A Feira Internacional de Antigüidades, Antiq Auria, pechou as portas da súa oitava edición posicionada como unha das mellores citas do norte de España e Portugal, tendo en conta que os 42 expositores de cinco países que participaron nesta ocasión recibiron 2.300 visitas ao longo de toda a fin de semana, sendo a xornada do domingo a máis concurrida. Como xa é habitual, un dos momentos con meirande presenza de público foi a gran poxa celebrada ao mediodía no que tiveron a oportunidade de participar tanto os visitantes coma os propios expositores, partindo dun prezo de cinco euros para cada peza.
Así, a peza que acadou un meirande prezo, 200 euros, foi unha talla relixiosa de madeira do século XVIII procedente de Alemaña, mentres outros artigos oscilaron entre os 15 euros dun ‘xugo de bois’ ata os 25 euros dunha cabeza de ‘Piolín’, que era orixinaria dun parque de atraccións. Deste xeito concluíu a primeira feira do mes de novembro en Expourense, con 42 expositores procedentes de cinco países (España, Portugal, Bélxica, Suiza e Francia), que presentaron máis de 30.000 obxectos. Según os seus organizadores, a Asociación “Memoria Antiga” de Ourense, ‘Antiq Auria’ converteuse xa “na mellor feira de antigüidades de Galicia e unha das mellores do noroeste peninsular, porque así nolo din tanto os expositores coma os visitantes”. Expourense colabora un ano máis con esta entidade de empresarios anticuarios da provincia ourensá na posta en marcha deste evento, que conta tamén co apoio da Deputación Provincial de Ourense.
O recinto feiral de Expourense voltará a abrir as súas portas na vindeira fin de semana, coa celebración, do venres 15 ao domingo 17 do “XV Salón do Automóbil”, adicado ao vehículo novo, mentres no seguinte, dos días 22 ao 24, centrarase no vehículo de ocasión.
















