Ditame aberto ás ideoloxías (I)

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)   ”

No diálogo platónico Γοργίας (Gorgias), Calicles explícalle a Sócrates que “na maior parte dos casos son contrarias entre si a natureza e a lei; polo tanto, se alguén por vergoña non se atreve a dicir o que pensa, vese obrigado a contradicirse”. En síntese, Calicles afirma que a realidade é independente do que os seres humanos opinemos sobre ela e asegura o fracaso do noso intento de manipulala. Desa diverxencia nace a orixe das palabras physis e nomos co propósito de referirse a cada unha das alternativas. Pero dada a condición gregaria dos seres humanos e a súa tendencia a condutas miméticas, normalmente somos proclives a unirnos á opinión da maioría dos nosos conxéneres en detrimento da realidade. Xa nolo reprobaba Jean Paul Sartre: “Que importancia conceden, meu Deus, ao feito de pensar todos xuntos as mesmas cousas!” (A náusea). A pesares de todo, a función cultural ou intelectual é ao mesmo tempo unha función de lexitimación e de denuncia, de formulación e de crítica da mitoloxía colectiva na que se basea a convivencia social nun momento dado. Por iso, co desexo de dicir o que penso sobre as ideoloxías, abro o meu proprio ditame sobre elas.

Inicio este percorrido crítico co intento de avaliar a orixe, a evolución e o actual rol da “ideoloxía” nesta sociedade posmoderna, comparando a súa función sociopolítica na sociedade a unha taxonomía sociolóxica coa que, de conformidade cunhas pautas exteriorizadas na conduta política, económica, cultural, moral, familiar, laboral… se pretenden clasificar e catalogar as persoas. Ao meu criterio, a ideoloxía pretende exercer na socioloxía política o mesmo papel que desempeña a taxonomía científica ao clasificar os seres vivos polas súas características morfolóxicas, funcionáis, evolutivas, etc. Hai, con todo, unha importante diferenza entre ambas: a taxonomía científica cataloga características obxectivas -intersubxectivamente avalables- dos seres vivos; por exemplo, o corvo aparece como: animal, cordado, vertebrado, ave, plumaxe negra… En cambio, resulta moi difícil describir obxectivamente as cualidades ideolóxicas da persoa tendo en conta que as ideas son procesos psicolóxicos, polo tanto, datos subxectivos, de tales características. A ideoloxía, desde esta analoxía taxonómica, tenta describir como obxectivas unhas cualidades que son esencialmente subxectivas, o que implica un erro categorial indiscutible que implicará consecuencias lóxicas e sociolóxicas importantes.    

Pero, despois de todo, a ideoloxía, analizada semanticamente e nun senso amplo, significa aquilo que representa un ideal. Na súa orixe, a “ideoloxía” entendíase como o estudo científico das ideas. Os ideólogos eran inicialmente os filósofos que pretendían explicar as leis causantes das ideas na mente humana. Coñecendo a xénese das ideas, a ideoloxía establecería as bases para o coñecemento científico e, consecuentemente, facilitaría as causas da organización natural da sociedade permitindo coñecer a natureza humana, e a partir dese coñecemento posibilitaría a reorganización da orde social e política tendo en conta as necesidades e desexos das persoas.  

O termo “ideoloxía” acuñouno Destutt de Tracy en 1801, na súa obra Eléments d’Idéologie, nun contexto histórico de alzamentos políticos e sociais que marcaron en Europa a transición da sociedade feudal á sociedade capitalista. Se ben é certo que o significado político que lle atribúe o filósofo francés ás ideoloxías está centrado na modernidade ilustrada, non se pode obviar que ese modo de sanción teórica ás formas de dominación social existiron moito antes en culturas moi antigas, aínda que non se explicaran baixo esa mesma terminoloxía. A diferenza epistemolóxica relacionada coas formas ideolóxicas de dominación social está, pois, no estudo sistemático das ideoloxías propio da Idade Moderna. Neste senso, a “ideoloxía” pódese entender como un conxunto de ideas, pensamentos, doutrinas ou visións do mundo (Weltanschauungen) de que dispón unha persoa ou un determinado grupo, valéndolle de modelo orientativo para as súas accións sociais e políticas.

