O Psdeg-Psoe de Ourense mantén unha nova reunión no eido da cultura, desta vez co fillo e coordinador da obra do ilustre pintor ourensán, Manuel Prego de Oliver

Os socialistas escoitaron as propostas do coordinador da obra do artista e tamén concordaron co mesmo en varios temas de “imperiosa” necesidade

Realizar un inventario da obra do pintor e negociar coa Fundación Abanca o traslado da parte da obra que se atopa en Vigo para beneficio da cidade de Ourense foron algúns dos puntos analizados

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense continúa coas súas reunións culturais e mantivo un encontro co fillo do ilustre pintor, Manuel Prego Oliver, coordinador da obra de seu pai, que é considerado un dos mestres dos coñecidos como artistiñas. Os socialistas escoitaron as propostas do coordinador da obra do artista e tamén concordaron co mesmo en varios temas de “imperiosa” necesidade.

No transcurso deste encontro falouse da necesidade de realizar un “inventario” da obra do pintor, xa que como apuntou o propio fillo “atópase dispersada entre familiares, chegando a estar algunha obra en mans da Fundación Abanca ou incluso non atoparse, ao non estar correctamente inventariada”. Os socialistas tomaron nota desta aportación e coinciden na “necesidade imperiosa” de inventarias a obra de Prego de Oliver con “rigorosidade” co fin de “coñecer” todas as obras das que dispón o pintor.

Dende o Grupo Municipal Socialista tamén concorda na necesidade de recuperar a obra do pintor ourensán, que nestes momentos se atopa na cidade de Vigo, na sede da Fundación Abanca e que tal e como apuntan os socialistas “non se negociou do xeito correcto no momento da fusión, motivo polo que as obras remataron na cidade olívica”. Os socialistas avogan por negociar coa fundación o seu traslado a cidade de Ourense para beneficio da cidadanía e sería tal e como explican “unha medida estrela para calquera goberno sensible e comprometido coa cultura”.

Durante o encontro tamén se falou doutra necesidade “imperiosa” na cidade de Ourense como é dispoñer dun espazo onde se poidan realizar exposicións de xeito “permanente”. Tanto o fillo de prego de Oliver como os socialistas consideran que a obra dos coñecidos como artistiñas e toda aquela persoa cunha bagaxe e implicada no mundo da cultura, “poidan expoñer as súas pinturas”. Dende o PSOE ourensán apuntan que “esta é unha reivindicación de todos estes artistas e que vemos que é un tema que nos reiteraron en varias das conversas culturais que estamos a manter con diferentes organismos e personalidades”.

Durante a xuntanza tamén se analizaron outros temas polo miúdo como recuperar as conversas do Hotel Roma “con gran calado no pasado polo seu prestixio e a calidade e riqueza que aportaban no eido cultural”. Tamén se analizou a creación das novas infraestruturas culturais da cidade, sitas no complexo de San Francisco e a necesidade de comunicalas co resto da cidade co obxectivo de “salvar barreiras arquitectónicas e mellorar a mobilidade e accesibilidade da veciñanza”. Os socialistas avogan por mellorar a conectividade a través do autobús urbano que permita que a xente poida achegarse co facilidade a este complexo no que están situados en poucos metros o auditorio municipal, o arquivo histórico provincia, a biblioteca Nós, a escola de artes escénicas, o claustro de san Francisco ou o propio cemiterio.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense anuncian que seguirán coas reunións sobre temas culturais despois das xa mantidas co Liceo, Ateneo, Cine Clube Padre Feijóo, Queixumes dos Pinos, Fundación Jaime Quesada ou esta última co fillo de Prego de Oliver.