Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
Artigo : ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? ”
O ser humano utiliza a imaxinación como recurso psicolóxico, e mesmo pragmático, dos seus desexos e das súas ilusións para vivir mellor e superar as barreiras físicas coas que a natureza lle obstaculiza. E iso non é un fenómeno actual, senón que sempre foi así, como nolo demostra a literatura e a historia da humanidade. O ser humano pretendeu, e segue pretendendo, loitar contra as leis da física para lograr metas que parecen utópicas pero que moitas veces alcanza grazas á ciencia e á técnica. Na mitoloxía grega hai casos famosos desa ilusión que, pasado o tempo, se fixeron realidade. E non só na mitoloxía, tamén en épocas posteriores agromaron esas utopías que a ciencia conseguiu realizar. Por iso a imaxinación actúa como factor importante no devir e proceso da investigación científica.
Digamos, pois, que a imaxinación e a fantasía son as primeiras facultades que desde un punto de vista psicolóxico aparecen na vida dos seres humanos. A persoa empeza sendo neno, e o que prepondera nos nenos e nenas é a imaxinación. Esa é a razón pola que lle gustan os contos, as fábulas, as lendas… Cando se aproxima á adolescencia e á xuventude, a persoa empeza a interesarse polos relatos lóxicos e racionais. Pois ben, iso que a nivel individual lle pasa a calquera ser humano, acontécelle igualmente á humanidade no seu conxunto. A historia do homo sapiens sapiens comezou cunha cultura mitolóxica -asentada na imaxinación e na fantasía- para pasar pouco a pouco a etapas cada vez máis racionais. É dicir, os pasos psicolóxicos polos que pasa cada persoa son extrapolables á historia da humanidade.
Actuamente, a razón aniña na ciencia, na filosofía, na antropoloxía, nas matemáticas… e sabemos que a base da ciencia reside no método científico. Pero o método científico non pode marxinar a imaxinación para propoñer hipóteses, que deberán ser verificadas, ou falsadas, antes de se converter en teorías. Polo tanto, a imaxinación e a fantasía son necesarias, imprescindibles, para facer ciencia e, consecuentemente, para aplicala posteriormente á técnica e á tecnoloxía.
A través da literatura universal descubrimos exemplos famosos onde a fantasía se adiantou séculos, nalgúns casos incluso milenios, aos éxitos da ciencia e da tecnoloxía actual. Antes de existir o avión ou o submarino, aparecía no imaxinario colectivo, en forma literaria, persoas voando ou individuos viaxando nun artefacto por debaixo da auga. Tales relatos literarios contribuíron, posiblemente, á fabricación dos avións e submarinos actuáis. De non coñecerse a posibilidade de poder voar, como fixo Dédalo construíndo unhas ás para el e para o seu fillo Ícaro coa intención de saír da illa de Creta na que estaban retidos polo rei Minos, seguramente non se pensase en voar sen dispoñer de ás naturais como as dos paxaros. Pero Dédalo pensou en fabricar unhas ás artificiais cosendo plumas de paxaro e pegándoas ao lombo con cera. E, igualmente, se Julio Verne non escribira Vinte mil leguas de viaxe submarina, probablemente non se impulsaría a fabricación do submarino; nin tampouco se intentaría no século vinte chegar á lúa, como sucedeu no ano 1969, se non escribira Da Terra á lúa Traxecto directo en 97 horas.
A ciencia como posibilidade fáctica de realizar a ilusión
No libro bíblico do Xénese, lemos: “E mandou Jehová Deus ao home, dicindo: De toda árbore do horto poderás comer”, cap. 2, vers. 16; “mais da árbore da ciencia do ben e do mal non comerás; porque o día que del comas, certamente morrerás”, capítulo 2, versículo 17. Pero a continuación desa pasaxe, aparece a serpe tentando a Adán e a Eva para que coman da árbore prohibida, dicíndolles que se comen serán inmortais como o mesmo Deus. Pois ben, parece que a ciencia, interesada nesa pasaxe bíblica, anda na procura de atopar as claves da árbore do Paraíso para converter o ser humano en inmortal. De momento, non o logrou, pero está traballando nesa liña. Unha liña de investigación sobre a inmortalidade está centrada en atopar o elixir da “eterna xuventude”, un tema que dispón dun longo percorrido porque é algo que preocupou á humanidade desde os seus comezos e nunca se esqueceu del co paso do tempo.
