Crise de Valores

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Artigo : ” Crise de valores ”

Dedicado aos integrantes do Instituto de Estudios Carballiñeses

“Pensar a vida, é o cometido da filosofía”, aseverou Hegel. Decatámonos da nosa propia vida porque a levamos connosco de compañeira. Mais iso non debería ser suficiente, xa que o esencial sería pensar en que consiste vivir e como mellor vivir, incluso como vivir mellor. É unha certeza que non existe vida fóra dos individuos; nin a sociedade, nin os grupos sociais e culturais son portadores de vida, porque non existe vida colectiva. Non obstante, a vida humana só se desenvolve no grupo, na colectividade, porque os seres humanos somos sociables por natureza, como dixera Aristóteles na súa Política: “o ser humano é un ser naturalmente sociable, e o que vive fóra da sociedade por organización e non por efecto do azar, é, certamente, ou un ser degradado ou un ser superior á especie humana[i. e., un deus]” (Política; libro I, cap. 1)

Cada persoa está programada xeneticamente para responder de forma automática a certos estímulos físicos, como sucede na dilatación da pupila do ollo ante unha luz excesiva, no reflexo rotuliano ante un golpe no xeonllo, ou mesmo nas glándulas sudoríparas ante a calor. Pero, ademais deste tipo de respostas involuntarias, as persoas temos a capacidade de tomar iniciativas para dar réplicas de forma voluntaria e libre. Todos compartimos estas capacidades, aínda que a intensidade e o talento son distintos en cada un, o que non deixa de crear graves problemas e friccións na convivencia. Boa proba é a enorme cantidade de enerxía que queimamos para superar conflitos e poder alcanzar acordos supeditando a nosa vontade á doutras persoas ou impoñéndonos a elas. A historia demostra que a humanidade pasou por etapas de brutais conflitos (guerras, exterminios de pobos, xenocidios de grupos sociais…), pero tamén de fundamentais solucións (armisticios, treguas, concordatos, pactos…). Por pura lóxica, deberiamos pretender que a sociedade lograse establecer criterios e normas que fixasen as mellores condicións para que a convivencia resultase posible e así cada persoa puidese programar a súa vida libremente. Esas pautas de convivencia adoitan estar engalgadas, de forma implícita na maioría dos casos, aos valores compartidos polos cidadáns.  

Na socioloxía actual, están abertas certas perplexidades sobre determinados tipos de conduta que responden a patróns sociolóxicos idealmente establecidos e que, como consecuencia, xeran debates sobre a crise de valores. Non é esta unha discusión menor, senón a expresión de desavinza que se expresa ante formas de proceder na vida e fronte a manifestacións habituais de condutas. Trátase dun tema sociolóxico básico que afecta á sociedade no seu conxunto, aparte da trascendencia que entraña no ámbito ético e persoal.  

Orixe dos valores

O primeiro que cabe dicir é que os valores non se herdan, non forman parte da nosa xenética, senón que se ensinan e aprenden en cada cultura. E xa que teñen que ser compartidos por todo o grupo social, é a través da educación como deben darse a coñecer. Esa educación debe ser “necesariamente unha e idéntica para todos os seus membros”, como sinalaba Aristóteles (A Política; Libro V, cap. 1), pois eses valores deben ser compartidos en común. Os valores que amparan a convivencia son os valores cívicos, que dada a súa aplicación no ámbito social non se deben xerar en ámbitos particulares, pois puidesen resultar contraditorios competindo con outros cando saen á sociedade.