Se para Destutt de Tracy a ideoloxía era a ciencia superior que facilitaría o progreso nos asuntos humanos, para Napoleón a ideoloxía era a filosofía pretenciosa que incitaba á rebelión, porque trataba de determinar os principios políticos e pedagóxicos con base exclusiva no razoamento abstracto. Grazas a Napoleón, o término “ideoloxía” cesou gradualmente de significar o estudo das ideas e pasou a significar os propios sistemas de ideas: unha amálgama de ideas abstractas, erróneas e divorciadas das realidades prácticas da vida política. Desa maneira, a palabra “ideólogo” adquiriu unha dimensión negativa coa fin de descualificar aos integrantes do Institut Nationale das ciencias e as artes do que formaba parte Destutt de Tracy.

Ese conxunto de elementos intelectuais pode tender á conservación ou á transformación dun sistema existente (económico, social, político, relixioso…) que afecta a un grupo, a unha institución, a un movemento cultural, social, político ou relixioso. E así aparece esa taxonomía sociolóxico-política das ideoloxías, que cada vez é máis difusa e vaga. Unha ideoloxía que pretenda conservar un sistema existente denomínase “conservadora”. A que busque trasformar o sistema dominante nun momento histórico -de forma pacífica e paulatina- chámase “reformista”. A que procure levar a cabo un cambio de modo radical e súbito denomínase “revolucionaria”. E se o que intenta é recuperar un anterior modelo desígnase “reaccionaria”.  A lista das ideoloxías actuais resulta incalculable dada a súa capacidade mutante, invasiva e colonizadora.  

Baixo unha perspectiva sociolóxico-política, as ideoloxías son esquemas clasificatorios nos que se encaixa aos cidadáns para poder controlalos politicamente, utilizándoos como patrimonio electoral tras un presunto alistamento partidista, non sempre consentido por eles. Deste xeito, a ideoloxía é un modo de uniformar a cidadanía; mutatis mutandis, desempeña o mesmo papel que o uniforme colexial que identifica os estudantes co seu centro educativo, ou exerce a mesma función da indumentaria dos soldados nun desfile para saber se pertecen ao Exército de Terra, de Aire ou da Armada. A ideoloxía é, xa que logo, unha forma de reclutamento do cidadán, asimilándoo ao partido político que desfila pola pasarela da sociedade co seu uniforme ideolóxico. Porén, non necesariamente os cidadáns se consideran militantes uniformados da ideoloxía na que se lles insire, porque as súas crenzas ideolóxicas non teñen por que ser exactamente ríxidas nin monolíticas. Metelos nun taleigo pechado é interese e manía case exclusiva dos grupos políticos para controlalos. Na distópica novela de Orwell, 1984, o Ingsoc representa o partido e a ideoloxía do partido gobernante que dirixe con man de ferro os destinos do Estado totalitario, controlando física e mentalmente a todos os cidadáns ata o punto de deformar o seu sentido común para que amen ao líder, o Gran Irmán, en contra da súa propia vontade.

Unha ideoloxía implica dous compoñentes: unha representación intelectual do sistema e un programa de acción. A representación intelectual proporciona un punto de vista propio sobre a realidade vixente, á que observa desde unha perspectiva concreta ataviada de emocións, percepcións, crenzas, ideas e razoamentos, a partir dos cales se analiza e compara cun sistema real ou ideal alternativo, rematando finalmente nun conxunto de xuízos críticos e de valor que propoñen un punto de vista superior á realidad vixente. En cambio, o programa de acción ten como obxectivo aproximar no posible o sistema real existente ao sistema ideal pretendido. Desa maneira, os partidos políticos utilizan as ideoloxías como proxectos a través dos que buscan unificar as prácticas intelectuais coas politicas encamiñadas á transformación da realidade.  

Pero como as palabras van modificando o seu significado co paso do tempo, esa metamorfose afecta tamén á palabra “ideoloxía”.  Para o creador dese termo, Destutt de Tracy, finais do século XVIII, a ideoloxía consistía nunha ciencia que estudaba as ideas, a súa formación e as súas leis. Pero medio século despois, mediados do XIX, Engels e Marx consideraron a ideoloxía como unha “ruptura da conciencia” que conduce á alienación. Marx define a ideoloxía como un conxunto de ideas (erróneas na súa maior parte), cuxa relación coa realidade é menos importante que o seu obxectivo, que consiste en evitar que as persoas oprimidas perciban o seu estado de opresión. As ideas dominantes de cada época coinciden coas ideas da clase imperante, o cal non significa que esas ideas sexan necesariamente producidas pola clase que manda, pois resulta suficiente que expresen os intereses dos gobernantes.

