Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
Artigo : “Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) ”
O perfil dos políticos e o papel da intelectualidade
O berce da política está en Grecia, que nos deixou unha visión moi rica e pragmática da política. Grecia inventou a democracia, ese réxime político que elixe o seu goberno seleccionando as persoas mellores e máis capacitadas. En Grecia había unha paideia política, unha cultura e unha educación cidadá. Había grandes pensadores que buscaban a fundamentación das distintas formas de goberno, e aqueles grandes pensadores ligaban a política á ética. Non se permitía que os gobernantes traspasasen os principios éticos buscando o beneficio propio e sacrificando o ben común. Incluso Platón propuxo un goberno republicano onde a clase dos gobernantes e a clase dos defensores (clase militar), que eran as dúas clases superiores e tiñan o poder político, non puidesen ter bens propios. Xa se cortaba de raíz a tentación á corrupción. En todo caso, calquera que fose a forma de goberno dunha polis, a ética nunca se podía violar. E niso coincidían Sócrates, Platón, Aristóteles e outros moitos pensadores helenos.
En Roma, que reproduciu o pensamento heleno, sucedou algo parecido. Basta con recordar a Cicerón, crítico contra a ditadura e contra todo tipo de corrupción (recordemos o discurso contra Verres, ao que os sicilianos acusaron de corrupción e roubo de obras de arte); Catón, modelo de honradez tanto na súa acción política como teórica; Séneca, un dos políticos e pensadores máis prestixiosos do Imperio Romano, defensor da moral nuns anos de enorme inmoralidade. Todo isto quere dicir que aínda que os políticos de turno tivesen a tentación de desviarse do seu deber como gobernantes, había unha reacción intelectual moi atenta contra todos esas perversións.
Durante o Renacemento, a época Moderna e a Contemporánea apareceron pensadores que intentaron buscar un sentido ideal da política. Pensemos en Maquiavelo, quen nos seus Discursos sobre a primeira década de Tito Livio reivindica o modelo da República como o mellor modelo posible. Pero será no seu libro O príncipe cando propoña unha forma de goberno adaptada á realidade social. Non esquezamos a Montesquieu, autor do Espírito das leis, onde establece a separación dos poderes: executivo, lexislativo e xudicial. Lembremos a Locke, quen escribiu que a soberanía nace da cidadanía, e que a vida, a propiedade e a felicidade son dereitos naturais das persoas antes de que aparecesen as leis positivas. Rememoremos a declaración dos dereitos do home e dos cidadáns de 1789. Lembremos asemade a Declaración dos dereitos humanos promulgados polas Nacións Unidas en 1948. E tampouco pasemos por alto as ideas de Habermas e Rawls sobre o valor do diálogo e da xustiza na política. Comprobamos, pois, como a concienciación sobre a ética política ten ido unida á reflexión humana. Pero que pasa agora?
Penso que os cidadáns ignoramos dunha forma descomunal os fundamentos, as obrigas e a función social da política. Cómpre, pois, unha nova ilustración para estes cidadáns posmodernos do século XXI. Moitos deles teñen asumido que os políticos, por natureza, son os donos das nosas vidas e facendas; están convencidos de que temos que estar subordinados ás súas decisións e que lle debemos estar agradecidos por perdonarnos a vida. O peor deste andazo é que moitos políticos están convencidos da certeza desa crenza asumindo, actuando e propagando esa idea. Pero moitos estamos cansos de oír declaracións de dirixentes políticos defendendo o seu rol social como imprescindible; alporizámonos tamén ao enterarnos da aprobación de leis parlamentarias que favorecen os intereses das súas señorías- nesta situación si hai unanimidade no arco parlamentario, independentemente da ideoloxía que os divide noutros casos-. Exaspéranos que das súas decisións dependan os seus salarios -sempre incrementados-, así como o modo de responder ante a xustiza -aforamento e suplicatorio-, a súa compatibilidade laboral -á marxe da función política-, as persoas que nos obrigan a elixir nas eleccións -listas pechadas-… Estes políticos non teñen asimilado o concepto de isonomía (igualdade ante a lei) ao considerarse e actuar como unha casta especial dentro da sociedade.
Esa falta de cultura política implica que os cidadáns nos creamos con menos dereitos dos que realmente posuímos e, porén, toleremos excesos legais dos nosos gobernantes polos que non protestamos. O nepotismo, o clientelismo, o autoritarismo, o amiguismo, as prebendas… son perversións que van unidas ao poder. De aí agroman as corrupcións que nos últimos tempos acaparan as noticias dos medios de comunicación e nas que non sempre asoman todos os implicados. Ante certos casos, os medios de comunicación son cómplices a cotío dos corruptos pois pretenden distraer aos cidadáns orientando a súa atención a temas irrelevantes e banais, seleccionando noticias intrascendentes nas que as persoas manteñan ocupada a mente ou abarrotando de información non acontecementos culturais e científicos, senón curiosidades do mundo da farándula, eventos deportivos, enredos adobados de irritante frivolidade, etc. Así, os espazos informativos funcionan como cortinas de fume que ocultan as corruptelas e desatinos dos políticos afíns inducindo aos espectadores a que perdan de vista os problemas reais e os casos de corrupción.