Con todo, os valores non son inmutables, senón que cambian, como en realidade “cambia todo” (panta rhei), ao bo dicir de Heráclito, quen fixo desta afirmación a charnela da súa filosofía. A sociedade cambia tamén, e eses cambios implican modificacións de preferencias, de gustos, de ideas, de crenzas…, é dicir, de valores. Cos cambios sociais, os valores modifícanse dando orixe a crises culturais, relixiosas, ideolóxicas e de todo tipo. Unha crise é unha situación conxuntural nunha estrutura cambiante que pode poñer en perigo o statu quo. As crises de valores arrastran a cambios sociais e por iso, en todas as épocas da historia que afloraron crises de valores, sobreviñeron intensos cambios sociais, moitos deles, abofé, profundos e traumáticos. Cómpre recoñecer, pois, o papel primordial dos valores en calquera sociedade, porque son compases que nos permiten orientar a nosa conduta en función de realizarnos como persoas e como sociedade. Son crenzas que nos axudan a preferir, elixir e apreciar unhas cousas en lugar doutras, ou de adoptar un comportamento en lugar doutro. Desa maneira, garanten unha boa convivencia e o benestar colectivo.

Descrición dos valores

Pero, ¿que entendemos por valor? A palabra “valor”, a primeira vista, parece un concepto claro, sinxelo e case obvio, porén resulta escura e difícil de definir cando temos que facer unha consideración máis profunda e atenta. Pásalle o mesmo a outras palabras densas de significado (“realidade”, “verdade”, “honor”…). Cando lle preguntaron a santo Agostíño que era o “tempo”, contestou que se non llo preguntaban, si sabía o que era, pero cando llo interpelaban non sabía que responder.

Hai toda unha disciplina filosófica sobre os valores, que se denomina axioloxía. Axioloxía é un termo composto por dous étimos gregos: axiós = valioso, e logos = tratado. Esta palabra foi utilizada por primeira vez a comezos do século vinte (Paul Laupie, en 1902, e Eduard Von Hartman, en 1908). Desde o punto de vista ético, a axioloxía é, xunto coa deontoloxía, unha das principais fundamentacións da ética. Max Scheler e Nicolai Hartmann foron os dous pensadores que realizaron os estudos máis serios sobre a “ética axiolóxica”.

Nun sentido estrito, o valor podémolo entender en tres acepcións: económico, ético e ontolóxico. En economía, “valor” é sinónimo de diñeiro. Marx fixo unha distinción entre “valor de uso” e “valor de cambio”. O valor de uso representa as características das cousas en canto á súa utilización. O valor de uso das cousas non cambia. Así, os zapatos utilizámolos (valor de uso) para protexer os pés. O valor de cambio é o diñeiro. Este valor si cambia porque depende das leis do mercado. O valor de cambio (prezo) dos zapatos non é sempre o mesmo.

En ética, o valor representa a virtude coa que se enfrontan problemas e se emprenden grandes proxectos. Dicimos que unha persoa ten valor cando en tempos de crise, como o actual poscovid-19, monta un negocio; ou cando un mozo se lanza ao río para salvar a súa moza.

En ontoloxía, chamamos valor á calidade pola cal unha cousa posúe interese ou distinción e, polo tanto, esa cousa merece estima e respecto. A axioloxía, ciencia ou sabedoría sobre os valores, trata do valor neste terceiro sentido, no ontolóxico, e procura comprender cal é a súa natureza, as súas características e os principios que fixan a súa xerarquía.

Cando dialogamos ou polemizamos sobre a crise de valores, apuntamos naturalmente ós valores éticos, que entroncan os seus tentáculos nas raíces da ontoloxía. É esta, evidentemente, quen explica en que consiste a esencia e a natureza desa característica axiolóxica que lle asigna valor ás cousas, e que se adaptaría con precisión á definición hegeliana de “pensar a vida”.

Respecto a esa peculiaridade que ofrecen as cousas valiosas podemos facernos varias preguntas. Por exemplo, ¿os valores son entidades reais, obxectivas -como a lúa, unha mesa, un carballo…- ou son ideais abstractos -como a beleza, a xustiza, a esperanza…-? Esta é unha pregunta relacionada co estatuto ontolóxico dos valores, unha cuestión que afecta aos valores en si mesmos. Sobre esta pregunta consideramos varias respostas. Unha delas interpreta que os valores son realidades obxectivas (Lotze, Max Scheler, Hartmann), subsistentes en si mesmas, semellantes ás ideas de Platón. Outra afirma que son sentimentos ou aspiracións subxectivas, pero carecen de realidade (Ehrenfels, Freud, Meinong). Hai unha terceira que identifica o valor cunha característica trascendental das cousas, é dicir, é unha propiedade que posúen todos os seres (Lavelle, De Finance, Hammer) por, simplemente, seren. Esta terceira resposta identifica o valor co ben. É o que en metafísica se denomina trascendental. Con todo, o valor non é para Lavelle unha propiedade estática, senón fortemente dinámica, que estimula a persoa cara á acción.

