O BNG solicitará no pleno adoptar unha batería de medidas encamiñadas a mellorar a mobilidade das persoas con discapacidade

Os nacionalistas pedirán aumentar o número de prazas reservadas ás persoas con discapacidade nas proximidades de edificios e instalacións públicas, eliminar a limitación temporal existente de 3 horas de ocupación das paradas en ditas prazas en centros sanitarios e servizos públicos en xeral e exonerar de pagamento en zona O.R.A.

Publicidade

 O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense rexistrou o pasado día 29 de setembro unha moción para o pleno do vindeiro mércores no que solicitarán á autorización de estacionamento dos vehículos acreditados coa tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade fóra das prazas específicamente reservadas a tal fin, concretamente pedirán que na Ordenanza Reguladora da O.R.A. figure a exención de pagamento.

Do mesmo xeito pedirán o apoio da corporación para aumentar o número de prazas reservadas ás persoas con discapacidade nas proximidades de edificios e instalacións públicas así como eliminar da Ordenanza Municipal Reguladora, a limitación temporal existente de 3 horas de ocupación das paradas en ditas prazas en centros sanitarios e servizos públicos en xeral.

E é que para o BNG Resulta evidente que as persoas con discapacidade e problemas de mobilidade atópanse nunha clara desvantaxe respecto ás demais persoas á hora de realizar un elevado número de actividades da vida cotiá, tendo especial relevancia, as dificultades á hora de acceder en condicións de igualdade aos espazos e servizos públicos. Velaí a necesidade de artellar mecanismos que minimicen ditas dificultades e permitan a estas persoas desenvolverse con maior liberdade.

Non debemos esquecer tampouco a situación vital e económica das mesmas pois na maioría das ocasións, o día a día dunha persoa con mobilidade reducida xa de por sí supón un plus á hora de cubrir as súas necesidades, como por exemplo, o custe dos apoios e axudas técnicas dunha cadeira de rodas entre outros.

Salientan os nacionalistas que son múltiples os exemplos de cidades de todo o Estado nas que xa se están adoptando medidas encamiñadas a facilitar a mobilidade destas persoas. A finalidade, apuntan desde o BNG, non é outra que aportar facilidades a un colectivo que como xa se espuxo, conta con claras desvantaxes en relación ao resto de usuarios co obxectivo de facilitarlles deste xeito a súa vida cotiá.