A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial

Publicidade ASPADISI

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

HIPER MASIDE

Xustiza non é só o veredito ou a sentenza dos xuíces. É tamén, e sobre todo, o fundamento deses vereditos. Esta segunda acepción é, desde o punto de vista histórico, moi anterior á primeira. Na tradición do pensamento e da cultura occidental, a palabra xustiza ten un significado profundo, metafísico, porque aparece conectado á lei natural. Lei non só se refire a ese ámbito xurídico no que actúan os xuíces e maxistrados, ten tamén moito que ver co fundamento no que se sosteñen esas normas sobre as que aqueles toman as súas decisións. Esta visión comeza nas orixes da nosa cultura, na mitoloxía, de onde pasa ao pensamento grego, deste desprázase ao romano, ata arribar diante nós logo de transitar polo pensamento medieval, do renacentista e do moderno. Na mitoloxía grega, a deusa Temis, simbolizada por unha muller cos ollos vendados e sostendo unha balanza na man dereita e unha espada na esquerda, representaba a xustiza e a equidade no mundo. Tivo unha filla, Diké, encargada da xustiza no mundo dos humanos. É aí onde empezou a historia da xustiza.

Os gregos adoptaron esta idea mitolóxica de xustiza incorporándoa ao seu pensamento. Un dos primeiros en porfillala foi Pitágoras, que a consideraba a medida (metrón) das cousas. Esta visión conceptúa a xustiza como obxectiva, pois a medición só se pode aplicar a realidades empíricas e concretas. A xustiza representaría así a cuantificación matemática dos seres naturais, a regra encargada de ordenar as situacións e acontecementos dentro do cosmos; esta interpretación dálle á xustiza un sentido moi en consonancia coa filosofía pitagórica da orde e da harmonía. Os pitagóricos representaban a xustiza polo número 4, que é produto do igual polo igual (2×2=4). Posteriormente, consideraron a todos os números cadrados como símbolos da xustiza porque cumpre con esa equidade do igual polo igual. Nesa mesma interpretación obxectiva da xustiza movéronse Anaximandro e Parménides. Para Anaximandro, a xustiza presidía a surxencia das cousas dentro do apeiron (elemento indefinido e ilimitado) seguindo a necesidade que marcaba o tempo. Parménides entendía a xustiza como un ben que Zeus lles regalara aos seres humanos como instrumento para facer cumprir a súa vontade divina na terra.

Este criterio dunha xustiza obxectiva modificouse con Heráclito e cos sofistas, que a interpretaron como unha decisión e responsabilidade do suxeito. É o ser humano quen crea a xustiza; é a persoa a que determina que é o xusto e o inxusto: “O home é a medida de todas as cousas; das que son en canto que son, e das que non son en canto que non son” (Protágoras). A Platón e a Aristóteles non lles pasou inadvertido este debate, ao que aportaron as súas propias opinións. Platón, tan fiel seguidor e admirador de Pitágoras asumiu a súa perspectiva, mentres criticaba a interpretación heraclitiana e sofística da xustiza, a que concebían como resultado do punto de vista humano. “Talvez pensedes, atenienses, que fun condenado por non defenderme con hábiles discursos, con discursos que vos persuadisen… Nada menos exacto. O que me faltou non foron os discursos, senón a audacia, a desvergoña, a covardía de facervos oír o que fose máis agradable… o ver a Sócrates chorando, xemendo, facendo e exclamando cousas dignas de min; nunha palabra, todo o que estades habituados a oír a outros acusados…Pero prefiro morrer tras aquela defensa que vivir a conta de tal prezo… E non esquezades, xuíces, que o verdadeiramente difícil non é escapar á morte, senón escaparse de obrar mal” (Platón: Apoloxía de Sócrates). Neste diálogo platónico comprobamos como aqueles xuíces non lle aplicaron a Sócrates a xustiza obxectiva que reside na natureza das cousas, senón a subxectiva. Por esa razón Platón critica con contundencia aquela xustiza subxectiva no mesmo diálogo: “O xuíz non é xuíz para converter a xustiza no seu favor, senón para decidir sobre o xusto e o inxusto. Xura non favorecer a tal ou cal caprichosamente, senón xulgar conforme á lei” (Apoloxía de Sócrates).

