Filosofía Médica (II) A historia da medicina e os seus retos actuais

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Artigo : ”  Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais ”

Dedicado a todos os meus amigos e amigas médicos, pois son fieis exemplos desta praxe profesional. De forma especial, a Jaime Enriquez Paradela, in memoriam

As orixes da medicina e da filosofía

Se profundamos na presunta relación entre filosofía e medicina, que tratamos no artigo anterior, centrándonos agora nas súas orixes, é posible decatarse dunha profunda afinidade entre ambas. Na cultura occidental, a medicina nace en Grecia. Inicialmente, aparece como unha medicina relixiosa que se practicaba nos santuarios do deus sanador. O máis importante de todos era o santuario do deus Asclepio, ao que acudían os enfermos para someterse a coidados e ritos purificatorios. A enfermidade considerábase na antigüidade efecto da cólera divina, e a curación consistía, consecuentemente, nun intento de aplacar á divindade. Platón cita a Asclepio no seu diálogo Apoloxía de Sócrates. Antes de beber a cicuta, a que fora condenado por un tribunal ateniense, Sócrates despídese dos seus discípulos máis íntimos encargándolles que sacrifiquen un galo en honor de Esculapio.   

Porén, a medicina racional nace no berce da filosofía alá polo século VI a. C. Non é eventualidade que a liña divisoria entre a actividade filosófica e a médica se confundise nos primeiros filósofos por ese paralelismo existente. Nesa época, os sufrimentos deixan de ser un fenómeno máxico ou relixioso para explicarse como un trastorno da natureza mediante o lógos ou a razón. A enfermidade convértese desa maneira nunha cuestión fisiolóxica.

A principal preocupación dos filósofos presocráticos limitábase a achar os principios (arxé) da natureza, do mesmo modo que atopar os principios do corpo humano era o afán dos primeiros médicos. Non foi casualidade que o filósofo Alcmeón de Crotona, que tamén foi o primeiro médico, deixase escrito un texto sobre a saúde e a enfermidade relacionándoas coas oposicións que imperan no interior do corpo humano, unha teoría evidentemente extraída da filosofía pitagórica. Alcmeón onsidérase precursor de Hipócrates de Cos e definía a saúde como “isonomía”, equilibrio entre os compoñentes antagónicos do corpo humano (frío, calor, húmido, seco), mentres que a enfermidade sería unha “monarquía” dun só deses elementos.

Algo similar descubrimos en Hipócrates, influído polos catro elementos de Empédocles (terra, auga, aire e lume). Hipócrates foi discípulo de Gorgias (sofista) e de Demócrito (atomista). Hipócrates, a quen cita Platón no Protágoras, cría na forza da natureza para curar ao paciente buscando o equilibrio humoral –sangue, flema, bile amarela e bile negra-, e entendía a medicina desde o diagnóstico (coñecemento da enfermidade do paciente), fronte á escola de Gnidos que defendía o prognóstico (coñecemento da evolución da enfermidade). Estas dúas escolas interpretaban a enfermidade de modos diferentes: a de Cos (Hipócrates) protagoniza unha medicina racional e positiva, reclamando a súa independencia da filosofía. Para Hipócrates, a enfermidade procede de causas naturais e, polo mesmo, debe ser tratada mediante procedementos naturais e non relixiosos. A de Gnidos (da que coñecemos a súa existencia polos escritos hipocráticos) practica unha medicina empírica, pragmática, moi preocupada pola eficacia terapéutica; defende unha medicina teórica e apoiada nas teorías filosóficas. Comprobamos, pois, que si existe unha relación estreita entre filosofía e medicina desde os primeiros séculos porque a medicina estaba xustificada pola filosofía daqueles primeiros filósofos (pitagóricos, sofistas, atomistas, etc.).

E de igual modo que na filosofía distinguimos un período presocrático e un período socrático e pos-socrático, en medicina tamén podemos referirnos a un período prehipocrático e a un período hipocrático e pos-hipocrático. Sócrates (470-399) e Hipócrates (460-370) son coetáneos, pois ambos conviven no século de Pericles (495-429), s. V a. C.