            En definitiva, o que nos preguntamos é se as cousas teñen valor, e por iso mesmo as valoramos, ou se as cousas teñen valor porque se llo damos. Aí está o fondo do debate. ¿Valoramos o ouro porque é valioso en si, ou é valioso porque nós lle damos valor? En calquera das respostas, sempre nos referimos a realidades concretas (un amigo, un coche, a saúde, un traballo, un medicamento…). Un criterio empírico do valor dun obxecto reside na escaseza do mesmo. A abundancia devalúa, a pouquidade revaloriza.

            Outra pregunta posible é esta: ¿a través de que facultade humana valoramos as cousas? As respostas tamén son dispares. Algúns sosteñen que o facemos por medio do sentimento; outros afirman que é a través da intuición; tampouco falta quen dí que a valoración provén directamente da facultade estimativa. Penso que non estaría desatinado decantarse por unha opinión que incluíse tanto ao sentimento, como á intuición, e mesmo ao entendemento e á vontade, porque todos eses compoñentes interveñen na valoración. Non podemos valorar o que non coñecemos (polo tanto usamos o entendemento); non valoramos unha cousa se non empatizamos con ela (logo, tamén usamos o sentimento); tampouco se pode valorar o que non percibimos (así recorremos á intuición); e se valoramos algo será porque o desexamos como beneficioso (polo tanto utilizamos a vontade). De todos eses ingredientes sae a estimativa, que ten como finalidade captar os valores particulares de cada ser, preferir algo dentro dunha xerarquía de valores e aspirar a conseguir un determinado obxecto.

            En definitiva, da mesma maneira que alcanzamos a verdade a través do coñecemento e a bondade por medio da vontade, tamén conseguimos a dignidade ou o valor dunha entidade a través da estima. O valor nace do aprecio e consideración polas cousas, grazas á nosa capacidade estimativa. En consecuencia, para que exista valor son necesarios estes dous elementos: a obxectividade das calidades dos entes e unha persoa que estime esas calidades. Son imprescindibles, polo tanto, o aspecto obxectivo e o punto de vista subxectivo. O ouro pode ter valor material, pero se non existisen seres humanos no mundo, o ouro carecería de valor. Tampouco tería sentido cualificar como ética a actuación do mozo que salva a vida dun cativo no caso de que esa acción non sucedera.           

Xerarquía dos valores

Cómpre sinalar que entre os valores se establecen xerarquías, como acontece no ámbito da beleza, da bondade, da verdade, etc. Se hai diversidade de graos de valor, iso implica que hai unha xerarquía. Non todos os obxectos teñen o mesmo valor; non vale o mesmo un kilo de ouro que un kilo dunha pedra de cuarzo; non ten o mesmo valor estudar para un exame que estudar para aprobar un curso… Pois ben, esas valoracións teñen un rango, unha categoría, en cuxa parte superior colocamos un valor máximo, que ten dignidade plena, absoluta, incondicional…, mentres que nos banzos máis baixos ubicamos valores con pouca dignidade, cun valor relativo, parcial, provisional… Canto máis grande é a estima dunha cousa, máis alto está nesa escala xerarquizada.

¿Pero, quen establece a xerarquía axiolóxica? Cada sociedade, evidentemente. O valor crea a norma da convivencia cidadá. Pero cada cultura, cada clase social e mesmo cada persoa establecen a súa propia xerarquía.   