En case todas as culturas sempre estivo presente o elixir da eterna xuventude, tanto en mitos e lendas, como nas diversas relixións. Os alquimistas dicían que a verdadeira obra magna consistía na fabricación do elixir da vida eterna, que era o ouro líquido. Este asunto xa preocupaba aos gregos na súa etapa mitolóxica, como se pode comprobar no mito de Dionisos. A mitoloxía representa a Dionisos como un “deus enigmaticamente xove e riseiro”. Por esa razón se lle considera o símbolo da eterna xuventude: esa capacidade latente de traspasar os ceos da existencia. Nese mito, a eterna xuventude ten máis que ver coa xuventude da alma que coa xuventude do corpo; máis alá dos cambios da vida, dos problemas, das enfermidades, da vellez física… pretende que a alma se manteña xove e entusiasta. Por iso, cando Dionisos regresa a Tebas, o seu avó Cadmo, a pesar de ser xa un ancián, danza como un mozo nas festas en honor ao seu neto Dionisos. A morte sempre é símbolo de transformación, de pasar dun ciclo da vida a outro, ten que morrer o neno para que naza o xove, ten que morrer o xove para que naza o adulto.
Outro referente literario desa eterna xuventude vémola no Fausto de Göthe. Fausto é un home sabio, pero insatisfeito pola limitación do seu coñecemento e por verse incapaz de ser feliz. Entón, aparéceselle Mefistófeles para ofrecerlle os praceres da vida, e Fausto realiza con el un pacto no que accede a venderlle ao Demo a súa alma a cambio da xuventude ata que morra. Xuntos percorrerán un longo camiño que culminará coa morte de Fausto a unha avanzada idade.
Pero antes deste mito fáustico do século XIX, existía xa unha tradición alemana dun Fausto do século XVI, publicada polo libreiro Johann Spies, onde se relata o pacto do doutor Fausto, un teólogo e practicante da maxia negra, con Mefistófeles, un demo súbdito de Satanás, para que durante 24 anos o demo lle obedecese e lle informase de todo o que pretendía saber Fausto. Ao cabo deses 24 anos, o demo quedaríase coa alma de Fausto.
Un terceiro referente literario da eterna xuventude é o de Peter Pan, de James Barrie. Peter Pan non quere medrar para seguir sendo eternamente xove. Pero para iso non poderá recordar as súas aventuras nin o que aprendera ao longo da súa vida. Voa co po de estrelas que caeu á Terra e que desprende Campanilla, a súa fada que o acompaña sempre no País de Nunca xamais. Aquí viven indios, piratas, hadas e sirenas.
A ciencia, pola súa banda, busca as claves da eterna xuventude na bioloxía e especialmente na xenética. Científicos da universidade de Exeter (Bristol) descubriron que as células envellecidas co paso dos anos poden rexuvenecer. As células, cando pasan moitos anos, deixan de dividirse. Pero estes investigadores descubriron que esas células vellas poden volver a dividirse e, ademais, esas células vellas teñen un comportamento semellante ás células xoves.
Co paso do tempo, o material xenético das células vaise degradando. O ADN, nos seus extremos, ten unhas partes chamadas telómeros que, a medida que as células se dividen, se van facendo cada vez máis curtos; cada vez que se duplican, perden unha pequena cantidade de información. Con todo, estes científicos conseguiron efectuar químicamente un empalme de xenes, logrando que esas células rexuvenezan artificialmente.
Seguramente moitos lectores viron a película El curioso caso de Benjamin Button. O protagonista da película (interpretado por Brad Pitt) nace como un home maior, un ancián. O seu proceso de vida vai ao revés: en lugar de envellecer, rexuvenece ata facerse bebé. E este mesmo proceso lévao a asumir diferentes maneiras de entender o amor e a morte. Isto, na realidade, é impensable e, de feito, imposible. Ninguén nace nin nacerá nunca sendo ancián.
