Artigo de opinión de Avelino Muleiro: Mario Bunge, embaixador do Carballiño

Avelino Muleiro García :

Publicidade

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”

Xa pasou un mes do seu pasamento. Foise con elegancia. Como era el. Despediuse da súa muller e dos seus fillos o pasado 24 de febreiro no hospital CHUM en Montreal (Canadá), lonxe da Arxentina que o vira nacer no berce dunha familia orgullosa do seu avoengo. O 21 de setembro do pasado ano celebrou o seu aniversario centenario, que levaba preparando desde primeiros de ano con inmensa ilusión e ao que eu estaba convidado desde abril de 2019. Tras a súa partida deixa unha dilatada e fecunda vida que soubo rendibilizar para crear importantes teorías, escribir sorprendentes libros e centos de artigos, impartir excelentes conferencias, dirixir e participar en numerosos congresos…en definitiva, para gozar dunha vida pletórica. Se aínda estivese entre nós, seguro que analizaba en profundidade a situación pandémica que nos afecta. Pero esa vida rematou porque a morte se levanta como un feito ineluctable ao final dun camiño polo que transitamos todos. Porén, o suco que deixa aberto tras a súa morte non tardará en reverdecer coa semente amoreada dunhas ideas que se foron consolidando durante tanto tempo. Relacionouse coas persoas máis importantes do século vinte e vinte e un, tanto no ámbito científico, como no filosófico e social, pero nunca se gabou desa situación de privilexio, senón que se comportaba como era: un talante de rebelde, imbuído de humanismo, de nobreza e lealdade. Era amigo de Karl Popper, Imre Lakatos, Willard van Orman Quine, Robert Cohen, Hilary Putnam, Jesús Mosterín, Evandro Agazzi… Participou en debates con Stegmüller, Jean-Marc Lévy-Leblond, Andrés Kálnay, F. Ayer, Alfred Tarski, Patrick Suppes, B. Finetti, Paul Weingartner, E. Nagel, A. Grünbaum… e visitou universidades e foros internacionais sempre que o reclamaban para aportar ideas e teorías da ciencia e da filosofía. Importante foi a súa colaboración á mecánica cuántica aportando visións interesantísimas á interpretación de Copenhague, na que partiparan, no ano 1927, os físicos Niels Bohr, Max Born e Werner Heisenberg tentando conciliar o dualismo de onda e partícula. Así apareceu o principio de “complementariedade”, proposto por Bohr, que establce a necesidade das descricións ondulatoria e corpuscular para poder entender a mecánica cuántica. No ano 1967, Bunge presentou na prestixiosa unversidade Laval, en Québec (Canadá), unha famosa ponencia, titulada “Quanta e filosofía”, na que sostiña dúas teses novidosas: 1.- Que a interpretación de Copenhague contén unha filosofía subxectivista, allea á procura da verdade, onde o observador actúa co sistema de partículas, invalidando a existencia independente destas. 2.- Unha formulación sobria desa teoría, que se limita aos seus axiomas, definicións e teoremas, evita o contrabando filosófico. Ao utilizar este procedemento resulta, por exemplo, que as “relacións de incerteza” nada teñen que ver con estados da mente, senón que constitúen unha lei válida tanto nas estrelas como nos laboratorios.

