O Poder da Intelixencia Emocional

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional ”

Cando a cacofonía oficial nos asedia con propostas estentóreas, ameazándonos co control da verdade no momento de opinar, informar, comunicar ou expresar o noso pensamento, instintivamente no fondo de cada un de nós esperta unha intensa cólera contra tanta estólida suficiencia. Estaremos regresando, quizais, á Idade Media para recuperar as ordalías coas que cribar a verdade ou falsidade nas manifestacións de cada cidadán de conformidade co catecismo manufacturado polo Goberno de turno? Intentarase, talvez, crear un Ministerio da verdade á semellanza do da distópica novela 1984, de G. Orwell? Cremos que cada decisión política adoita ser efecto de motivacións ocultas que non sempre conducen a unha elección racional, motivo polo que moitas veces non chegamos a entender actitudes e iniciativas coma esta dos nosos políticos. Xa o dicía Baltasar Gracián: “muchas veces se achacaba al no acabar de percibir lo que no se acaba de creer” (Criticón).   

En situacións tan complicadas como esta que nos toca vivir, a transparencia e a racionalidade deben prevalecer nas decisións dos gobernantes, pero tamén por parte dos gobernados é necesario respectar e acatar as regras establecidas por máis que non gusten. Os primeiros non poden intentar converter a democracia nunha ditadura pondo filtros á liberdade de expresión e de pensamento, e os segundos tampouco deben caer na anarquía infrinxindo as normas establecidas propias dun Estado de dereito. Se queremos facer posible a convivencia na sociedade, cómpre reivindicar o uso da razón nas relacións entre gobernantes e gobernados.

Pero cando reivindico esa racionalidade, propia dunha intelixencia lóxica e coherente, non descarto que a acompañe a intelixencia emocional, porque debe ser ela quen poña as emocións para que actúen de elixir e bálsamo fronte aos problemas. Por tal motivo, unha situación de pandemia tan letal e de tan difícil solución esixe dos gobernantes directrices claras e solucións contundentes, así como respecto, compromiso, solidariedade e acatamento ás normas sanitarias por parte dos cidadáns. Para reforzar eses criterios sanitarios, dimanados das autoridades sanitarias do Goberno e fundamentados cientificamente, habería que casalos coa empatía dos mesmos gobernantes e coa solidariedade e filantropía dos cidadáns que deben obedecelos. A coherencia e o rigor, propios dunha intelixencia racional e lóxica, unidos ás emocións e sentimentos, característicos da intelixencia emocional, calmaría os enfrontamentos contra as institucións e facilitaría a convivencia.

Intelixencia racional e intelixencia emocional

Coincidindo co día mundial da Filosofía, 19 de novembro, proposto pola UNESCO, aproveito a oportunidade para celebralo cunha breve reflexión (filosofando) sobre a aportación e o valor desas dúas intelixencias das que dispomos os seres humanos, e ás que acabo de reivindicar, puntualizando que non existe ningunha hostilidade nin incompatibilidade entre elas.

A sabedoría popular está lastrada de grandes erros e de supostos nunca demostrados. Con todo, os coñecementos trasmitidos dunhas xeracións a outras cumpren unha función pragmática inestimable e fundamental para a supervivencia da propia especie humana e para a base do seu desenvolvemento. As crenzas, en todas as súas dimensións e complexidades, utilizan de soporte ese conxunto de máximas, aforismos, ditos ou sentenzas que damos por aceptadas e concluíntes aínda que de forma inxenua e acrítica. Toda esta bagaxe cultural impregna o perfil epistemolóxico dunha gran maioría dos seres humanos, que nin consideran necesario demostrar nada nin que a ausencia de criterios de certeza lles crea problemas existenciais. Pero se pretendemos levar todos estes aspectos culturais a un foro crítico e rigoroso, entón si que moitas das opinións admitidas como verdades poden esborrallarse de forma rotunda.