            Nesa mesma etapa, a xustiza entrou tamén no debate político. Comprobámolo no diálogo Alcibíades, onde Platón, por boca de Sócrates, lle explica a Alcibiades que se quere dedicarse á política non lle servirá de nada a súa ignorancia. Ademais, a base da política é a xustiza. Pero Alcibíades, ignorando en que consiste o xusto, recibe de Sócrates unha lección que lle demostra como a xustiza e a utilidade son o mesmo. Alcibíades respóndelle que ser ignorantes coma el non lle resulta ningún impedimento, pois os políticos ao uso en Atenas nin son máis cultos nin máis intelixentes que el. Sócrates retrúcalle de inmediato, afirmando que os seus verdadeiros inimigos non son os mediocres adversarios de Atenas, senón os poderosos e ben preparados reis de Esparta e de Persia; así que se pretende medirse con eles debe saír da súa ignorancia. E alértao de que a ignorancia induce ao mal, porque o ignorante cando obra descoñece se a súa actuación é boa ou a mala. Por tal motivo, o ignorante nunca debe acadar o goberno. Esa lección socrática, formulada hai máis de vintecatro séculos, non perdeu vixencia no século vinteún; por iso sería beneficioso e útil que a sociedade examinase desa asignatura a todos os políticos que pretendan gobernar.  

Na República, Platón valora a xustiza como a virtude por excelencia, xa que establece a orde do conxunto e a harmonía entre as distintas partes constitutivas da sociedade regulando as relacións entre o Estado e os cidadáns e estes entre si. A xustiza, así entendida, é garantía e salvagarda do ben común.

            Aristóteles, o excepcional discípulo de Platón, introduce unha nova interpretación da xustiza marcando a diferenza entre lei e natureza. Manifesta que “a xustiza é unha cousa boa que se acomoda á lei, pero non se acomoda á natureza… Os antigos crían que o que está de conformidade coa natureza é a verdade, mentres que o que se adapta á lei é a opinión xeral” (Argumentos sofísicos). Estas palabras amplían o espectro do debate incorporando a lei como elemento esencial da xustiza. Nese sentido, Aristóteles reivindicaba como necesario a equidade dos maxistrados, que consiste en interpretar e aplicar a lei determinando que é o xusto en cada caso particular. Foi el quen instituiu tamén a distinción entre xustiza retributiva e xustiza distributiva. A primeira consiste en compensar a alguén co mal que lle corresponda como contraprestación ao dano que comete; a segunda, chamada tamén correctiva, consiste en dar a cada un o que lle corresponde segundo as súas necesidades, e non a todos o mesmo por igual.

            Maquiavelo, xa no Renacemento, leva ao seu Príncipe ao palacio de xustiza. Ao chegar, peta na porta e sae o chanceler, ao que lle pregunta: está aquí a xustiza? O chanceler contéstalle: Non, aquí vive o dereito; algunhas veces vén a xustiza.  

            Comprobamos, pois, como hai máis de dous mil oitocentos anos comezaba un debate que segue mostrándose nos nosos días tan polémico e intenso como daquela. Aínda que agora comprobamos como a xustiza se afasta cada vez máis da realidade, da natureza das cousas que dicían os gregos, para decantarse, sen ningún complexo, polo enfoque e o criterio humano.

Xustiza e dereito

Actualmente, non se entende a xustiza á marxe do dereito e das leis. A palabra xustiza provén do latín iustitia, que á súa vez procede de ius -dereito-. A palabra dereito ten diversas interpretacións atendendo aos diferentes contextos nos que se pode atopar. Hai autores que pretenden encaixar a orixe da palabra ius -dereito- na relixión, sinalando palabras como iurare -xurar-, iuramentum -xuramento, iovis ou iupiter -Xúpiter- que pasaron á palabra xustiza dándolle unha base relixiosa como agasallo que deu a divindade aos seres humanos. A palabra dereito pode entenderse como un conxunto de normas e principios que regulan as relacións humanas nunha determinada sociedade. De aquí nacen as diversas clases de dereito: subxectivo, obxectivo, penal, constitucional, administrativo, internacional… Como o dereito está pensado para persoas, quen cumpre esas normas e principios considérase xusto. Cando se xulga unha persoa nun tribunal de xustiza, os xuíces tamén se consideran xustos se son ecuánimes, imparciais, equitativos e razoables.

