Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
Artigo : ” A paz perpetua ”
En plena voráxine da Revolución francesa e recén aprobada a Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América (1776) repecto do Reino de Gran Bretaña, aparece o libro de Inmanuel Kant Sobre a paz perpetua (1795). Kant apunta na primeira páxina do tratado que sacou o título deste rótulo: “Á paz perpetua”, unha “inscrición satírica que un hostaleiro holandés puxera na mostra da súa casa, debaixo dunha pintura que representaba un cemiterio”. Por aquelas décadas, esmorecía en Europa o absolutismo do Antigo Réxime e remataba a Idade Moderna para iniciar os primeiros pasos a época Contemporánea, ben asesorada e excelentemente guiada pola Ilustración. Durante o século XVIII, a educación transformou radicalmente a sociedade europea ao facilitar a todas as persoas o acceso a coñecementos que antes eran patrimonio duns poucos e fornecéndoas de valores inherentes á súa propia natureza, como a dignidade, a liberdade, a solidariedade e a igualdade. Foron moitos os intelectuais que reivindicaron e defenderon a educación e os valores da Ilustración, desde John Locke, co seu libro Pensamentos sobre a educación, pasando por Rousseau co Emilio, ou da educación, e rematando en Kant co seu eslogan “sapere aude”.
Por outro lado, Europa cargaba sobre si os espantosos enfrontamentos bélicos dos séculos XVII e XVIII: a Guerra polaco-rusa, a Guerra dos Trinta anos, a Guerra anglo-española, a Guerra franco-española, a Guerra austro-turca, as Guerras ruso-turcas, a Guerra franco-neerlandesa… Había, pois, que buscar solucións a todos estes desafíos para lograr a paz e conseguir unha sólida construción de Europa. Non faltaron pensadores que se implicaron con perseveranza neste afán pacifista propoñendo ideas, filosófica e xuridicamente ben argumentadas. Sirvan de referencia o Abade de Saint-Pierre, autor de Proxecto para lograr a paz perpetua en Europa (1713); J. Bentham, que publicou en 1789 Plan de paz universal e perpetua; J. J. Rousseau, que escribe Extracto do Proxecto de paz perpetua (1761) e Xuizo do proxecto de paz perpetua (1782); e o xa mencionado Inmanuel Kant co seu tratado Sobre a paz perpetua.
Como escritores da Ilustración, estes intelectuais pretendían establecer bases filosóficas para fundamentar unha orde internacional xusta que permitise ás nacións coexistir e desenvolverse pacificamente. Con todo, se comparamos os argumentos de Kant e de Rousseau, comprobamos unha manifesta diferenza: o procedemento pragmático de Rousseau fronte á postura moral de Kant.
Para Rousseau, as guerras requiren dunha determinada organización e medios que gardan unha estreita relación cunha colectividade política e cos seus recursos. Unha guerra só pode ser desatada polos gobernantes dun Estado. En principio, a misión dos gobernantes consiste en protexer os dereitos dos cidadáns; pero o que vemos na realidade, daquela e agora, son casos frecuentes en que os cidadáns son utilizados a discreción polos políticos en vistas dos seus intereses privados. Desta forma, xa non son tratados como cidadáns -que, en realidade, é a razón da fundación do Estado, xa que un se converte en cidadán para adquirir certos dereitos- e considéraselles como meros instrumentos de guerra. “A guerra non é unha relación de home a home, senón de Estado a Estado, na que os individuos son inimigos, non como persoas nin como cidadáns, senón como soldados; non como membros da patria, senón como os seus defensores… Un Estado non pode ter por inimigo senón a outro Estado, e non a persoas; pois non poden fixarse verdadeiras relacións entre cousas de diversa natureza”(Rousseau: Contrato social).
Rousseau observaba que o que prevalece entre os europeos é unha hostilidade constante. Pese ao feito de que en teoría valoramos á humanidade, vemos que a nosa conduta está moi lonxe de mostrar na práctica respecto ante os nosos semellantes. As causas que normalmente provocan a inimizade entre os pobos son: controversias, roubos, usurpacións, insurreccións, guerras e asasinatos. Pero hai que intentar lograr a paz. Como conseguilo? O filósofo xenebrino sinala que esta paz non pode lograrse sen unha confederación que una a todos os países europeos e que solucione todos os eventuais conflitos entre os seus integrantes a través de procedementos xurídicos xustos. Ao seu criterio, hai razóns importantes para que a maioría dos países europeos se incorporen a esa confederación. Sobre todo, unha fundamental: as raíces comúns que a maior parte dos países europeos teñen no Imperio Romano, que son a base a partir da cal estes puideron desenvolverse. A pesar do ocaso do Imperio Romano persiste entre os seus antigos membros un sentimento de solidariedade. As súas institucións xurídicas e as súas leis teñen a súa orixe na cultura romana e na súa herdanza intelectual. Isto abre un importante espazo para o entendemento mutuo. Outra razón é o cristianismo, como un factor importante de cohesión que contribuíu a introducir valores morais comúns en Europa. Porén, para Rousseau a relixión non é un factor determinante para esa cohesión política. Rousseau só apela á relixión cristiá para facer convincente a tese de que, por razóns históricas e culturais, tería sentido establecer en Europa unha orde política universal e duradeira. Pero non insiste de ningunha maneira en que a relixión sexa un factor determinante para a cohesión da orde política.