            Unha desas crenzas instalouse no debate creado entre a intelixencia racional e a intelixencia emocional. Tradicionalmente pensábase que a intelixencia racional gozaba de máis prestixio que a emocional dado o seu rigor lóxico e os éxitos que lograba na ciencia, na tecnoloxía e, especialmente, na coherencia dos nosos actos. Sospeitábase que as emocións eran experiencias impredicibles e incompatibles cos xuízos sensatos e intelixentes. Con ton despectivo falábase de tomar decisións baseadas nas emocións ou nos sentimentos, admitindo que as persoas que reaccionan emocionalmente están a experimentar unha regresión mostrando a súa natureza primitiva e animal. Esta forma de pensamento, que se orixinou hai milenios, está presente no pensamento occidental como consecuencia da concepción que posúen as persoas sobre o funcionamento dos procesos emocionais. Así, conferíuselle unha superioridade á razón por crer que ao impoñela sobre os sentimentos era síntoma de madureza, de equilibrio persoal e de sentido común. Durante moito tempo vivimos nunha cultura que restaba valor ás emocións e aos sentimentos, subordinando intelectualmente a posición da muller ao considerala de modo fundamental dominada pola afectividade, pretexto argumentativo da súa debilidade. Pero nos últimos anos esa crenza foi perdendo firmeza e os argumentos en contra parecen concluíntes e definitivos. Dende unha perspectiva congnitiva refórzase a idea de que as emocións posúen tanta importancia como os procesos racionais e de que a súa influencia pode ser positiva e desexable. Non nos sentiriamos máis cómodos e menos alporizados os cidadáns se os nosos políticos e gobernantes utilizasen con maior asiduidade ambas intelixencias? Non os teriamos mellor considerados se actuasen con maior rigor lóxico e, ao mesmo tempo, con máis empatía? Élle tan difícil a un gobernante ou ao portavoz dun goberno expresar publicamente a súa tristeza e pesar pola imposición dunhas normas que se teñen que impoñer, por consideralas racionalmente necesarias para solucionar un problema, pero que van a prexudicar e danar a moitas persoas?

Buscando o equilibrio

Actualmente, no ámbito da psicoloxía, xa non se permiten argumentos baixo sospeita metafísica ou ideolóxica. Os avances da neurociencia nos últimos anos puxeron de manifesto a interdependencia da razón e os sentimentos. A ciencia busca no cerebro o núcleo central da investigación neste campo. Dende o momento en que nos mergullamos no interior da célula, puidemos descifrar o xenoma e chegar a fragmentar o cerebro humano, polo que a nosa visión sobre a conduta humana se alterou radicalmente. Nos momentos actuais téndese a conciliar a razón lóxica coa intelixencia emocional. Deste modo, búscase a mediación da razón lóxica para cambiar as nosas emocións e a conduta derivada delas, e non para impoñer a razón aos sentimentos.

            Seguindo a máxima aristotélica de que a virtude se acha no termo medio, todas as persoas, non só os políticos, deberiamos esforzarnos por encontrar un equilibrio emocional entre a lóxica e os sentimentos. O equilibrio emocional non consiste en vitorias ou imposicións da razón, nin tampouco na represión ou no control das emocións, senón en certo axuste entre as nosas emocións e os nosos razoamentos, é dicir, nun encaixe entre diferentes procesos mentais. Cando ese equilibrio non existe porque dominan os sentimentos ou domina a razón, a voz da conciencia activará as súas alarmas para non nos deixar vivir en paz. E non nos sentiremos ben ata convencernos de que os nosos sentimentos teñen unha base racional, e por iso deben ser aceptados, ou ata que xeremos un novo sentimento para suplantar ao que nos perturba. A razón xoga neste proceso harmónico un papel esencial posto que exerce un control directo sobre os sentimentos. Non podemos esquecer que a razón está máis ao noso alcance que as emocións, porque estas se nos impoñen sen que poidamos evitalo, mentres que a razón a temos baixo o noso control. Non se trata de reprimir as respostas emocionais e de ocultar os sentimentos, senón de saber administralos.

Con que se poden substituír as emocións? só con emocións

Di o refrán que “a mancha da amora con outra verde se quita”. Esa idea paremiolóxica vale para as emocións e os sentimentos. Os nosos sentimentos xorden espontaneamente sen pedirnos permiso para entrar. E cando un sentimento poderoso nos invade ocupa case todo o campo da nosa mente e consume boa parte do noso tempo. Recibimos con entusiasmo os sentimentos positivos porque son gratificantes e reparadores, en cambio reprobamos e censuramos os negativos por daniños, nocivos e prexudiciais. O problema dos sentimentos negativos está na dificultade da súa eliminación. Non é doado suprimilos nin deportalos da nosa mente, e aínda que adoitamos recorrer á razón para lograr expulsalos non sempre logramos éxito no desafío. A razón axúdanos habitualmente a ver as cousas doutro xeito e a regular as nosas emocións, pero empeñarse en utilizar exclusivamente a lóxica na vida non garante que se poidan anular os sentimentos indesexados, especialmente cando son negativos e intensos. É certo que en moitas ocasións a razón modifica ou bloquea respostas emocionais inconvenientes, mesmo xera novas emocións que poidan suplantar ou potenciar os sentimentos que temos, pero por si mesma non pode eliminar da mente aqueles sentimentos nocivos se non chegan outros que os substitúan. A persoa que utiliza bos razoamentos pode chegar a liquidar determinados afectos, o que é improbable é que o consiga se non logra xerar outro sentimento incompatible co que quere eliminar. As emocións e os sentimentos só se retiran cando deixan o seu lugar a outros máis fortes da mesma natureza. Todo isto compróbase en situacións de frustracións amorosas, profesionais, políticas, laborais… onde o reencontro co equilibrio psíquico necesita a intervención da intelixencia emocional e non só da lóxica racional. Co paso do tempo, os nosos sentimentos máis fortes esvaécense, pero a curto e medio prazo, na maioría das ocasións da vida, só as propias emocións teñen capacidade para superarse a si mesmas. Podemos dirixir o pensamento cara a aquilo que nos interesa, pero non podemos incitar do mesmo modo os sentimentos e as emocións.