No capítulo 42 da segunda parte de Don Quijote de la Mancha, Don Quijote ofrécelle a Sancho uns consellos no momento de entrar como gobernador na Ínsula Barataria. Un é este: “Nunca te guíes por la ley del encaje, que suele tener mucha cabida con los ignorantes que presumen de agudos”. Cervantes sabía que existían xuíces que emitían sentenzas caprichosas, despóticas e inxustas. Esa lei do encaixe refírese á resolución arbitraria dos xuíces. E de seguido no mesmo capítulo, Don Quijote proponlle ao seu escudeiro estoutro consello: “Hallen en ti más compasión las lágrimas del pobre, pero no más justicia, que las informaciones del rico”. En ambos casos, observamos que o rigor do deber e das normas prevalece a calquera outro valor. É a Ética e a Filosofía moral quen debaten sobre o xusto da xustiza -entendida esta como dereito que se dá a si mesma a sociedade- considerando se esas normas conducen cara ao ben ou non. Con todo, esa xustiza que debate a Ética é distinta da que aplican nas súas sentenzas os xuíces administrando a lei. Os xuíces non sentencian a moralidade dos actos, senón a conformidade destes coa lei. De aí as críticas da sociedade ante sentencias xudiciais por confundir a lei coa moralidade.

E onde nace a lei? No parlamento, obviamente. E a lei ten ao seu servizo o poder do Estado para asegurar a súa eficacia. O partido político que consegue facer aprobar unha lei crerá que consegue modificar a realidade. E en certo modo esa idea non é nada disparatada. O dereito é o principal instrumento de enxeñería social, e o lexislador é quen o manexa. A pesar de todo, a eficacia da lei cambaléase nestes momentos; en parte, por culpa dos lexisladores, que asumen reivindicacións de grupos de presión ou ceden ás presións dos seus votantes creando leis que soamente satisfán a determinados sectores; e en parte, porque non se leve a cabo o que a lei dispón, por imposible ou contraditoria con outras leis anteriores.

A xustiza na actualidade

Non somos poucos os que nos sorprendemos ante as sentenzas e ante as posibles motivacións ocultas que os tribunais de xustiza emiten sobre asuntos de índole tan diversa e en situacións e contextos tan dispares. Gran parte dos casos xudicializados que alporizan aos cidadáns deste país están relacionados con vereditos sobre agresións sexuais, situacións de maltrato e de pederastia, homicidios, roubos e intimidacións… Pero tamén, sobre asuntos políticos, como o que se lles acaba de expor ás Comunidades Autónomas ao recibir do Goberno central a responsabilidade de controlar a situación sanitaria de pandemia no post estado de alarma, ou mesmo sobre casos de corrupción dos partidos políticos. A responsabilidade das Comunidades Autónomas no seu territorio pasa por ditar normas que restrinxan desprazamentos dos cidadáns, toques de queda ou confinamento, perimetración do territorio, porcentaxes de persoas para ocupar lugares pechados e abertos… Non obstante, ningunha Comunidade Autónoma poderá aplicalas sen o veredito a favor do Tribunal Superior de Xustiza correspondente. E xa constatamos como os tribunais ditan sentenzas totalmente contrarias sobre o mesmo asunto en Comunidades distintas.   

No medio desta complexa tesitura, aparecen brotes dunha especial sensibilidade social, frecuentemente actívada por preocupantes sentenzas sobre abusos sexuais, como as relacionadas coas “manadas” de San Sebastián, de Manresa, de Mallorca…e máis doutras cen sentenzas de agresións sexuais grupais en España nos últimos anos. Tampouco pasan desapercibidas as modificacións legais sobre a implantación da cadea perpetua revisable, os casos de indultos políticos como os que se está cocendo o Goberno sobre os líderes do “procés”, os procesos abertos en espera de resolución, etc.