As figuras de Alcmeón, Hipócrates, Galeno… aparecen reseñadas dentro da filosofía daquela época, todos marcando protocolos éticos para a aplicación da medicina por parte dos médicos. Hipócrates formulou o xuramento que, ao longo dos séculos, tiñan que prometer e cumprir os médicos unha vez rematada a súa carreira. “Xuro por Apolo, médico, por Esculapio, Higías e Panacea e poño por testemuñas a todos os deuses e deusas, de que hei de observar o seguinte xuramento, que me obrigo a cumprir en canto ofrezo, poñendo en tal empeño as miñas forzas e a miña intelixencia… En calquera casa onde entre, non levarei outro obxectivo que o ben dos enfermos; librareime de cometer voluntariamente faltas inxuriosas ou accións corruptoras e evitarei sobre todo a sedución de mulleres ou homes, libres ou escravos. Gardarei secreto sobre o que oia e vexa na sociedade por razón do meu exercicio e que non sexa indispensable divulgar, sexa ou non do dominio da miña profesión, considerando como un deber o ser discreto en tales casos”.

Pero o Xuramento hipocrático foi evolucionando ao compás das transformacións da sociedade e dos avances que vai experimentando a medicina. Comprobemos esa metamorfose a través da testemuña dun “título de licenciado en medicina” a comezos do século XIX, reinando en España Fernando VII, que me facilotou o meu amigo Luis González, médico nefrólogo. Nese título vai incluído o xuramento hipocrático:

 “Hacemos saber que Don Julián B. R. ha sido examinado y aprobado en la Facultad de Medicina el día veinte y tres de Julio próximo proceda en la Subdelegación de dcha. Ciudad de Santiago. Por tanto, damos licencia y Facultad de Medicina en los casos y cosas á ella tocantes y concernientes, en todos los dominios de S.M. en virtud de esta nuestra carta… Y declaramos que el susodicho ha prestado juramento de defender el Misterio de la Purísima Concepción de la siempre Virgen María Nuestra Señora; usar bien y fielmente de su profesión; guardar secreto en los casos convenientes; defender la Soberanía del Rey Nuestro Señor y los derechos de la Corona; no haber pertenecido ni haber pertenecer á las sociedades secretas reprobadas por las leyes, ni reconocer el absurdo principio de que el pueblo es el árbitro de cambiar la forma de gobierno establecida; sostener, con arreglo á la sesión décimoquinta del Concilio de Constanza, que a ningún súbdito le es permitido el regicidio ó el tiranicidio; asistir de limosna á los pobres de solemnidad y con el mismo cuidado que á los ricos; despreciar todos los riesgos y contagios cuando lo exija la salud pública; aconsejar a los enfermos que estén en peligro de morir el arreglo de sus negocios espirituales y temporales; no aconsejar ni cooperar al aborto ni al infanticidio, y administrar el agua de socorro á los párvulos siempre que sea menester; en cuya virtud, y habiendo pagado el derecho de la media-anata, le libramos el presente Título, firmado de nuestras manos, sellado con nuestro sello, y refrendado por nuestro secretario. Dado en Madrid á tres de agosto de mil ochocientos veinte y nueve” (sic).     

            Visto desde hoxe, ese xuramento resulta absolutamente extemporáneo e posiblemente máis inadecuado e inoportuno que o do propio Hipócrates.

Ao longo da historia continuou esa mesma harmonía entre filosofía e medicina. Foi na escola de Alexandría, a partir do século III a. C., onde destacaron polos seus estudos de anatomía e do sistema nervioso Herófilo de Calcedonia e Erasístrato de Ceos, baixo a evidente dependencia intelectual de Aristóteles. En Roma, Galeno de Pérgamo (século II-III d. C.) sobresaiu sobre todos os seus contemporáneos. Pero Galeno tamén deixou pegadas moi interesantes no campo da lóxica, opoñéndose a Aristóteles na teoría da esencia para definir as cousas, e aportando o seu punto de vista sobre a conversión das proposicións coas que traballa a Lóxica.

