A Deputación reforza o seu liderado como goberno aberto á cidadanía coa posta en marcha do novo portal de Transparencia

Na presentación da plataforma, Manuel Baltar explicou que este proxecto é “un exemplo de autoesixencia e de compromiso coa cidadanía co obxectivo fundamental compartir a máxima información e que sintan orgullo de seu por contar cun goberno como este” 

Desde o sitio web https://transparencia.depourense.gal/, o cidadán ten acceso a un maior volume de datos organizados en seis bloques: Transparencia institucional; Planificación; Servizos á cidadanía; Transparencia económica; Contratos, convenios e subvencións; e Apoio aos Concellos 

AVANTAR ACTIVIDADES

A Deputación de Ourense vén de reforzar o seu liderado como goberno aberto á cidadanía co lanzamento do novo portal de Transparencia, que dun xeito claro, amigable e máis comprensible pon a disposición de calquera persoa toda a información relacionada coa propia institución e os seus cargos, planificación de goberno, servizos á cidadanía, transparencia económica, contratos, convenios subvencións, e apoio aos concellos.  

Un “exemplo de autoesixencia e de compromiso coa cidadanía a través dun proxecto que ten como obxectivo fundamental compartir a máxima información e que sintan orgullo de seu por contar cun goberno como este”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, acompañado na presentación da plataforma polo director de Transparencia e Goberno Aberto, Fernando Suárez. 

Manuel Baltar subliñou que o novo portal é un instrumento “innovador e diferenciador”, que segue a liña estratéxica marcada desde a súa chegada ao goberno da Deputación “e que nos permite dicir que somos desde 2017 o goberno provincial máis transparente de España”, así como tamén que desde principios de mes “esta presidencia lidere o ranking de transparencia entre os 52 presidentes dos gobernos provinciais, incluídas deputacións, consellos e cabildos insulares”. 

Cos lóxicos límites da lexislación, explica, ser líderes en transparencia significa “compartir toda a información posible coa veciñanza, sexa ou non da provincia, resida no territorio ou estea no exterior, e con este proxecto imos nesa dirección”. Para o presidente provincial, o novo portal “sitúanos á vangarda, mesmo propiciando a posta en marcha de indicadores que xurdiron tras iniciativas desta Deputación como goberno propositivo que somos”  

Fernando Suárez subliñou, pola súa banda, que o portal nace con vocación de converterse “nunha ferramenta de uso cotián por parte da cidadanía, colectivos e entidades”, ofrecendo información dun xeito dinámico e actualizado, “evolucionando non só por iniciativa da propia Deputación, senón tamén en resposta ás necesidades e demandas da veciñanza”. 

O portal, que cumpre tamén con todos os índices de transparencia a nivel internacional ,engadiu Suárez, fai que a Deputación de Ourense cumpra con preto do 90 % dos items esixidos pola plataforma Dyntra -168 de 189- a hora de valorar as boas prácticas de transparencia e goberno aberto, así como o cumprimento das obrigas legais e demandas cidadáns nesta materia. 

Seis bloques de información ao servizo do cidadán 

Este proxecto foi desenvolvido pola área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación, en colaboración co resto de departamentos da insitución e coa empresa Dynamic Opengov Technologies, líder en transparencia e especializada en ferramentas de goberno.  

Desde o sitio web https://transparencia.depourense.gal/, o cidadán ten acceso a un maior volume de datos que se presentan organizados en torno a seis bloques de información: Transparencia institucional (cargos, currículo, nóminas…); Planificación (eixos estratéxicos de goberno permanentemente actualizados); Servizos á cidadanía (administración electrónica, interacción coa Deputación); Transparencia económica (contas, informes, débeda…); Contratos, Convenios e Subvencións (acceso á plataforma de contratación electrónica e aos servicios nacionais); e Apoio aos Concellos. 

A plataforma ofrece unha navegación máis doada, reduce o número de “clics”, inclúe unha sección para facilitar as solicitudes de acceso á información mediante un formulario e incorpora outras funcionalidades para permitir un contacto directo coa administración. Tamén se cumpre ao máximo cos índices de accesibilidade universal, tanto para as persoas sen capacidades tecnolóxicas como para todo tipo de discapacidades.