afectan a toda a sociedade. Non obstante, non poden descargar toda a responsabilidade nos cidadáns, porque non todos actúan de forma sensata. E se non, observemos as nefastas consecuencias que estamos padecendo de novo en España, posteriores á desescalada da pandemia, provocadas por actuacións de cidadáns irresponsables, pero que se enmarcan nesa pretendida responsabilidade persoal que reclama o Goberno nese clima proactivo e benévolo. Comprobamos con decepción que a sensatez ten menos vigor que a sanción punitiva.

As institucións públicas dispoñen de suficientes instrumentos para resolver con eficacia e garantía as dificultades vinculadas a unha maior esixencia e presión social, como poden ser as catástrofes provocadas pola pandemia, os traumas persoais derivados das adiccións, o colapso que minguou a sanidade, o descrédito que desploma o ensino, a falta de seguridade cidadá, etc. Porén, temos a impresión de vivir nunha sociedade anestesiada e indolente, incapaz de reaccionar ante condutas que esnaquizan a vida persoal e ambiental, incompetente para solucionar os problemas que arruínan a miles de persoas enganchadas ás adiccións e, así mesmo, inepta fronte ás ameazas que poñen en perigo a seguridade e a saúde das persoas. Non pedimos ao Goberno que nos programe a vida, pero si que nos quite as minas soterradas no camiño. É incuestionable que o incremento de ludópatas engrosa o PIB da macroeconomía do país, xa o sabemos, pero así mesmo resulta patente que ese crecemento reduce e empobrece a microeconomía das familias afectadas por esa adicción e, sobre todo, trunca moitos e prometedores proxectos de vida.

Abofé, é lícito impulsar ou permitir desde os medios de comunicación, sobre todo desde a televisión e Internet, a práctica das apostas deportivas co propósito, inconfesado, de incrementar a economía e de intensificar o PIB do país? A publicidade institucional dos Gobernos céntrase en impulsar os valores democráticos, os deberes coa Axencia Tributaria, as campañas de Seguridade Vial, as campañas electorais, as campañas de Emprego Estatal, a defensa do Medio Ambiente…incluso os riscos do consumo de sustancias como drogas, alcol, tabaco… Pero, por que non emiten publicidade sobre o perigo das apostas de xogo? Son as propias empresas do sector as que advirten na súa publicidade, por compromiso legal, que se xogue “de forma responsable” ou “só maiores de 18 anos”. Non obstante, non existe ningunha publicidade institucional que alerte dos riscos deste tipo de condutas que derivan de forma inexorable en ludopatía. E non existe ningún tipo de advertencia dese perigo porque a economía eclipsa calquera outra actividade humana nesta sociedade posmoderna que dilúe os valores herdados dunha ilustración -que agora mesmo estrañamos-, gran responsable do progreso moderno. Pero xa nolo advertía Zygmunt Bauman hai uns anos: “A disolución dos sólidos conduciu a unha progresiva emancipación da economía das súas tradicionais ataduras políticas, éticas e culturais. Sedimentou unha nova orde, definida primariamente en termos económicos. Esa nova orde debía ser máis “sólida” que as ordes que substituía, porque –a diferenza delas– era inmune aos embates de calquera acción que non fose económica. Case todos os poderes políticos ou morais capaces de trastocar ou reformar esa nova orde foran destruídos ou incapacitados, por debilidade, para esa tarefa” (Modernidade líquida).

Varios países europeos abriron nos últimos lustros un debate coa intención de implementar medidas restritivas respecto á forma de publicitar os produtos e servizos de xogo nos mercados regulados. E tanto Italia como Bélxica avanzaron nos últimos anos na implementación de prohibir os anuncios de xogos de azar, coa esperada oposición do sector empresarial. O Goberno italiano, despois das últimas eleccións, emitiu un decreto que contiña as disposicións para prohibir, total e de forma absoluta, a publicidade de apostas en todas as canles de televisión e por todos os medios de comunicación. O documento do Goberno foi rotundo e claro prohibindo explicitamente os anuncios de apostas en televisión, radio, medios impresos e Internet. Bélxica ampliou nos dous últimos anos o conxunto de regulacións polas que se prohíbe completamente que os produtos de casino on-line se anuncien na televisión belga. Os anuncios de apostas deportivas só se emitirán despois das 20 horas. Non se permitirán anuncios de apostas deportivas durante as retransmisións deportivas en vivo. Ademais, as novas regras prohíben que as empresas de xogo patrocinen a persoas famosas e a deportistas.

Por que non imita esas decisións o Goberno español? No debería implementar o control sobre a promoción de todos os produtos de xogo? Durante o estado de alarma polo coronavirus, o Consello de Ministros de España aprobou un decreto de medidas urxentes para limitar a publicidade dos xogos de azar e as apostas on-line, tanto en radio e televisión como en YouTube e outras plataformas de intercambio de vídeo, á franxa horaria da madrugada: entre a unha e as cinco. O decreto estivo vixente unicamente durante o estado de alarma, que concluiu o 12 de abril. Por que non se mantivo permanente ese decreto? A razón parece obvia: por non prexudicar ao sector das apostas. Da mesma maneira que houbo presións empresariais para adiantar a desescalada por motivos económicos, ese mesmo argumento vale para condicionar o decreto ministerial ao período de confinamento. De novo, a economía priorizando sobre a saúde. Esas actitudes dannos unha imaxe dos nosos políticos de estar máis preocupados por facilitarlle á sociedade máis Prozac e menos Platón -rebatendo así o libro de Lou Marinoff- e de transixirlle a ese nicho de mercado de apostadores pernoctar nun asilo nocturno inoculado de actividades, aparentemente dignificadas con recoñecidos dereitos, nas que só se atopan vagabundos condenados ao abismo.   

            Ante ese potencial fracaso dunha considerable parte da sociedade, a moral é a única que emerxe como mecanismo protector actuando de compensación á vulnerabilidade humana e non deixala á intemperie. E non nos esquezamos de que a integridade das persoas non se pode protexer sen defender á vez a integridade do seu mundo de vida en común, que é a que fai posible as relacións interpersoais e as relacións de recoñecemento recíproco. Por iso a ética contribúe tamén á calidade de vida nunha sociedade que reclama con urxencia valores consustanciais á democracia.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.