Non hai moito, apareceu o seguinte título impactante na prensa: Os científicos xa saben como reverter a idade biolóxica para non envellecer nunca. O ensaio clínico foi publicado nunha revista científica, Aging Cell. Os investigadores explican que se trata do estudo dun ano no que participaron nove persoas tomando e combinando tres medicamentos comúns: a hormona do crecemento e dous remedios para a diabetes (DHEA e metformina). A idade biolóxica reverteu en dous anos e medio. Greg Fahy, autor do estudo e director da compañía de terapia de antienvellecemento Intervene Immune explica que “se trata dunha investigación que demostra que o concepto de envellecemento biolóxico pode non ser imparable. E sobre todo, grazas a este estudo, podemos deducir que o envellecemento non é algo que estea fóra do noso control”.
O estudo de Fahy solamente incluía a nove persoas, todos homes brancos. O próximo paso, di el, “será realizar máis investigacións que inclúan máis grupos de persoas”. E afirma que continuará autoexperimentando: “Antes de intentar algo con alguén máis, gústame facelo primeiro conmigo mesmo. Gústame saber de primeira man que é seguro e que funciona da maneira que creo que o fará”.
Podemos, entón, preguntarnos: será posible non só deter o envellecemento senón ademais empezar, dalgunha maneira, ir cara atrás?
A partir de aí podemos preguntarnos: será posible fabricar un fármaco que prolongue a vida? Será posible lograr que desaparezan os problemas que van unidos á vellez -tumores, achaques, degradación dos tecidos muscular, do tecido óseo? Permitirán os Estados que os cidadáns vivan máis de 160 anos?
Hai anos, descubriuse un suplemento denominado C60, un carbono, unha molécula de carbono con 60 átomos, coñecido tamén como fulereno por ser Fuller o seu descubridor en 1985. No ano 2002 fíxose un estudo con ratas aplicándolles o C60, diluído con aceite de oliva, porque o C60 non se pode diluir con auga, senón só con graxas. A intención dos investigadores era saber que dose de C60 podía resultar letal para os roedores. Pero, curiosamente, aqueles roedores aos que se lles administrara C60 vivían un 90% máis que aqueles que non se lles administrara. E posiblemente a súa vida aínda sería máis longa se non se sacrificasen para rematar o experimento.
Outro dato que observaron os investigadores foi que esas ratas tratadas con C60 non adquiriron tumores, en cambio si os adquiriron as ratas non tratadas co C60. Parece que o C60 inhabilita os radicais libres, que son os encargados da oxidación do corpo e que fan envellecer os organismos. O C60 impide que os telómeros se repliquen defectuosamente e o fagan correctamente, o que implica máis lonxevidade. Ademais, aparentemente, o C60 elimina virus e bacterias, impide a obesidade e as infeccións, aumenta a inmunidade, absorbe as toxinas…
A vellez é unha enfermidade?
Existe esa hipótese, certamente. Pero hai moitos científicos que a critican porque o considerarían antinatural e sería romper un ciclo natural para o que non estamos preparados os humanos. En cambio, os que a defenden din que non estamos programados para envellecer e a bioloxía permítenos saír dese ciclo porque envellecer é unha forma de esgotar a nosa capacidade de manternos xoves por non sermos capaces de superar os obstáculos aos que estamos sometidos. Con todo, somos libres para intentar alongar a vida nunha lonxevidade extrema. Os defensores desta teoría afirman que probablemente nós poderiamos alongar a vida porque hai seres vivos na natureza que duran moito tempo. Por exemplo, as ameixas duran ata 500 anos. En California hai un Piñeiro de 4.841 anos, chamado Matusalén. Os piñeiros de miraflor en Xapón teñen mil anos e os dragos canarios, chamados milenarios, duran uns 600 anos. Polo tanto, habería que atopar a clave desa lonxividade.