             Na alta Idade Media, a medicina estaba dominada pola relixión. Críase que a enfermidade era un castigo de Deus polos pecados cometidos, e a única maneira de curar a alguén era orar polo seu su perdón. Na baixa Idade Media créanse as universidades de medicina e utilízase o libro De Materia Médica de Dioscórides, médico grego do século I, que é un manual de farmacopea utilizado na baixa Idade Media e no Renacemento. Destacan os médicos-filósofos árabes do século XII como Ibn Tufail, Avempace e Averroes, así como o médico xudeu Maimónides.

            No Renacemento e na Idade Moderna, a medicina aportou importantes estudos sobre a anatomía e deixounos a Andrés Vesalio, de Flandes, como o médico máis importante desa época. Con Vesalio renace a visión holística da medicina, que perfectamente incorporada na mentalidade da Grecia Antiga subsistira ata Galeno. De humani corporis fabrica (Sobre a estrutura do corpo humano) é a súa obra máis importante, referencia imprescindible nas Facultades de medicina do seu tempo. Paracelso, médico e alquimista suízo, piar da farmacoloxía, é outra das figuras destacadas dese período. A medicina tiña, ao seu parecer, catro piares: astronomía, ciencias naturais, química e amor. E cría que unicamente pode ser bo médico o home virtuoso. Recuperou para a medicina os catro elementos de Empédocles, aínda que os consideraba entidades fantásticas anteriores á existencia do mundo. Rescatou asemade os catro temperamentos de Galeno: flemático, colérico, sanguíneo e melancólico.

Nos últimos séculos, XX e XXI, desde Wittgenstein a Victor Frankl, demóstrase coa logoterapia que as palabras adecuadas no momento adecuado teñen un marcado efecto salutífero. A filosofía da linguaxe afecta á medicina durante o século XX de modo notable. Durante ese século, apareceu unha tendencia sanitaria que ten a súa base na obxectividade científica, denominada Medicina baseada na Evidencia (MBE). “Evidencia” significa algo que pode ser probado ou sobre o que existen datos científicos fidedignos sobre a súa exactitude. Esa medicina é un intento de usar a mellor información, froito da meta-análise de ensaios clínicos controlados e aleatorizados, que serve como base para o deseño de estratexias e guías de práctica clínica. O fundamento filosófico da MBE é o positivismo lóxico ou neopositivismo, unha corrente de pensamento que cultivaron Bertrand Russell (1872-1970) e o Círculo de Viena, onde destacaron Moritz Schlick, R. Carnap ou Karl Popper. Non se pode pasar por alto que o Círculo de Viena é sucesor de Wittgenstein, quen describiu o misticismo no Tractatus e os xogos da linguaxe nas Investigacións filosofícas, dous conceptos fundamentais para explicar como a filosofía pode ser terapéutica e curativa a través da linguaxe. O valor da linguaxe está presente igualmente na psicanálise de Freud, que a utilizou para solucionar enfermidades psicosomáticas, mediante a técnica da “asociación libre” do paciente.

Referentes médicos dos últimos tempos

Galicia aporta á medicina médicos-filósofos de prestixio innegable. O galego Rof Carballo, nacido en Lugo, médico e ensaísta, mereceu os parabéns de Ortega y Gasset pola súa obra Patoloxía psicosomática, á que cualificou o filósofo madrileño de “volumen catedralicio”. Rof Carballo utiliza o concepto de “urdimbre” como piar da súa visión psicosomática do paciente, un concepto creado a partir da lectura de filósofos e psicólogos como Xavier Zubiri, Max Scheler, Freud e C. G. Jung. A parte da súa visión psicosomática, Rof Carballo reivindica unha medicina dialóxica cos pacientes, pola que entre médico e paciente se establece unha negociación e corresponsabilidade.