Homero explica na Ilíada os valores daqueles heroes da Guerra de Troia, uns valores subtraídos da cidadanía (demos) como virtudes (aretés) modélicas. Entre eles enfatiza a cólera de Aquiles, en dous momentos supremos de arrebato: no reparto, con Agamenón, do botín da conquistada cidade de Crisa, e na morte do seu amigo Patroclo a mans do príncipe troiano Héctor. Pero Homero non se esquece doutros valores heroicos como a vinganza, que aparece en Aquiles dando morte a Héctor, o queixume do aqueo “dos pés lixeiros” pola morte de seu amigo Patroclo, os xestos de tenrura de Aquiles e doutros heroes da Ilíada e da Odisea, que pasan a vida loitando e amando.

Na Idade Media, a cortesía era un valor para a xente fina, xente que pretendía imitar os valores e costumes da corte, pois marcaban as pautas para consolidar unha boa sociedade. En cambio, ese valor non se lle atribuía aos plebeos, que se movían entre outras estimacións.

No Renacemento e no Barroco da literatura española existen uns valores en España que aparecen marabillosamente insinuados no Quijote, en especial nos capítulos XLII, XLIII e LI da segunda parte da obra, onde Don Quijote, primeiro, aconsella a Sancho momentos antes de que este se converta en gobernador da ínsua Barataria e, despois, sendo xa gobernador, lle envía unha carta con certas recomendacións. No seu asesoramento guíao á gratitude: “la ingratitud es hija de la soberbia y uno de los mayores pecados que se sabe…” (cap. LI); encamíñao ao coñecemento de si mesmo: “procura conocerte a ti mismo, que es el más difícil conocimiento que puede imaginarse”; asesórao cara á humildade: “Haz gala, Sancho, de la humildad de tu linaje…y préciate más de ser humilde virtuoso que pecador soberbio”; explícalle o valor da integridade fronte á envexa: “si tomas por medio la virtud, y te precias de hacer hechos virtuosos, no hay para qué tener envidia a los que tienen príncipes y señores; porque la sangre se hereda, y la virtud se aquista (adquiere), y la virtud vale por sí sola lo que la sangre no vale”; invítao a ser compasivo pero practicando a xustiza: “Hallen en ti más compasión las lágrimas del pobre, pero no más justicia, que las informaciones del rico” (Cap. XLII)

Os valores son orientacións que axudan a realizar o proxecto da humanidade, dunha sociedade ou mesmo dunha persoa. O criterio vén marcado pola relación que unha acción, un obxecto ou unha persoa poidan dar á realización do proxecto humano. Deste modo, unha realidade ocupará un banzo máis elevado na xerarquía canto maior sexa a súa aportación a tal planificación, e tanto máis baixo canto menor sexa esa contribución. Se se acepta o proxecto marxista, no primeiro lugar da xerarquía estaría lograr o comunismo, unha sociedade sen clases. Se entramos no proxecto do cristianismo, a salvación eterna ocuparía o cenit. No proxecto dun enfermo grave, a saúde estaría no cumio. E así sucede no resto de plans culturais e persoais. O valor é o fundamento de algo que se presenta como un ben.

Transmutación e crise dos valores

Un dos grandes revolucionarios da xerarquía de valores foi Nietzsche, filósofo alemán do século XIX. A súa ácida crítica ós valores tradicionais europeos, xerados na tradición xudeo-cristiá, levouno a facer unha “inversión” ou “transvaloración” de ditos valores para formular un novo modelo axiolóxico fundamentado sobre a vida. Desde o seu punto de vista, os “valores antigos” que se viñan defendo en Europa desde había máis de dous mil anos eran a bondade, o ser, a honestidade, a xustiza, o sacrificio, a verdade, a relixión, a democracia, a igualdade, a solidariedade, a caridade, o altruismo, a paz… Todos estes valores proceden, na súa opinión, dunha vontade da nada (nihilismo) porque van en contra da vida, e “máis alá da vida non hai nada”. Os valores que hai que defender son os propios da vida biolóxica: a nobreza, a excelencia, o poder, o ateismo, a moral do guerreiro, a guerra… Nietzsche quere substituír así o que el denomina a moral “dos escravos” pola moral “dos señores”. Na cúpula da súa xerarquía estaría o que el denominaba “vontade de poder”, que daría paso ao superhome.

