Emilio González destaca a inversión dun millón de euros na reparación dunha drenaxe transversal na N-541 en Punxín

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o xefe provincial da Unidade de Estradas do Estado, Álvaro Rodríguez, supervisaron esta mañá os traballos de reposición dunha obra de drenaxe transversal na N-541 no concello de Punxín.

Esta actuación, levada a cabo polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, contou cun orzamento de un millón de euros e as obras realizáronse entre os meses de agosto e comezos de decembro.

AVANTAR ACTIVIDADES

O subdelegado do Goberno sinalou que “se trata dunha obra moi importante neste elemento de drenaxe polo que discorre o regato do Faro, xa que reforza a seguridade dos usuarios que empregan a diario esta vía”.

As obras na N-541 ao seu paso por Punxín consistiron na substitución dun tubo de aceiro corrugado, deteriorado debido á súa antigüidade e aos axentes atmosféricos, por un novo marco de formigón armado co fin de mellorar a canalización e a drenaxe da estrada.

Para a execución desta obra foi precisa a construción dun desvío alternativo e a escavación dun terraplén de aproximadamente 15 metros de altura, co fin de permitir a retirada do tubo deteriorado e a instalación da nova estrutura con total seguridade. Tras finalizar esta actuación, procedeuse á reposición do terraplén, do firme, da sinalización e dos servizos de saneamento, abastecemento e eléctricos que discorren pola estrada.