            A súa formación poliédrica e o seu talante crítico e rigoroso como filósofo, escritor, epistemólogo e físico catapultárono á plenitude do saber logrando a consideración unánime da intelectualidade que o cualificou como un dos pensadores máis importantes do século XX e XXI. Posiblemente, nas últimas décadas fose o filósofo vivo máis destacado e reputado no ámbito internacional e, sen ningunha dúbida, o máis citado e reclamado no ámbito hispanofalante. Bunge manifestaba as súas ideas con claridade e contundencia, o que nalgunhas ocasións xeraba irritación nos seus adversarios intelectuais. Pero a súa filosofía aniñou na Historia para inmortalizarse. E da mesma forma que hai unha filosofía aristotélica, kantiana, popperina, heideggeriana ou orteguiana, brilla tamén desde hai décadas un pensamento bungeano nese universo filosófico. Ser bungeano é defender o materialismo como única realidade; ser bungeano supón admitir a realidade como algo independente de quen a coñeza, é dicir, apostar pola ontoloxía ou a metafísica das primeiras etapas da filosofía en Grecia, non da metafísica medieval que se devaluou ao instituír o “ente” como o seu obxecto propio esquecéndose do “ser” prístino da metafísica grega. Seguir a filosofía bungeana consiste en apostar polo cientificismo como a mellor forma de coñecer a realidade; ser bngeano é defender o sistemismo como explicación de que todo o que existe está en relación con todo o demais, pois non hai nada illado no universo, agás o propio universo. Practicar a filosofía bungeana supón aceptar o emerxentismo, que significa pensar que os sistemas, sexan físicos ou sexan construtos mentais, posúen propiedades das que carecen os seus subsistemas compoñentes. E, por último, ser bungeano implica no aspecto ético defender o agatonismo, que ten como máxima da acción humana “gozar da vida propia e axudar aos demais a vivir unha vida digna de goce”.

            A obra de Bunge resulta excepcional, tanto polo número de publicacións -máis de sesenta libros e centos de artigos- como polos temas estudados (ciencia, medicina, tecnoloxía, psicoloxía, bioloxía, socioloxía, neurociencia, economía, política…). Sirvan como referencia: La ciencia, su método y su filosofía; La investigación científica; Tratado de filosofía básica (oito volumes); Mente y cerebro; Filosofía política; Medicina para médicos; Entre dos mundos (que son as súas Memorias).

            E foi desde este fortín desde onde aplicou un látigo contumaz contra as pseudociencias (psicanálise, homeopatía, acupuntura, parapsicoloxía, alquimia, astroloxía…), contra o posmodernismo, o existencialismo, a fenomenoloxía, a hermenéutica… cualificándoos de “macaneo”.

            Pero esta figura colosal, ademais da súa relación con Arxentina, país no que naceu, e con Montreal, cidade canadiense que o acolleu en 1960 e na que viviu, gardaba certa conexión con Galicia, en especial co Carballiño. Cómpre lembrar que visitou a cidade de Vigo no ano 1987, invitado polo Grupo Aletheia, para participar nas Segundas Xornadas de Filosofía. Volveu a Vigo no ano 2003 para recibir a homenaxe que lle rendeu o Grupo Aletheia nas Xornadas de Filosofía dese ano. E no ano 2010, o Instituto de Estudios Carballiñeses (IEC) nomeouno socio de honra, pasando a colaborar asiduamente desde entón en “Ágora do Orcellón”, revista editada polo Instituto. No ano 2017, o IEC concedeulle o Segundo Premio Ágora do Orcellón, editando un monográfico sobre a súa obra –Mario Bunge, xenio e figura– que recibiu con orgullo. Grazas a el, O Carballiño e Galicia entraron en Canadá xa que a revista “Ágora do Orcellón”, incluído o número 32 que é o monográfico correspondente ao seu premio, está nos andéis da Universidade McGill, en Montreal, na que Bunge era profesor. Desa maneira, este excepcional filósofo converteuse en embaixador da nosa lingua e, especialmente, do Carballiño en Canadá. E iso non é un dato irrelevante. Por tal motivo, a súa ausencia acrecenta a nosa tristeza. Mario Augusto Bunge era un referente intelectual, un enamorado de Galicia, un embaixador do Carballiño e…un gran amigo meu. Que as estrelas o acubillen para que nos siga iluminando desde o firmamento. Descanse en paz.    

—————————————————————————————————-    

Entrevista na Radio Galega a Avelino Muleiro sobre Mario Bunge:

Clic na Imaxe

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.