Ante tal situación non cabe máis que preguntarnos se a xustiza é xusta, se é independente e obxectiva. É posible, incluso máis que probable, que as leis coas que tecen os xuíces as súas sentenzas precisen axustes e un mellor encaixe coas formas de vida que a evolución social e os avances das ciencias da vida marcan en cada momento. Pois ben, nin o Código Civil nin o Código Penal son textos sagrados que non se poidan modificar. Modifíquense, pois. Adecúense as leis aos contextos sociais do momento e planifíquense en función das necesidades dos cidadáns e da realidade social no seu conxunto, pero nunca guiados por intereses partidistas e persoais dos lexisladores. Intenten os nosos parlamentarios lexislar aproximándose a esa imaxinable e utópica situación do “veo da ignorancia”, que reivindicaba J. Rawls para que brote a xustiza. Non pensen en si mesmos os nosos lexisladores (políticos), antes imaxinen que son eles os que están na peor situación posible na sociedade e como querirían saír dela. Só así, imaxinando descoñecer a súa situación privilexiada de lexisladores, promoverían leis máis “xustas”. E esas leis son, en definitiva, os cementos legais sobre os que pivotan os xuíces, que son quen as interpretan.

Onde está a clave do fracaso xurídico institucional?

As frecuentes enquisas do CIS sobre a visión dos españois respecto á xustiza son demoledoras. “A Xustiza funciona mal. As penas son brandas, hai demasiada burocracia e, ademais, está politizada. É necesaria unha reforma”. A razón da desconfianza está, fundamentalmente, nas diferentes sentenzas emitidas polos xuíces, que non sempre son coincidentes en casos parecidos, incluso cando os mesmos casos se xulgan en tribunais distintos dada a posibilidade de apelación; ou tamén cando hai expectativas de sancións duras que ao final quedan en penas menores ou incluso en sentenzas de inocencia. Tamén hai desconfianza pola demora de aperturas de xuízos, así como das resolucións de casos xudicializados moitos anos atrás que, nalgúns casos, xa están falecidos os investigados ou os denunciantes.  

Parece evidente que a xustiza a deciden as persoas e iso supón que non está exenta de prexuízos. O xuíz é ante todo unha persoa, coas súas virtudes e defectos, coas súas emocións e ideas, coas súas filias e fobias, cos seus coñecementos e ignorancias… Esa persoa é quen xulga e decide a través dos seus vereditos. E no momento de enfocar o problema actúa baixo o peso desa pesada mochila vital que leva consigo. Pero o peso da mochila non é exclusivo dos xuíces, acompaña de igual modo a calquera profesional con responsabilidade social: a médicos, a profesores, a tribunais de oposicións, a políticos, a forzas de seguridade…  

É moi loable pensar que no momento de valorar un asunto xurídico os xuíces van deixar a mochila da súa vida na casa, apagando a voz da súa conciencia e pechando nunha xaula as emocións e sentimentos que arrastran. Pero, “homo sum, humani nihil a me alienum puto”, escribiu Publio Terencio Africano. Nunha lóxica democrática impecable debemos pensar que o oficio de xuíz esixe prescindir dese “nihil a me alienum”. Debería prescindir, evidentemente, pero fronte á profesionalidade da xustiza está o imperio da psicoloxía. Esta fainos ver como somos cada un de nós no espello que levamos dentro da conciencia. As persoas que emiten sentenzas deberían ser neutrais e, nunha manifestación politicamente correcta, estamos obrigados a pensar que o son. Pero entre o deber e o ser hai un treito moi longo.

A disparidade e discrepancia da interpretación da lei por parte dos maxistrados abre mestas brumas de desconfianza respecto á subxectividade que parece impoñerse en cada sentenza. Non é de estrañar, xa que logo, que as preguntas e receos dos cidadáns respecto a todos estes casos se centren prioritariamente nos xuíces, aínda que tampouco son escasas as sospeitas sobre inxerencias políticas que poidan manipular o enfoque dos encausados ou sobre as actuacións da fiscalía en determinados procesos xudixiais. O cerne deste problema reside na interpretación das leis, que cada xuiz interpreta á súa maneira. Iso pode constatarse en sentenzas sobre casos similares onde un tribunal emite unha sentenza condenatoria dura e outro exime de toda culpa ao acusado. Incluso nun mesmo tribunal, formado por varios maxistrados, non sempre todos os seus membros coinciden na valoración. Con frecuencia aparecen sentenzas con discrepancias dalgúns integrantes do xurado, que no Dereito Procesal se expresan a través dos votos particulares que están en contra da decisión tomada pola maioría (votos discrepantes ou disidentes) ou que, estando de acordo coa decisión da maioría, discrepan das argumentacións utilizadas (votos concurrentes).

