Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
Artigo : ” Devalo da Galicia interior ”
Á memoria de meu amigo José Ramón Bueno, que
nos acaba de deixar o día de defuntos. A súa partida
tamén incrementa ese devalo da Galicia interior. DEP.
No vocabulario político destes últimos lustros naceu a expresión “España vaciada”, que se aplica ao mundo rural con todos os seus valores, demografía, formas de traballo, relacións humanas, etc. Esa mesma expresión extrapolouse a Galicia adaptándoa á expresión “Galicia baleirada”, que chegou a crear unha enorme alarma social capaz de estremecer as institucións gobernamentais do Estado e singularmente da Autonomía. E razóns hai dabondo para que ese fenómeno intranquilice ás autoridades políticas, económicas e culturais auspiciando os grandes problemas que se abren cara ao futuro da sociedade galega. O panorama desta situación ofrécese, abofé, desolador e incerto.
Nas últimas décadas, o interior de Galicia, coñecido como “o rural galego”, vai desaparecendo a velocidade de vertixe. As aldeas desángranse de veciños sen capacidade de recambio dada a baixa, nula nalgúns casos, natalidade a nivel nacional e autonómico. E a pouca xente que queda nelas está envellecida, co agravante de que máis dun vinte por cento desas persoas vive soa. A xuventude, chamada a ser a súa substitución natural, ten como obxectivo traballar e asentarse na cidade sen querer saber nada do mundo rural. Daquela, que vai ser das nosas aldeas? Na década dos anos setenta do pasado século, os compositores italianos Jinmy Fontana e Franco Migliacci compuxeron unha famosa canción que leva por título “Qué será, qué será, qué será”, marabillosamente interpretada por José Feliciano, e que os seus primeiros versos ben puideramos engastalos nesa interrogante. A canción comeza así:
Pueblo mío que estás en la colina
Tendido como un viejo que se muere
La pena, el abandono son tu triste compañía
Pueblo mío te dejo sin alegría.
Esta estrofa, música incluída, podería simbolizar perfectamente a marcha fúnebre das nosas aldeas, ás que vemos “morrer entre a pena e o abandono”.
Ate hai unhas cinco ou seis décadas, o interior de Galicia transcorría de forma semellante á dos seus antepasados, pero incorporando os avances da maquinaria e da tecnoloxía de finais do século XX co propósito de conciliar a tradición coa modernidade. Esa poboación presentaba unha nutrida demografía que pouco se asemella á actual. A perda de poboación foi aumentando de forma acelerada nos últimos anos, arrastrando ao abismo as antigas tradicións, os costumes e as relacións sociais, implantando a soidade dos poucos veciños que quedan e proclamando o fracaso xeral da esencia da aldea. Asistimos abraiados á mutación das formas tradicionais de relacións que se desenvolvían cos elementos da paisaxe parroquial, tanto da paisaxe silvestre como da paisaxe humanizada -prados, leiras, hortas, agros-. Iso implica menoscabo e abandono das casas, debuxando no seu espazo perimetral unha paisaxe dantesca de aldeas fantasmas. Incluso se está borrando a estampa dese rechouchío coral integrado por xílgaros, verderolos, andoriñas e gorrións que aniñaban nas parras, nas figueiras, nas solainas e nos tellados dos hórreos. Xa non cantan os paspallás nas leiras de centeo nin nos agros de trigo porque xa non se sementa. O silencio das escolanías ornitolóxicas enche agora as mañanciñas e solpores mentres as campás da igrexa parroquial fan sinal polos últimos veciños do lugar.