Inculpación das emocións

As expresións emocionais levan mensaxes e información que se transmite aos demais a través das expresións do rostro, do ton de voz, das posturas corporais, da suor… para indicar confianza, acordos, desconfianza, satisfacción, medo, alegría, enfado… A amígdala cerebral é a encargada de avaliar esas expresións e de achar a súa mensaxe. Varios experimentos demostran que cando unha persoa ten a amígdala danada as súas emocións son pobres e mostra dificultades en recoñecer as emocións dos demais. O caso dos psicópatas resulta evidente. En cambio, cando a amígdala funciona correctamente, a persoa actúa con rapidez para avaliar o grao de confianza que lle merecen as caras das outras persoas. É máis, cando ve a cara e os ollos doutra persoa coñece se lle resulta sincera ou mentireira, fiable ou sospeitosa, agradable ou desagradable, etc. O cerebro, por medio da amígdala, non se deixa enganar polas persoas que finxen ou tratan de enganar aparentando sentimentos falsos. Demostrouse que cando unha expresión emocional non é sincera os elementos musculares do rostro e da expresión xeral do corpo que se manifestan non son exactamente os mesmos aos que se expresan cando hai un verdadeiro sentimento. A razón desta discriminación está en que cando a expresión é sincera os mecanismos que se activan corresponden a unha resposta emocional e, polo tanto, son basicamente reflexos e dirixidos pola amígdala; en cambio, cando se trata de finxir un sentimento, a expresión facial é voluntaria e os músculos da cara son distintos e o patrón de resposta é diferente.  

Observemos as intervencións dos nosos dirixentes políticos na televisión en época electoral ou ante un problema social importante. Fixémonos atentamente na súa cara, nos seus ollos e nos seus xestos; xoguemos a psicólogos para descubrir se a través das súas expresións nos convencen de estar dicindo a verdade ou nos menten. Pode ser un entretido exercicio de intuición para que cada quen valore a empatía dos que esperamos solucións eficaces a grandes problemas.  

A empatía é a capacidade de comunicación máis importante que temos os humanos para sentir as emocións alleas, ou sexa, para meternos na pel do outro. Grazas á empatía a nosa vida enriquécese e poténciase non só coas propias experiencias sentimentais, senón tamén en moitas facetas da vida social. E iso é o que lles pedimos aos nosos gobernantes, pero tamén a todos os cidadáns, porque sen emocións, e só coa racionalidade, a vida humana pareceríase demasiado a un robot. Como sería un mundo no que faltase a intelixencia emocional? Como podería funcionar unha sociedade carente de emocións e falta de sentimentos? Moi parecido ao que xa coñecemos da Intelixencia Artificial (IA).

A Intelixencia Artificial é filla da intelixencia racional. E a IA xa se está encargando de controlarnos, de dirixirnos, incluso de substituirnos (no traballo, nos proxectos, na información, no ensino, na política…). E así, dun simple algoritmo pode depender o noso futuro. Pero mal iremos se van ser os algoritmos os que determinen o futuro da nosa vida, os que unha vez convertidos en cidadáns convivan connosco ou nos gobernen… Si, os que convivan e nos gobernen! Exemplos xa temos ao respecto. Á xinoide Sophia (creada en Hong Kong, en 2015) concedéuselle a cidadanía Saudí en 2017. O robot humanoide Michihito Matsuda foi candidato no ano 2018 a alcalde no distrito de Tama en Tokio. E resulta sorprendente que na súa campaña electoral prometendo xustiza para todos e o fin da corrupción logrou quedar en terceiro lugar a escasos 400 votos do segundo candidato.

Pois este pode ser o futuro que lle espera á humanidade no caso de impoñerse a Intelixencia Artificial. Será un mundo esaxeradamente lóxico, disciplinado, rigoroso, dominado exclusivamente pola intelixencia racional, pero sen afecto, sen empatía, sen amizade… tremendamente xélido. Como para reflexionar en tempo de pandemia no día mundial da Filosofía!

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.