A falta de importantes intelectuais nos resortes do poder político, a mediocridade de moitos dos seus dirixentes, así como a súa inexperencia e incompetencia nos cargos de responsabilidade na xestión, implementa a saciedade e malestar cidadán que conduce ao escepticismo.
Platón escribiu na súa República que os gobernantes tiñan que ser filósofos, ou sexa, persoas competentes ética, cultural e cientificamente; pero “como os filósofos non queren gobernar, alomenos os que gobernen que sexan filósofos”, dicía o fundador da Academia. Pois ben, na man dos cidadáns está realizar esa elección. Cando se seleccione adecuadamente aos que nos van gobernar teremos moito andado. De todos modos, a política recobraría o valor que se lle concedeu en tempos pasados se os gobernantes tomasen como guía da súa acción a ética. Se iso fose posible, a res publica daría un cambio prodixioso e ilusionante. Ademais dese deber dos políticos, está o deber dos cidadáns, que consiste en tomar conciencia das inxustizas que comete o poder político. Dado que Platón queda moi lonxe de nós no tempo, quizais fose unha boa referencia para solucionar as perversións políticas actuais a Teoría da xustiza de Rawls, baseada na reconciliación dos principios de liberdade e igualdade a través da idea da xustiza como equidade. Para a consecución deste fin é central o seu famoso acercamento ao aparentemente insuperable problema da xustiza distributiva, lamentablemente esquecida no mundo actual onde a riqueza está tan mal distribuída. A sociedade ten mecanismos suficientes para conseguilo. Só é necesaria unha concienciación social para impedir que se consuman perversións escandalosas que agora se toleran con excesivo pasotismo.
Para Aristóteles a moral forma parte da Política porque a vida individual (sometida á moral) só se pode cumprir dentro da polis (Estado). A Política, escribe Aristóteles, prescribe o que se debe facer e o que cómpre evitar. O ben político é o máis alto dos bens humanos, pois aínda que en realidade sexan un mesmo o ben do individuo e o ben do Estado, parece mellor e máis perfecto procurar salvagardar o do Estado que o do individuo. En principio esta idea pode soar a estatalismo totalitario, semellante á postura hegeliana do Estado, pero nada máis afastado de tal similitude. A xustiza, para Aristóteles, depende da Lei, de tal modo que cando esta foi rectamente ditada, a xustiza legal implica a virtude enteira. Nese mesmo sentido manifestouse Ortega y Gasset: “Un hombre de hoy no es nada, no tiene derechos ni calidades, si no es ciudadano de un Estado. Pero el Estado es una colectividad previa a cada individuo (…) El extracto primario de nuestro ser es, pues, un tejido hecho de colectividad. Lo propio acontecía en el mundo antiguo (…) El señor medieval, por el contrario, no conocía propiamente Estado. Poseía derechos desde su nacimiento o los ganaba con su puño. Estos derechos le atañían por ser él quien era y previamente a todo reconocimiento por parte de una autoridad” (El espectador).
En épocas de integración, como foi a época de Aristóteles, establécese a supremacía do ben común, e por iso afirma a subordinación da Ética á Política, co que quere significar que o ben particular está sustentado no ben común.
Posiblemente o intento aristotélico non é outro que salvar a forma de convivencia na polis, cunha perfecta harmonía entre o ben privado e ben público. Pero en épocas como as actuais, de Estados enormes e omnipotentes, o interese ético vese desprazado cara á persoa e cara á defensa da liberdade persoal.
Na doutrina aristotélica, o fin da ética e o da política son idénticos: a felicidade, o vivir ben, a vida perfecta e suficiente, para a que se precisa, o mesmo no caso do Estado que no do individuo, non só a virtude, senón tamén os bens exteriores. A finalidade da paideia é educar aos cidadáns, non primordialmente para o negocio, senón para o ocio, non para a guerra, senón para a paz. ¡Que lonxe soan estas palabras para unha sociedade como a nosa! Qué podemos facer?
A cidadanía, a diferenza da política, non é un sistema senón un recurso humano non estruturado que suministra actores e pacientes políticos. A cidadanía, ou o público, pódese dividir de conformidade coa súa información e implicación política nestas catro clases:
Ben informada e activa. Ben informada e pasiva. Mal informada e activa. Mal informada e pasiva. Unha cidadanía informada e activa resulta beneficiosa para o sistema democrático. Unha cidadanía mal informada e pasiva é a máis adecuada para as ditaduras. A cidadanía informada e pasiva non aporta nada á democracia, pero as persoas que a integran son unha boa reserva para as democracias, por iso son galanteadas polos demócratas nas eleccións. Por último, os cidadáns mal informados activos e os mal informados pasivos constitúen unha ameaza para a democracia, porque normalmente apoian políticas pouco cívicas e inmorais, e forman parte dos seguidores de demagogos e ditadores.