Kant, en cambio, trata de instaurar un espazo de normatividade moral entre os diferentes Estados para xustificar a idea dunha alianza de paz global e cosmopolita. A maneira en que concibe a transición cara a este estado de paz distínguese claramente daquela que propoñía Rousseau. No razoamento de Kant existe unha dimensión moral que vai moito máis alá da consideración de aspectos meramente pragmáticos e que explica nos “artigos preliminares” do seu libro, onde rexistra unha serie de condicións que deben cumprirse antes de que realmente sexamos capaces de garantir esa paz.
As relacións pacíficas entre os pobos, a criterio de Kant, baséanse na formulación correcta dunha constitución. Con esa aportación, Kant presenta un programa político enfocado en modificar os fundamentos da estrutura dos Estados europeos, onde os gobernos deben garantir a liberdade, a suxeición a unha lexislación común e a igualdade dos cidadáns, xa que estas condicións permiten aos mesmos cidadáns converterse nos responsables en decidir se realmente queren librar unha guerra. Cando os seres humanos non son considerados como cidadáns, senón como servos dos gobernantes, é moi fácil utilizalos para os fins particulares destes últimos. Kant busca con esta condición asegurar a autonomía e o poder de decisión das persoas: os individuos que vivan nese Estado serán os responsables de avaliar por si mesmos os custos e danos da guerra. Baixo estas condicións de liberdade e de exercicio de dereitos será difícil que se involucren en perigosos proxectos bélicos. No primeiro apéndice do seu libro, Kant trata o problema da moral e da política explicando que a persoa en canto tal non pode deixar de ser moral, e o posible conflito entre ambas debería resolverse sempre en favor da moral xa que a política se insere nun nivel posterior. “A verdadeira política non pode dar un paso sen ter previamente feito homenaxe á moral. A política, en si mesma, é unha arte difícil; pero a unión da política coa moral non é unha arte, pois tan pronto como entre ambas xorde unha discrepancia que a política non pode resolver, vén a moral e resolve a cuestión, cortando o nó” (A paz perpetua).
Tanto Rousseau, que se propoñía demostrar aos seus lectores que a idea dunha paz perpetua non é un pensamento quimérico, como Kant, recoñecendo que a paz non é consustancial á natureza humana pero estaba convencido de que politicamente as persoas poderían evitar o enfrontamento mutuo, comprendían a dificultade de lograr esa meta. E aínda agora, transcorridos máis de dous séculos destas propostas, seguimos constatando que Europa ten serios escollos no seu camiño cara esa paz, porque as tensións entre os Estados non desaparece, o que propicia un profundo escepticismo entre os europeos. Desde o ano 2004, en que se firmou o Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa, seguimos á espera da aprobación desa Constitución, porque Francia e Holanda se negaron á súa aprobación en referéndum e as tensións entre liberais e socialdemócratas non se disipan. As guerras de hoxe en Europa son fundamentalmente económicas: o norte contra o sur, os países da primeira velocidade fronte aos da segunda, os países integrantes da UE rivalizando cos non pertencentes, os Estados integrados no mercado único e no espazo Schengen cos non incorporados…
E ademais, cada Estado debería marcarse como obxectivo prioritario acadar esa paz perpetua internamente. Pero basta con examinar que pasa no noso para deducir a súa dificultade. Cada vez dispoñemos de máis argumentos para decatarnos de que a paz resulta unha utopía. Basta con entrar no parlamento para observar o que alí acontece. Goberno e oposición non son capaces de entenderse nin de lograr acordos sobre a gobernanza deste país porque atenden máis ás conveniencias persoais e ideolóxicas que á consideración dos cidadáns e ao respecto polo futuro. Cada sesión parlamentaria retrotráenos ao Senado romano e aos enfrontamentos que nel se provocaban. As interpelacións da oposición ao Goberno de España podían sintetizarse nesta frase: “quousque tandem abutere, Petrus, patientia nostra?”, famosa interpelación de Cicerón a Catilina, non a Petrus. E as respostas do presidente do Goberno aos grupos da oposición poderían igualmente resumirse en expresións como estas: “Opóñanse a min e España no lles perdoará… Pois estou disposto a recorrer ao que sexa, a someterme a calquera cousa, polo ben de todo o pobo”, pronunciadas por Julio César, pero cambiando Roma por España. E isto sucede a cotío, entre os corifeos que aplauden desde unha ou outra bancada.
Poden ser estas as bases e as formas para aproximarnos á paz perpetua? Están os nosos políticos formados intelectual, ética e políticamente para conducirnos aos cidadáns a ese fin soñado? Estamos realmente vivindo unha política ilustrada baseada na ética para procurar o ben dos cidadáns ou estamos retrocedendo á política renacentista de Maquiavelo, cuxa finalidade consiste en conseguir, manter e aumentar o poder por parte dos políticos?
Creo necesario máis que nunca recobrar o espírito da Ilustración para implantar aquela educación reivindicada por Rousseau, por Kant, por Voltaire… que teña como primeiro cometido formar á persoa; como segundo, formar ao cidadán; e por último, formar ao político. Sen esta secuencia -formación intelectual, moral e política- a sociedade carecerá de bos dirixentes. E a paz perpetua quedará reducida, como naquela inscrición satírica do hostaleiro holandés, aos cemiterios, moitos dos cales estarán colapsados por caídos do coronavirus.
—————————————————————————————————-
Outros artigos de Avelino Muleiro
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
—————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.