O líder de Luar Na Lubre, Bieito Romero, será o primeiro “Gaiteiro da Catedral”

O músico terá a honra de subir o vindeiro martes á torre da catedral de Ourense e iniciar a homenaxe mundial permanente ás vítimas do COVID-19 e ao persoal esencial na pandemia

Todos os gaiteiros que realicen este acto -os 365 días do ano- recibirán na súa primeira participación un pergamiño asinado polo presidente da Deputación de Ourense, cuxo texto refire o carácter perpetuo do acto, facendo constar que a provincia “rende esta homenaxe á solidariedade dos pobos do mundo”

AVANTAR ACTIVIDADES

O líder e membro fundador do grupo Luar na Lubre, Bieito Romero, será o primeiro “ Gaiteiro da Catedral”, que terá a honra de interpretar o himno oficial da provincia, Ourense non solpor, desde a torre da catedral de San Martiño. Será o vindeiro martes, no primeiro acto da homenaxe mundial permanente ás vítimas do COVID-19 e ao persoal esencial que traballou durante os duros meses da pandemia, un evento organizado pola Deputación de Ourense, o Bispado e a Catedral de Ourense, que terá lugar na praza de San Martiño da capital ourensá. Alí, ás 11.30 horas (hora emblemática que representa o 11 de marzo, día en que a OMS decretou a pandemia mundial), Bieito Romero, músico de orixe ourensá, Fillo Adoptivo do municipio de Esgos, terá a honra de subir á torre do templo, ataviado coa Capa do “ Gaiteiro da Catedral”, que se estrea nesta ocasión, e iniciar a homenaxe mundial permanente ás vítimas o COVID-19 e ao persoal esencial na pandemia.

Serán dous minutos de actuación. Nese momento soará na praza de San Martiño e no centro histórico da cidade a melodía Ourense non solpor, de Manuel de Deus, que simboliza os valores de Ourense e a concordia deste pobo.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, agradece a Bieito Romero “que aceptase ser o primeiro gaiteiro que poña o seu nome no que se converterá nunha tradición para a historia da provincia de Ourense e de todos os pobos do mundo” e sobre a melodía expresou: “Non existe mellor composición musical para simbolizar o afecto da nosa terra, Ourense, con todos aqueles lugares onde chegaron as xentes de Ourense, persoas traballadoras, creativas e emigrantes cuxo carácter emprendedor e solidario resumiu perfectamente Manuel de Deus en dous minutos de música que é e será sempre unha obra de arte chea de fraternidade”, destaca o presidente Baltar.

Tras Bieito Romero, nos días sucesivos, gaiteiros de diferentes colectivos e agrupacións folclóricas continuarán con esta homenaxe os 365 días do ano, e todos recibirán despois da súa primeira participación un pergamiño acreditativo asinado polo presidente da Deputación de Ourense, cuxo texto fará referencia ao carácter perpetuo do acto, facendo constar ademais que a provincia de Ourense rende esta homenaxe “á concordia dos pobos do mundo, o mellor sentimento que alberga a convivencia humana, lembrando a solidariedade que nos une fronte á pandemia do coronavirus COVID-19”.

Honra e homenaxe

O pergamiño -numerado para cada gaiteiro e escrito en galego-, deixa constancia “do labor que fixeron, fan e seguirán facendo, tantas persoas por salvar vidas fronte ao COVID-19; en honra aos que nos deixaron durante a pandemia e en homenaxe ás persoas que ao longo dos séculos continuarán realizando o seu labor solidario en favor dos demais. Desde esta terra, Ourense, que ten na súa alma a esencia da Ourensanía, cada día -os 365 días do ano-, soará desde a torre da Catedral de Ourense, o Himno Oficial da Provincia de Ourense, obra de Manuel de Deus, “Ourense non solpor”, interpretado por un gaiteiro ou unha gaiteira”, sinala o documento.

A iniciativa “O Gaiteiro da Catedral” está aberta á participación de gaiteiros de Ourense, Galicia, España e internacionais, e nestas sentido agrupacións de gaiteiros de Ourense valoraron moi positivamente este acto e coinciden en destacar a súa fortaleza polo que supón de carácter popular e achegamento co máis tradicional da nosa música, unindo a figura musical máis importante de Ourense, o gaiteiro, co acto solidario máis relevante en favor das vítimas da pandemia.