No século XX, a opinión de Jürgen Habermas sobre a ideoloxía, e en xeral a de todos os representantes da Escola de Frankfurt, é moi negativa porque a considera un grave problema de comunicación social que expresa violencia de dominación e distorsiona a comunicación. Este desvío é consecuencia dunha razón instrumental que produce a ciencia e a tecnoloxía como eixes da dominación social, razón pola que reivindican a emancipación e a liberación das clases sociais. Entendida así, a Escola de Franfurt asume que a ideoloxía é unha doutrina, un conxunto de ideas e de crenzas destinadas a convencer da súa verdade pero, non obstante, está ao servizo dalgún interese de poder inconfeso. En cambio, para J. P. Sartre a ideoloxía é froito dun pensador “creador”, capaz de xerar un modo de ver a realidade.

Orixe e crítica da ideoloxía

A maioría das ideoloxías nace dentro dunha corrente filosófica, cunha versión moi simplificada, e ás veces distorsionada, da filosofía orixinal. Tal simplificación transforma un pensamento orixinal nun “…ismo” (marxismo, existencialismo, relativismo, nazismo…). Ese inicio comeza ante as necesidades que sosteñen socialmente un determinado pensamento. Mais é bastante difícil comprender cando e en que ámbitos pode pasar unha filosofía a ideoloxía.

Despois de Engels e de Marx, ese vocábulo adquiriu un significado pexorativo do que non logrou desprenderse. Engels, ao que estaba próximo Marx, escribiu: “A ideoloxía é unha conciencia falsa” (Carta de Engels a Mehring). Marx entendía por falsa conciencia o pensamento dos individuos que non é consecuente coas súas condicións materiais de existencia. Pon como exemplo a adopción da ideoloxía burguesa por parte dun traballador asalariado. Baixo esa concepción negativa que lle imprimiu o marxismo, a ideoloxía é unha forma de ver a vida coa que se pretende despoxar á persoa da súa liberdade, meténdoa nunha mentira, converténdoa en parte dunha masa que se pretende manipular e, no caso de que trunfe, dominar. Desde ese punto de vista, as ideoloxías son ferramentas de control social.

Diversos autores utilizan ese termo como unha concepción crítica, considerando a ideoloxía como un instrumento de dominación que actúa alienando a conciencia humana por medio do convencemento ou persuasión, non de forza física. Para eles, non se entende acción política sen ideoloxía. A ideoloxía política non é algo opcional, algo que podemos ter ou non, á cal poidamos renunciar baixo xustificacións pragmáticas ou tecnócratas. Ese mesmo pragmatismo tecnócrata é sempre unha forma de ideoloxía non asumida, e os seus discursos rexeitando explicitamente a ideoloxía son os máis dogmáticos de todos porque a ideoloxía está máis enquistada en canto falta conciencia da realidade. A imaxinación resulta imprescindible para armar unha ideoloxía que actúe eficientemente como reclamo político e mensaxe propagandístico, eclipsando intencionadamente a razón teórica que impón lóxica á realidade. “O xogo deliberado con posibilidades fantásticas, a habilidade para actuar con boa conciencia, contra naturam, para experimentar coas persoas e coas cousas, converter a ilusión en realidade e a ficción en verdade, expresan o grao en que a imaxinación chegou a ser un instrumento do progreso. E realmente é un instrumento do que, como outros moitos nas sociedades establecidas, se abusa metodicamente. Establecendo o paso e o estilo da política, o poder da imaxinación excede en moito a Alicia no País das marabillas na súa manipulación das palabras, na súa habilidade para dar sentido ás bobadas e converter en bobada o que ten sentido” (Marcuse: O home unidimensional). Nesa ficción imaxinativa retroaliméntanse as ideoloxías. Será posible fracturar esa ficción?

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.