O documento establece os principios e normas que se aplicarán para o control dos recursos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia
A corporación aprobou tres propostas relacionadas co reparto do canon da auga entre os concellos, a prolongación da autovía AG-31 ata a fronteira con Portugal e a descentralización de organismos e entidades públicas
Nunha declaración institucional, o plenario expresou o seu apoio ao pobo ucraíno fronte a agresión de Rusia. “Como defensores dos dereitos e liberdades das persoas non podemos tolerar ningunha acción que socave os ditos cimentos humanos”
O pleno da Deputación de Ourense, reunido hoxe en sesión ordinaria correspondente ao mes de marzo baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou por unanimidade o plan de medidas antifraude da institución e dos seus organismos dependentes e adscritos para a xestión e execución dos fondos Next Generation. Un trámite establecido pola Unión Europa para que as administracións públicas adopten procedementos de control no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Mediante este plan establécense os principios e as normas que se aplicarán en materia antifraude, anticorrupción e co fin de evitar os conflitos de intereses, en relación cos fondos provenientes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. O seu contido xa reflicte medidas adoptadas con anterioridade polo goberno provincial, como o control financeiro desde a área de Intervención e a observación de ausencia de conflito de intereses desde o departamento de Contratación. A aprobación deste plan supón un punto de inflexión como modelo de referencia a adoptar de forma estable na xestión dos restantes recursos públicos asignados á Deputación.
No capítulo propositivo a corporación aprobou tres iniciativas referidas o canon da auga, infraestruturas e descentralización administrativa. Na primeira pediuse á Xunta de Galicia que o canon que se recada a través do recibo municipal de abastecemento e saneamento repercuta en obras hidráulicas, naqueles concellos que cumpren as normas fixadas pola administración autonómica. Tamén se pide á Confederación Hidrográfica Miño Sil e á Confederación Hidrográfica do Douro que planifiquen investimentos nos concellos das súas demarcacións, con independencia da súa cor política, que redunden en beneficios medioambientais para os habitantes.
Tamén se acordou instar á Xunta de Galicia a que retome a prolongación da autovía AG-31 desde Celanova ata a fronteira con Portugal, reclamando do goberno do Estado fondos Next Generation para esta obra e que no proxecto se garanta a inclusión das variantes de Verea e Bande e unha conexión entre a actual estrada autonómica OU-540 e Xinzo de Limia.
Por outra banda pediuse aos gobernos de Galicia e de España que acometan e afonden en políticas activas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas, no marco de reto demográfico, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía, instalando en Ourense a sede de organismos ou entidades públicas.
Apoio a Ucraína
A corporación tamén aprobou por unanimidade unha declaración institucional de apoio ao pobo ucraíno e impulsada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na que se expresa a firme censura contra a agresión de Rusia a Ucraína, subliñando que “como defensores dos dereitos e liberdades das persoas non podemos tolerar ningunha acción que socave os ditos cimentos humanos”. No manifesto reflíctese o apoio “o labor da comunidade internacional por restablecer a paz e salvagardar a independencia de cada país e poñémonos á súa disposición para axudar, dentro das nosas posibilidades, naquelas medidas que procuren a protección e benestar das persoas que foxen do conflito para salvar a vida”.