Porén, a ilusión da eterna xuventude e, aínda máis, a ilusión da inmortalidade dá de bruzos coa bioloxía. As claves e razóns da inmortalidade ou do logro dunha eterna xuventude residen, fundamentalmente, na división celular de cada especie animal, incluído o ser humano, pois cada especie ten un límite máximo de división. É o que se coñece como límite de Hayflick. Ningún individuo pode superar ese límite que é propio da súa especie. No caso das persoas ese límite márcao a división cincuenta. O normal é que as persoas morran antes de chegar a ese límite, e a morte sexa por accidente, por traumatismos, por guerras, por epidemias, por desnutrición…
Investigadores da década dos anos setenta do século XX distinguiron por primeira vez os dous tipos de morte: por necrose e por apoptose. A morte por necrose é a morte celular violenta e traumática, a morte que vén de fóra, que non está prevista nin programada, a morte sucia e caótica. Nese caso, a célula explota, rómpese a membrana e todo o seu contido vai ao exterior dela provocando a afluencia dos linfocitos e da inflamación. En cambio, a apoptose é a morte programada e organizada, a morte que vén de dentro, seguindo as instrucións do propio xenoma, o que representa un manual de suicidio limpo porque prevé a autodestrución ordenada e o empaquetado apotóptico dos restos que evitan a inflamación.
Todas as células animais están programadas para suicidarse cando lles chega a súa hora cero, pois nese momento soa a alarma e non poden seguir dividíndose. Pero a veces este programa falla e as células esquécense de se suicidar; é, daquela, cando se produce o tumor incontrolable do cancro. Desde 1907 empezaron a cultivarse células tumorais de ratos que aínda hoxe se seguen dividindo. No ano 1951 extraeron unhas células do tumor vaxinal de Henrietta Lacks, unha muller afroamericana de cor negra que morreu en Maryland aos 30 anos de idade. Pero aquelas células, que foron parar ao laboratorio do investigador George Otto Gey, seguen dividíndose furiosamente en laboratorios de todo o mundo, razón pola que algúns as califican de inmortais. Con aquelas células, coñecidas actualmente como células HeLa (nome derivado de Henrietta Lacks), fixéronse máis de 70.000 experimentos científicos.
O investigador francés Alexis Carrel fixo experimentos con fibroblastos (células do tecido conxuntivo) de embrións de polo, alimentándoos con suero e outros nutrientes. Logrou mantelos con vida 35 anos, moitos anos máis do que vive unha galiña. E Carrel anunciou que as células animais así cultivadas se dividían ilimitadamente, polo que eran potencialmente inmortais como as bacterias. Con todo, cando Hayflick, da universidad de Stanford, tratou de reproducir experimentos baixo condicións estritas de control, atopouse que as células de polo só se dividían 25 veces e tras ese número morrían. Descubriu que o suero co que Carrel alimentaba as células non estaba ben filtrado e contiña novas células de embrión que rexuvenecían o cultivo.
Repetiu o experimento con células de fibroblastos de embrións humanos, comprobando que se dividen ata 50 veces e despois morren. Incluso probou de alimentar fibroblastos humanos durante 30 reproducións, logo conxelounos e pasados uns anos desconxelounos e volveunos alimentar, pero só se duplicaron 20 veces, dando así o total das 50 que marca o seu límite. Será esta investigación o fracaso definitivo da ilusión dunha eterna xuventude ou, aínda peor, a desilusión de ser inmortais? Estará a clave da inmortalidade do futuro nas células canceríxenas, como son as HeLa, caendo así na contradición de que a base da inmortalidade reside precisamente nas células do cancro que son a causa da maior mortalidade do presente? A ciencia o dirá. Con todo, a vida é tan só un episodio na longa historia do noso planeta e non estou moi convencido de que este nos precise para poder seguir xirando durante millóns de anos no universo. Como escribiu Jesús Mosterín nun célebre artigo titulado “Una cita con la parca”, El País, 24 de marzo de 2015”:
“Todos los seres vivos somos configuraciones efímeras de las partículas de que estamos hechos, pompas de jabón, fogonazos fugaces, olas en el océano inmenso de la realidad. Biológicamente, y como ya sabía Aristóteles, la única posibilidad de sobrevivir a la muerte, aunque muy provisionalmente, es la reproducción… Nuestros genes siguen su camino en nuestros descendientes, pero ese es su camino, no el nuestro, e incluso este linaje tiene los días contados… la vida es formidable y maravillosa en la medida en que tenga componentes formidables y maravillosos. Cuando ya no los tiene en absoluto, sino todo lo contrario, la vida puede convertirse en una farsa sin sentido cuya única solución es la muerte” (Jesús Mosterín).
—————————————————————————————————-
Outros artigos de Avelino Muleiro
Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “
Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “
Artigo: ” De quen son os fillos? “
Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “
Artigo : ” Devalo da Galicia interior “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
—————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.