O Ribeiro preselecciona hoxe ós mellores viños da Denominación

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O C.R.D.O. Ribeiro celebra hoxe a  precata para elixir os mellores viños da Denominación de Orixe Ribeiro da colleita 2019 en brancos e de 2018-2019 en tintos. O acto terá lugar nun amplo salón do Hotel Laias Caldaria, para poder cumprir coa distancia social entre os catadores. Neste concurso participarán as marcas correspondentes á última anada das adegas inscritas nos rexistros da Denominación de Orixe Ribeiro que cumpran os requisitos establecidos. Preséntanse un total de 60 viños.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Juan Manuel Casares comenta “con esta precata damos o pistoletazo de saída dos Premios D.O. Ribeiro, que se as circunstancias non cambian, entregaremos nun acto mixto, presencial e online, tanto aos mellores viños da D.O. como ás personalidades do mundo do viño e ás mellores iniciativas profesionais a mediados do vindeiro mes”.

Na cata de hoxe sairán seleccionados seis viños en cada unha das catro categorías existentes (viños brancos e tintos de colleiteiro e viños brancos e tintos de adegas). A cata será cega ao 100% (é dicir, os catadores non coñecerán as marcas dos viños, que se servirán tapadas por unhas fundas opacas). Destas marcas, seleccionaranse os gañadores (un único premio por categoría) a vindeira semana, na cata final que terá lugar novamente en Laias (Cenlle) e que contará cun xurado composto polos catadores:

  • Aarón Álvarez Fernández (Asociación Galega de Sumilleres-AGASU)
  • Constantino Iglesias Fernández (Asociación Galega de Catadores)
  • Luis Buitrón Barrios (Asociación Galega de Enólogos)
  • Waldo Carreiras Albo (Asociación de Sumilleres Gallaecia)
  • Antonio Santamaría Meréns (panel cata C.R.D.O. Ribeiro)
  • José Meréns Martínez (panel cata C.R.D.O. Ribeiro)
  • María Isabel Gómez Soriano (panel cata C.R.D.O. Ribeiro)
  • José Luis Fernández Gómez (panel cata C.R.D.O. Ribeiro)

Recollida de mostras

As mostras presentadas á Cata Oficial dos Viños da D.O. Ribeiro foron recollidas por unha comisión do Consello Regulador a finais do mes de outubro. Fóronse recollendo en cada unha das adegas interesadas cuns volumes mínimos de botellas:

  • Para adegas de 1.000 botellas de 0.75 litros no caso de viños brancos e 500 botellas de 0.75 litros nos viños tintos.
  • Para as adegas de colleiteiro 500 botellas de 0.75 litros en viño branco e 250 botellas de 0.75 litros nos viños tintos.
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------