Domingo GarcíaSabell foi un médico que tratou de chegar a unha humanización o máis fonda posible no marco dunha actividade científiconatural da medicina. Tamén tentou obter unha imaxe totalizadora da persoa, contribuíndo á elaboración dunha antropoloxía que supere os datos meramente positivos.

Roberto Nóvoa Santos, un referente da psicopatoloxía a nivel internacional, autor do Manual de Patología General. Foi seguidor da psicanálise de Freud, do que incorporou á súa obra a teoría freudiana do subconsciente.

No resto de España sobresaen as figuras de Carlos Jiménez Díaz, que foi quen de cambiar a medicina española por non deixar de procurar o mellor para os pacientes. A súa máxima para os médicos consistía na excelencia, que debía guiar sempre ao médico. A el acompañamos as figuras senlleiras de Gregorio Marañón, Santiago Ramón y Cajal e Severo Ochoa. Pedro Laín Entralgo conectou a medicina á antropoloxía filosófica a través dunha Historia Universal de la Medicina, na que participaron filósofos e médicos de distintos países. Elaborou unha antropoloxía filosófica na que analizou a natureza do ser humano e a importancia da linguaxe no ámbito da medicina. Describe que nas orixes da nosa civilización existía a precomprensión de que as palabras podían suxestionar de maneira positiva ou teraputica ao oínte-paciente, facendo máis levadeiros os efectos da súa patoloxía.

Conclusións

A medicina seguirá avanzando porque aínda lle quedan moitos retos que lograr. Non vai ser doado o seu camiño no ámbito científico nin tampouco no filosófico, en especial no contexto ético. Acaba de aprobarse no Parlamento español a lei da eutanasia, onde a implicación dos médicos vai ser fundamental. Esta lei, que se debateu en diversos foros científicos, filosóficos e relixiosos nos últimos anos, crea adeptos e antagonistas, tanto a nivel ideolóxico como psicolóxico e social. En todo caso, a lei aprobada non obriga a practicar a eutanasia nin a utilizala, simplemente vén para protexer a quen faga libremente uso dela. Estou convencido de que o debate se vai agudizar nos próximos meses, como sucedeu coa lei do aborto; pero a súa repercusión no ámbito profesional non será inferior á aplicación da lupa que a sociedade colocará sobre os médicos.  

As opcións da implicación médica nesta intervención, cuxo efecto é letal, quedan abertas, cunha máis que probable obxección de conciencia por parte de moitos galenos. A pregunta ética que pode formular un galeno pode ser esta: se a vida representa o valor supremo da persoa e a miña deontoloxía esíxeme “axudar ou non danar” ao paciente (xuramento hipocrático), como podo actuar eticamente sobre o enfermo se interveño, ben sexa coa súa vontade ou coa da súa familia, para arrebatarlle a vida? A legalidade, agora, permítello. Legalmente está protexido. En cambio, a lei pode salvagardalo tamén eticamente? Non poden ser alternativas á eutanasia os tratamentos paliativos, as técnicas de sedación, as terapias de alimentación e hidratación, etc.?

Se a eutanasia consiste en propiciar a morte tranquila ao enfermo ao final da vida, a euxenesia ten a mesma finalidade, pero non no momento final da vida, senón no momento de nacer. Non obstante, sobre esta actuación médica non hai lexislación que o permita. É máis, incluso está estigmatizada socialmente porque evoca a súa práctica macabra en Esparta, no nazismo, no xenocidio e infanticidio. Por iso, a euxenesia non representa un problema ético para o médico, pero si o representa a eutanasia. Confío en que cada doutor saberá actuar correctamente ante situacións de tanto calado ético e humano.

            En todo caso, esa medicina inseparable da filosofía e necesitada da ciencia, da arte e da tecnoloxía é a esperanza dunha sociedade convulsa, enferma e exasperada pola Covid-19. Ogallá os médicos se sintan orgullosos de ser filósofos practicando a ética humanista cos pacientes, e coa súa arte e técnica acerten coa terapia e cos recursos que lles dá a ciencia para poñer alivio onde hai dor e ilusión onde prevalece a desesperanza.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.