A selección dos políticos
Cada un dos cidadáns podemos preguntarnos como tales persoas chegaron a deputados, senadores, parlamentarios autonómicos, concelleiros…? Ese interrogante carece de respostas fiables e categóricas. A pregunta podería ampliarse a estoutra: como seleccionan os partidos políticos aos candidatos que nos propoñen como representantes? Os criterios desa selección son innumerables, pero en moi poucas ocasións forma parte deses principios a idoneidade representativa, a capacidade intelectual, a talla moral, o curriculum sobre éxitos e anos de xestión social… A maior puntuación desa selección procede dos anos de afiliación e servizos ao partido, da amizade cos órganos rectores do grupo político, coa aportación económica ao partido, coa popularidade da que goce no seu ámbito laboral ou social… E os votantes vense obrigados a votar o paquete completo dos integrantes dese partido, sen posibilidade de opción por algúns deles.
Por que en España existe tanta aversión ás listas abertas? E por que non reducir o número de deputados e senadores, de parlamentarios autonómicos, de direccións xerais, gabinetes, delegacións, subdelegacións, etc. do Goberno central e das Autonomías? A primeira beneficiada sería a economía, pois como xa dixera Guillerme de Ockham, século XIV: entia non sunt multiplicanda praeter necessitatem. As mesmas funcións poderían ser executadas por un número máis reducido. O número desorbitado que existe actualmente nas institucións ocasiona menos eficacia e máis batifondo.
A pesar de que debemos ser optimistas confiando na evolución da sociedade para lograr métodos e sistemas políticos máis perfectos, empecemos por esixir aos políticos actuáis criterios éticos e morais no seu modus operandi. Esa é unha premisa previa para poder acadar un mundo máis xusto e inmensamente mellor. Non obstante, queda aínda moito que facer por parte dos cidadáns. E un dos primeiros cometidos será erradicar o efecto ancoraxe nos procesos electorais, esa desviación psicolóxica no procesamento mental que arrastra a unha distorsión cognitiva en termos de irracionalidade no momento de seleccionar aos candidatos e aos partidos. Unha elevadísima porcentaxe dos votantes actúan baixo ese efecto ancoraxe votando ao partido político ou aos candidatos que emiten mensaxes que coinciden coa ideoloxía propia, cos gustos e desexos persoais, coas propias ilusións e intereses, aínda sabendo que existen argumentos lóxicos de que tales propostas e promesas son irrealizables ou incluso inviables. Esa actuación emocional, irracional, contribúe a soster o sistema electoral actual, que ampara a corrupción, a mala xestión institucional e a incapacidade dos dirixentes. Moitos destes atenden máis ás conveniencias persoais que á consideración e ao respecto polos cidadáns.
Aceptemos que actualmente hai unha triple crise provocada pola aparición do coronavirus: a sanitaria, a económica e a social, esta última como consecuencia das dúas anteriores. Ese fenómeno disruptivo deixa en evidencia á maioría dos relatos políticos respecto a unha saída exitosa e inminente do actual colapso social, ao mesmo tempo que supón un test fundamental para o exame final ao que a sociedade vai someter a todo político deste país. Superarano? Observamos unha actitude duns dirixentes basculando entre a ansiedade, o vertixe e os riscos dunha posible factura de votos no horizonte próximo pola acumulación dos seus fracasos. A solución política para saír airosos da pandemia parece, pois, máis que improbable se analizamos a incoherencia dos nosos dirixentes e as trémulas decisións das súas propostas, ata o punto de que desde fóra de España existe un enorme escepticismo sobre a capacidade de achar solucións políticas aos problemas nos que nos atopamos, como acaba de expresar recentemente o economista alemán da Universidade de Munich, Friedrich Sell, preguntándose se España pode ser un Estado fallido.
Asumamos todos a realidade política deste país procurando contribuír á solución do problema escudriñando alternativas democráticas ao ancoraxe na que se atopa a nosa clase política. Penso que non podemos admitir que se actúe en política como se nos atopásemos nunha época posmoral, na que bastan o dereito e a política para resolver os conflitos sociais e as corrupcións. Os cidadáns merecemos uns principios e un rango moral no que confiar sen necesidade das intervencións xudiciais, que en boa parte son cuestionadas socialmente. Os códigos morais revelan os valores bos e malos das accións, o que se pode facer e o que está prohibido. Só así se poderá fundamentar unha política auténtica. Esixamos, pois, unha ética á política, non unha ética política. Sabemos que a ética ten que relacionarse co benestar material dos individuos e as colectividades particulares, xusto porque calquera asalto a este benestar constitúe unha ofensa contra a humanidade en xeral. A existencia universal da moral ou a existencia dunha natureza moral común a todos os seres humanos implica que a ética ten tamén a súa aplicación práctica á vida social do individuo. Hai que tentar conseguir, xa que logo, que toda a humanidade se conciencie de que a reflexión ética chegue á acción política na contorna social próxima e inmediata do individuo. E iso é o que reivindicamos neste país e para este país no que vivimos.
—————————————————————————————————-
Outros artigos de Avelino Muleiro
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
—————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.