Na actualidade é normal atopar nas aldeas galegas palleiros baleiros, hórreos caendo por falta de millo, plásticos negros cubrindo montóns de herba ensilados, alpendres destellados, chemineas sen fume nas xeadas mañáns dos invernos… E ese desencaixe urbanístico das construcións aldeáns arrastra consigo o derrubamento dos muíños, a desaparición das fontes, a perda dos oficios artesáns (costureiras, xastres, carpinteiros, ferreiros…), a paralización das festas, romarías e xuntanzas; e a ese mesmo compás vai morrendo a súa lingua e a súa cultura. A aldea representa o berce e o crisol da lingua galega. Na aldea, todos falan a mesma lingua, desde os cativos aos anciáns, desde o ferreiro ao tractorista, desde o adegueiro á tendeira. Na aldea, cada palabra ten un significado, e cada significado ten vida de seu. Non cómpre lembrar que lingua se usa na aldea. O galego é o epítome da súa comunicación. Así o entendeu o galeguista Antón Losada Diéguez cando escribía na revista Nós, de cuxo nacemento se cumpre precisamente este mesmo outono o seu primeiro centenario:
“A Natureza é máis forte que a vontade do pobo… iso explica que o galego o conservase a Galicia do campo, a Galicia dos labregos, do pobo, a Galicia forte e sinceira… e non a Galicia das cidades e das vilas, a Galicia dos señoritos, a Galicia da vergoña, a Galicia da imitación…”
O abandono do rural comezou a incubarse a partir da década dos setenta do século XX cos baixos prezos do leite en orixe, lastrando o futuro dunha terra eminentemente gandeira e dunhas explotacións coxas sen o aporte do sector lácteo. Moitas daquelas explotacións estaban xestionadas na súa maioría por persoas de idade avanzada, sen marxe de beneficios para contratar persoal que insuflase novo pulo ás granxas.
Os poucos fogares que actualmente permanecen activos tiveron que adaptarse a unha transformación de traballo e de vida, converténdose en pequenas empresas familiares de carácter agropecuario, obrigadas a planificar o seu desenvolvemento coa modernización de todos os seus elementos: muxidoras mecánicas, depósitos refrixerantes para o leite, etc.
O sector agrario tamén se viu afectado pola entrada no mercado da froita, hortalizas e cereais procedentes doutras rexións españolas e mesmo doutros países, non podendo competir nos prezos de venta.
E daqueles pos veñen estes lodos. Das 3.771 parroquias que hai en Galicia, algo máis de 575 teñen 10 ou menos veciños por km2, o que se cataloga socioloxicamente como aldeas desertas. Nelas viven só o 1.5% dos galegos. Hai outras 1.401 parroquias nas que a densidade de poboación é menor ou igual a 20 veciños. En conxunto, estas últimas supoñen o 47,6% dos kilómetros cadrados que ocupa Galicia no mapa. E de non cambiar a tendencia, dentro de poucos anos converteranse en parroquias desertas (10 ou menos veciños por km2).
É urxente, xa que logo, xerar unha nova conciencia encamiñada a conservar estas aldeas e a deseñar iniciativas para que as repoboen fornadas de novos veciños que cheguen buscando un lugar onde acollerse e traballar. Nós, todos os galegos que vivimos en Galicia -tanto en cidades/vilas como en aldeas-, non debemos ser responsables de disipar o patrimonio dos nosos devanceiros nin renunciar a unha herdanza que aínda pode ter futuro. Estamos na obriga de salvar as nosas aldeas, as nosas parroquias, as nosas terras, as nosas casas… para non ter que ver con ese abatemento e dor que xa previu con bastantante antelación Álvaro das Casas naqueles versos do seu libro Sulco e vento:
En procura dun recanto
Voltei polo meu casal,
Está todo esborrallado
Nin o lar me queda xa.
Loitemos, logo, polo noso acervo cultural e material recuperando a nosa espiritualidade enxebre, a nosa alma galega, o noso sentimento telúrico. É unha obriga, non só sociolóxica, antropolóxica e política, senón tamén ética. Por todas esas obrigas, reivindicamos dos políticos e das nosas institucións unha reflexión profunda para frear en seco o devalo imparable dese mundo interior de Galicia, dese cosmos natural coidado e mimado polos nosos antergos. Por tales razóns, para contribuír a un intenso desenvolvemento do rural galego non estaría de máis empezar por poñer en valor sinerxias xa activas, como poden ser as que existen entre o viño, os produtos agroalimentarios, a cultura e o turismo. Desa forma comezarán a agromar reformas innovadoras que servirán de base para dinamizar o agro e para, deseguido, poder subir ao mercado global uns produtos inigualables pola súa calidade que sirvan de plataforma cara ao exterior dunha Galicia competitiva e dinámica. Apostemos por poñer en valor os produtos galegos exaltando e cantando a súa calidade e promocionando as súas zonas de produción, o que sen ningunha dúbida atraerá a un maior consumo dos seus produtos e a un incremento do turismo, contribuíndo así á sostenibilidade desa Galicia interior que se baleira.
