• Será unha ferramenta ambiciosa que permitirá ás adegas promocionar e potenciar a venda on line dos seus produtos.
  • Segundo Juan M. Casares, presidente do Consello Regulador, “Con esta nova iniciativa, O Ribeiro segue á vangarda das accións de choque fronte á crise xerada polo COVD 19 no sector do viño en Galicia”.

As adegas inscritas no Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro contan dende hoxe cunha nova ferramenta dixital que lles permitirá promocionar e potenciar a comercialización on line dos seus produtos. Así o anunciou Juan M. Casares, presidente do CRDO Ribeiro, “Trátase do denominado “Ribeiro Market”, un metabuscador que permitirá ao público mergullarse nel accedendo a través do link http://ribeiro.market e onde atopará, polo momento, a información de 40 adegas e os seus viños así coma as páxinas online onde poder mercalos. Trátase dun novo espazo dixital vivo, que será actualizado a cotío, ofrecendo aos navegantes da rede a máis completa información posible das adegas, colleiteiros e os viños.”

Esta nova acción insírese no “Plan de acción do CRDO Ribeiro nos medios dixitais”, presentado o pasado 28 de abril. Tamén deriva das conclusións tiradas do “Estudio socioeconómico e Estratéxico do CRDO Ribeiro”, presentado na Arnoia o pasado 8 de febreiro e financiado pola Deputación Provincial de Ourense. Nese documento se establecía coma unha das debilidades da Denominación de Orixe Ribeiro, no que atinxe á orientación cara o mercado, a febleza no uso das canles de comercialización on line das adegas e mesmo da Ruta do Viño do Ribeiro. Definía, di Juan Casares, “unha escasa presenza da oferta do Ribeiro nas canles de comercialización que empregan os clientes, isto é buscadores online, redes sociais, tendas virtuais propias”.

Ribeiro Market

O peche da canle correspondente aos bares e restaurantes (HORECA) durante os meses que durou o estado de alarma provocado pola crise sanitaria do COVID 19, afectou dunha forma clara ao mercado do viño en xeral e ás vendas das adegas da D.O.P Ribeiro en particular xa que case 7 de cada 10 euros facturados en España polas adegas do Ribeiro proviñan de vendas nese sector. Os datos oficiais, tomando coma referencia o mesmo período de 2019, indican que as adegas do Ribeiro deixaron de vender algo máis de 1,1 millóns de botellas cun valor de máis de 5,3 millóns de euros.

O peche desa canle concentrou a atención dos consumidores na canle alimentación á vez que incrementou significativamente as vendas na canle on line que duplicou as súas vendas nos últimos meses. Deste xeito aceleráronse as tendencias detectadas no plano estratéxico do Ribeiro.

Nesa liña o Consello Regulador presentou hoxe un metabuscador que permitirá xerar tráfico cara os puntos de venda online das súas adegas tanto nos seus propios espazos de venda propios como nos principais marketplaces da rede, complementando deste xeito á landing page “Ribeiro en casa” lanzada fo pasado 28 de abril.

Esta solución innovadora, desenvolvida nun tempo record, permitirá achegar aos consumidores o viño das adegas do Ribeiro a través dunha platataforma web despregada na nube a través de arquitectura de microservicios e que utilizará un xestor propio de contidos que permite categorizar adegas e viños, ofrecendo os datos dunha forma amable e visual.

O metabuscador combina unha visualización moi coidada do produto cun forte desenvolvemento tecnolóxico que incorpora á búsqueda a almacenaxe de datos provenientes de web scraping o que permite achegar ao consumidor todas as tendas na rede, ben a propia do produtor si dispón dela, como as alleas (marketplaces) onde poden adquirir os viños da D.O. na rede.

Para o desenvolvemento desta nova ferramenta de promoción e axuda á venda on line dos viños do Ribeiro, o Consello Regulador contou coa colaboración de coñecemento e talento local participando na súa concepción a equipa da Facultade de Empresas e Turismo do Campus de Ourense, que xa participou no desenvolvemento do plan estratéxico, e foi desenvolvida pola empresa Enyiris Design Thinking Labsituada no Parque Tecnolóxico de Galicia.

Con esta nova ferramenta, di Juan M. Casares, “O Consello Regulador do Ribeiro segue á vangarda das accións de choque fronte á crise xerada polo COVD 19 no sector do viño en Galicia.”. Neste sentido, apuntou o presidente, dende esta entidade, “Implementamos medidas destinadas a aliviar a liquidez das adegas, dentro das nosas posibilidades económicas; fomos o primeiro Consello Regulador en iniciar un estudio de custes de produción de uva con rigor técnico; despregamos unha gran acción de branding nas redes sociais “Treixadura. Modo Ribeiro” que se estenderá ata fin de ano e desenvolvemos o “Plan de acción do CRDO Ribeiro nos medios dixitais” do que este metabuscador forma parte.”

Ribeiro na casa. Evolución

A primeira das actuacións previstas consistiu no “Deseño, execución e desenvolvemento dunha Landing-page” que serviu como “paxina de aterraxe” na páxina web do Consello Regulador e máis como “páxina de destino” orientada a promocionar os espazos de venda electrónica dos viños do Ribeiro. Nesta páxina, que entrou en funcionamento o 28 de abril, incluíronse os enlaces directos a todos os espazos da internet propios das adegas do Ribeiro onde o consumidor puido comprar directamente os seus viños, é dicir as súas tendas propias. Durante as oito semanas de vida de “Ribeiro na casa”, as visitas rexistradas ás tendas on line foron de case 2.700.