O Grupo municipal de Espazo Común ven de presentar unha moción no Concello para “PARA QUE SE INFORME Á CIDADANÍA DAS CAUSAS DO RETRASO NA OBRA DAS RÚAS QUE UNEN A AVENIDA JULIO RODRÍGUEZ SOTO COA DO BALNEARIO“
Despois de pasar xa meses do prazo de execución que tiña a empresa adxudicataria os veciños achegannos a súa preocupación pola falla de movemento.
Os problemas coas empresas que reciben contratos do Concello do Carballiño comezan a ser xa unha tónica demasiado frecuente.
MOCIÓN PARA QUE SE REMATE A OBRA DAS RÚAS CUBA, URUGUAY, BRASIL, VENEZUELA E REPÚBLICA ARXENTINA :
Aínda está fresco na memoria da veciñanza do Carballiño o escandaloso desastre do proceso de reforma do Parque Infantil da Alameda. Unha obra comezada cun evidente interese electoralista nunhas datas que provocaron que durante moitos meses, incluindo os de verán, o principal espazo de lecer dos cativos da nosa vila estivese inutilizable.
As escusas e a sensación de desorganización e descontrol que transmitiu o goberno na xestión desta desfeita foi constante, prometendo numerosas datas para a súa finalización que se foron incumprindo paulatinamente para desesperación das familias usuarias e dos comerciantes da zona.
Tristemente este non foi un feito illado na realidade diaria do Concello do Carballiño e, de novo, unha obra emprendida ás présas no período preelectoral, está a causar indignación, estupor e moitas molestias á veciñanza.
Trátase niste caso do arranxo das rúas que unen a Avenida Julio Rodríguez Soto coa Avenida do Balneario.
A obra que foi adxudicada a unha empresa o día 17 de xaneiro de 2019 por un importe de 270.057, 95 € e que contaba cun prazo de execución de 6 meses, está a día de hoxe, nove meses despois, moi lonxe de verse rematada.
Os veciños das rúas Venezuela, Cuba, Brasil, Uruguay e República Arxentina levan padecido todo tipo de incomodidades durante este tempo pero agora xa están chegando á desesperación.
Problemas de acceso aos garaxes, accidentes, unha xestión ridícula da recollida de pluviais con tubos desaugando direitamente á calzada ao través duns estéticamente abominables ocos deixados nos bordillos das beirarrúas, sinais colocados de xeito estrafalario, recortes psicodélicos para salvar tapas de rexistros…
Dende o Grupo Municipal de Espazo Común, xa demandamos que se nos facilitara copia do proxecto alá polo 5 de xullo e reiterada o 3 de novembro, e como de costume, recibimos un caciquil e sospeitoso silencio por resposta.
A preocupación vai en aumento ao saber que a empresa adxudicataria xa cobrou, como mínimo uns 33.000 € da obra e, sen embargo, segundo denuncian os veciños das rúas afectadas, xa hai tempo que non se ven traballadores da mesma pola zona.
Á fin, un despropósito que semella estar deseñado para competir coa chapuza da Alameda e do que alguén se terá que facer responsable e dar algunha explicación.
Visto todo o anteriormente comentado,
SOLICITAMOS
- Que se entregue unha copia do proxecto que foi adxudicado no seu día aos grupos da oposición cos conseguintes informes técnicos.
- Que se aclaren as cantidades pagadas xa á empresa adxudicataria.
- Que se tomen medidas urxentes e se esta non se compromete a rematar a obra no prazo dun mes, se lle apliquen as sancións pertinentes e se adxudique o que falta por rematar a outra empresa.