Probablemente a maioría das nosas aldeas non pretenden acadar o grao de benestar e de luxo das grandes vilas e cidades. As súas pretensións son máis modestas e sinxelas. Fundamentalmente consisten en deixar de ser o berce da morte da súa veciñanza para regresar ao berce da vida e da esperanza.
Queda moito que facer… E por iso mesmo pregamos ás autoridades nacionais, autonómicas, provinciais e locais que xestionan o mundo rural para que de inmediato se poñan a traballar. Desa maneira, aínda que paseniño, como fío de luz estrelecido entre os amenceres lentos que marca a burocracia, esperamos que chegue a tempo ese desfibrilador institucional para impedir que deixe de latexar o corazón da Galicia interior. Salvar a Galicia interior tamén é salvar a nosa lingua, as nosas tradicións, a nosa cultura… a nosa identidade galega. Imaxinación non nos falta aos galegos para reinventarnos e cambiar de compás a nosa historia, pois a nosa voz vénnos de lonxe escoitando a Benito J. Feijoo Montenegro, a Rosalía de Castro, a Cunqueiro, a Valle Inclán, a Camilo José Cela…
Coa revolución industrial, o cambio de vida impactou a orde social doméstica imperante, que ía desde a estrutura laboral ata o incremento na demanda de vivenda nas cidades. Así apareceron as vivendas colectivas, que resultaban da necesidade de agrupar moitas unidades de vivenda de conformidade co novo modelo de vida en común demandada polos novos ámbitos laborais e de asociación doméstica e comunitaria. Con todo, os edificios de comunidades construídos nas grandes poboacións, onde na voráxine da industrialización estaban instaladas as grandes fábricas surtidoras de traballo, actualmente xa non xogan o mesmo papel, porque unha gran carga daquel traballo se realiza on-line e as empresas están desubicadas dos centros neurálxicos urbanos.
Que mellor oportunidade, xa que logo, para moitas persoas asentarse nunha aldea onde poden respirar aire limpo, gozar de liberdade nunha vivenda unifamiliar sen os problemas que implica vivir nunha comunidade con moitos residentes, andar sen que sexa necesario gardar a distancia física con outras persoas por risco de contaxio vírico -como pasa coa pandemia actual do coronavirus- dado o reducido número de veciños, practicar o deporte e o exercicio físico fóra dos ximnasios, cultivar un terreo con todo tipo de hortalizas e árbores frutais… O regreso á vivenda unifamiliar, cuxo modelo arquitectónico monopolizan as nosas aldeas, empeza a ser o destino de moitos urbanitas desterrados da utopía dunha civilización industrial avanzada que prometía traballo e felicidade ao proletariado nas cidades e nas grandes metrópoles. Instalarse nunha aldea onde poden seguir traballando on-line na mesma empresa, sen a tensión e sen o estrés que os persegue cada día ameazando a súa saúde é un enorme privilexio. Aquela utopía impulsora da idea da produtividade eficiente foi capaz de converter o superfluo en necesidade e a destrución en construción, unha forma perturbadora desa civilización que pretendía expresar o carácter racional da súa irracionalidade. Pero esas contradicións ao final fracasan.
Considero que as nosas institucións deberían explotar estas ideas para recuperar as aldeas e a súa contorna rural, poñendo en valor as vantaxes que este microcosmos galego contén: liberdade e amplitude de movemento, alimentación sa, vivenda independente, trato case familiar cos veciños… Esta iniciativa política podería ir acompañada dunha aposta por descentralizar das cidades determinados edificios institucionais -delegacións autonómicas e nacionais, centros educativos e culturais…-, trasladándoos a comarcas rurais, promovendo e facilitando asemade a creación de centros comerciais, cines, restaurantes, centros deportivos, etc., para arrastrar así ás comarcas do rural un elevado número de persoal e servizos. Canto antes, hai que buscar alternativas para salvar esa Galicia interior tan fecunda, tan diversa, tan hospitalaria, tan máxica…
¡Meu Ribeiro!
Curruncho de paraíso
Anaco solto do ceo,
Xardín de veigas floridas
E de recendentes cheiros
País de ensoño e de groria
Pasmo de propios e alleos
Terra de meigas e fadas
¡Meu Ribeiro!
Eladio Rodríguez González: Lembranza do Ribeiro.
—————————————————————————————————-
Outros artigos de Avelino Muleiro
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
—————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.