O ritmo de inscricións augura un novo récord de participación no Concurso de Camisetas, que contará coa actuación de “El Pirata” de Rock FM

Que a mocidade se involucre na Festa do Pulpo e se contaxie do espírito dunha celebración que estrea a declaración de interese turístico internacional. Nesta edición número de 60 o Concurso de Camisetas volverá a ser un dos pratos fortes da programación. Será o sábado día 13 de agosto e, polo de agora, xa son preto dunha vintena as peñas inscritas para participar, se ben o prazo para entregar a documentación remata o mércores. Nas bases establécense as normas que rexerán o certame e poden consultarse nas redes sociais do Concello do Carballiño. Os interesados poden presentar un deseño creado en base a debuxos, imaxes, palabras, frases, números ou calquera ouro elemento gráfico, e poderá ser impreso sobre unha camiseta de calquera cor, na súa parte dianteira ou traseira, ou en ambas.

Cómpre destacar que a participación está aberta a todos os colectivos que o desexen, sen límite de idade sempre que o responsable da agrupación teña máis de 18 anos. En canto aos premios, establécese un único ao mellor deseño e dotado con 200 euros para a camiseta que reciba máis votos. O resto das que cumpran os requisitos das bases recibirán unha compensación por importe de 60 euros cada unha. As camisetas de cada peña serán expostas na Praza Maior o día 13 de agosto, a partir das 17.00 horas. Agárdase superar o récord de participación do 2019, tendo en conta que non se puido celebrar nos últimos dous anos por mor da pandemia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Unha actuación estelar

En lugar do desfile das peñas, o Concurso das Camisetas contará este ano cunha actuación estelar. Pablo Ordúñez, máis coñecido como El Pirata, protagonizará un espectáculo na Praza Maior, a partir das 20.00 horas. O locutor da emisora Rock FM ofrecerá grandes doses de música e humor. Dende o Concello do Carballiño anímase a todos os participantes no certame a sumarse á súa actuación.

Un día despois, o 14 de agosto, celebrarase o día grande da Festa do Pulpo e esta mañá puxéronse a venda as entradas para a comida no recinto oficial. Pasarase de 1.200 prazas a 800 por cautela e redúcese o prezo real do menú, que aínda que tería un coste de 47 euros pola inflación, redúcese a 30 euros.

Tamén nesta edición, que será a número 60, intentarase bater un novo récord coa preparación da tapa mais grande do mundo: serán 515 quilos de pulpo, 15 máis que o ano pasado, os que se cocerán e na súa preparación participarán unha trintena de profesionais.

Cómpre destacar o papel dos patrocinadores na Festa do Pulpo: Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Inorde, Abanca, Estrella Galicia, Aceites Abril, Gadis, Pazo Tizón, Viaqua, GRI Towers Galicia, Oreco Balcón, Avatel Telecom, CER&BER e IBERIK Akua Natura.