Hai, ademais, a diversa utilización que se faino enxuizamento dun artigo ou doutro dos correspondentes códigos (civil, penal, comercial…). Un mesmo caso pode ser xulgado con relación a un artigo ou a outro; nun caso o reo queda exculpado, no outro sae condenado. Por tal motivo, os avogados buscan e rebuscan entre os códigos aqueles artigos que favorecen ao seu defendido. E de aí o interese en buscar os mellores avogados.

E hai unha situación fundamental, que non depende dos xuíces e dos maxistrados, senón dos propios códigos legais. Os xuices pertecen ao poder xudicial, pero as leis dependen do poder lexislativo que, en España e nos países democráticos desenvolvidos, reside nas Cortes ou Parlamentos. Pero as leis poden modificarse, derogarse, complementarse… e iso depende do parlamento, que é unha institución política. Non hai dúbida de que as leis van case sempre detrás da sociedade; por iso cando cambia o tipo de vida social ou cando aparecen situacións novas que non están reguladas, apróbanse novas leis e deróganse outras existentes. Hai canles internas no parlamento para modificar, abolir, crear e modificar leis, pero tamén, desde o exterior ao Parlamento, existe a acción popular, que precisa dun determinado número de apoios cidadáns para presentar propostas de lei. En épocas electorais, os partidos políticos levan, normalmente, nos seus programas propostas de implantación ou derogación de leis, que na maioría das veces incumpren.  

Existe outro problema en España, que consiste na intervención da política nas leis. Estas abólense ou créanse en función do grupo político dominante, é dicir, do partido que goberna; e desa maneira, as leis nacidas no Parlamento teñen sempre unha tendencia ideolóxica. O poder executivo, dunha maneira ou doutra, ordena aos seus parlamentarios que apoien as leis que o executivo propón. E que dicir das continuas inxerencias do poder executivo sobre o poder xudicial? E como entender que a avogacía do Estado se transforme en avogacía do goberno intentando influír nas decisión xudiciais en determinados casos políticos? Resulta sorprendente que o poder executivo ameace estes días con recorrer a sentencia do Tribunal Supremo no caso de que se opoña ao indulto dos condenados no procés. De ser así, a democracia correría un serio revés e teriamos que resucitar a Montesquieu para que defendese a división de poderes e salvar a democracia.

Cómo resolver este problema?

Se pensamos no marco dunha lóxica estritamente ecuánime, un perfecto complemento ás sentenzas dos xuízos podía ser o recurso dunha Intelixencia Artificial que revisase cada sentenza e contrastase os datos dixitalizados aportados polas testemuñas, polos relatos dos implicados no xuízo, polos avogados intervintes no proceso e polos protocolos legais. Todos eses datos serían incorporados a ese algoritmo, onde xa estarían dixitalizados os códigos xurídicos (Civil, Penal, Procesal, Internacional…), e desta forma poderían revisarse, cunha gran precisión lóxico-matemática, os vereditos dos xuíces para corroborar ou discrepar das súas sentenzas. Algo parecido ao que xa sucede co VAR no fútbol, que se encarga de revisar e rectificar as decisión deses outros xuíces, que son os árbitros. Desa forma, difuminaríanse as sospeitas que revolotean sobre as sentenzas xudiciais ao quedar constatada a coherencia ou o erro na aplicación da lei.

            Con esas dúas modificacións, o “veo da ignorancia”, por parte dos lexisladores, e a Intelixencia Artificial, como correctora dos xuíces, a xustiza podería regresar á sociedade para transformala en máis solidaria e pacífica, en máis obxectiva e máis xusta.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.