Desa aposta nietzscheana pola súa transvaloración estamos vivindo agora, en pleno século XXI. Curiosamente, xa o anticipara o mesmo Nietzsche no ano 1888 con estas premonitoras palabras: “O que aquí narro é a historia dos próximos dous séculos. Describo o que vén, o que xa non pode vir doutra maneira: o ascenso do nihilismo. Esta historia xa pode ser contada desde agora porque a necesidade mesma está operando aquí”. (Prólogo de A vontade de poder). Polo que podemos comprobar, esa profecía estase cumprindo.  

            ¿A que valores nos referimos actualmente cando xorde o debate sobre a crise de valores? Evidentemente aos valores éticos. A diferenza dos valores da modernidade, que rotaban sobre criterios racionais iniciados na Ilustración, contrapóñense os valores dunha sociedade posmoderna coma nosa onde aniñan posicións emocionais, irracionais e subxectivas. Por esa razón catalogamos esta sociedade como a sociedade da posverdade. Unha sociedade que antepón a opinión e as emocións á información dos datos obxectivos.

            Ata hai pouco, o paquete de valores éticos que marcaron tendencia na sociedade española, fortalecendo intensamente a convivencia, procedían da familia, da educación, da relixión, da moral, da confianza nas persoas… Había unha aceptación tácita de respecto ás persoas maiores, ás normas de urbanidade, á veracidade, á importancia da palabra dada, ao acatamento á lei, á obediencia á autoridade, ao esforzo e sacrificio no traballo, ao aforro, á fidelidade, aos referentes de persoas ilustres e sabias…aínda que logo se infrinxisen moitas veces. Pero ao constatarmos que todos eses valores desaparecen da sociedade, damos a voz de alarma proclamando inmediatamente un estado de crise. Decatámonos de que se perdeu a consideración aos proxenitores e ás persoas maiores; vemos como se impón a mentira e se mutila a palabra pactada; comprobamos ata que punto se instalou o hedonismo e se elude o esforzo; percibimos como se exerce a infedilade de forma divertida e frívola; como se estraga o diñeiro de maneira insensata; de que modo se menospreza a autoridade en todos os ámbitos sociais (familia, mestres, autoridades civís…); con que naturalidade xorden iconoclastas de referentes egrexos para instituír no seu lugar novos ídolos con youtubers, influencers, modelos, deportistas, actores e actrices; con que inxenuidade se sacrifica a memoria polo PowerPoint; decatámonos de que impera un enorme interese polo pensamento único, polas modas únicas, polo mercado único, pola uniformidade… Incluso recoñecemos que a ética está máis centrada nos dereitos que nos deberes. En definitiva, vivimos nunha sociedade á que Zygmunt Baumann catalogou como líquida, onde todo o que antes era duradeiro -como a relixión, o emprego e as relación personais- pasa a ser efémero. Asistimos, polo tanto, a un complexo debate dentro dun marco sociolóxico no que conviven dous modelos de valores inequívocamente antagónicos, o cal provoca choques e frecuentes enfrontamentos xeracionais. A elección de valores democráticos, como a tolerancia, a xustiza, o respecto, a decencia (spoudaios, expresión aristotélica na Ética a Nicómaco), a empatía, a responsabilidade, a ecoloxía… determina o éxito de convivencia en calquera sociedade. Impoñer unha disrupción deses valores tradicionais para implantar un modelo antagónico, sabendo que os valores son bipolares, pode conducirnos á intolerancia, ao déficit de civismo, a ideoloxías difusas, á insolidariedade, ao presentismo, á bulimia consumista, ao despezamento familiar… en definitiva, á escisión dun encaixe social que funcionou bastante ben durante moitos anos, pero ignoramos como pode funcionar a súa alternativa.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.