Apróbase a iniciativa socialista para manter o carácter público do servizo de recollida e tratamento de residuos da Deputación de Ourense

“Demandamos a non mercantilización deste servizo, sen ánimo de lucro, que sexa transparente, sustentable e que garanta o dereito a unhas prestacións suficientes, estables, eficaces e eficientes”, sostivo o voceiro socialista, Álvaro Vila

Ourense, 22 de decembro de 2023. Impulsada polo Grupo Provincial Socialista, a moción para garantir o mantemento do carácter público do servizo de recollida e tratamento de residuos que presta a Deputación de Ourense foi aprobada en Pleno co voto favorable de PP e BNG, e abstención de DO. A iniciativa socialista instaba ao grupo de goberno a “un compromiso categórico para desbotar calquera iniciativa dirixida á privatización do servizo” que presta en réxime de competencia delegada a Deputación de Ourense. “Demandamos o compromiso da Deputación co carácter público e non mercantil deste servizo, sen ánimo de lucro, que sexa transparente, sustentable e que faga plenamente efectivo o dereito a unhas prestacións suficientes, estables, eficaces e eficientes”, sostivo o voceiro socialista, Álvaro Vila Araújo, durante a defensa da moción do seu grupo no Pleno.

AVANTAR ACTIVIDADES

“A conversión deste servizo público nun negocio privado a través da súa adxudicación a unha sociedade mercantil significaría o empeoramento do servizo, o deterioro das condicións dos traballadores e o encarecemento da prestación”, clarificou Vila. “Deste xeito, continuou o voceiro socialista, calquera intento de privatización redundará nun recorte das prestacións percibidas por dous terzos dos habitantes da provincia, involucrando prexuízos para os concellos afectados”. A Moción socialista tamén instaba ao goberno do Partido Popular a reforzar o servizo de recollida e transferencia de residuos que presta en réxime de competencia delegada a Deputación de Ourense. “Debemos consentir máis recursos para ampliar as prestacións ofrecidas á veciñanza independentemente do seu concello de residencia e garantir unhas mellores condicións laborais aos traballadores afectados ao servizo”, sostivo Vila.

Máis de 200.000 veciños de ata 74 concellos da provincia, que representan o 80% dos municipios ourensáns, dependen do servizo de recollida e transferencia de lixo en réxime de competencia delegada. A Deputación de Ourense tamén se ocupa da recollida selectiva de envases lixeiros nunha vintena de concellos, de papel e cartón en até seis e de vidro en outros nove, asumindo o servizo de Punto Limpo en 64 municipios. Cos votos de PP, DO e unha deputada non adscrita, en decembro de 2021 aprobouse o cambio no modo de xestión do servizo. Para Vila, “daquela, informes mediante, só se esgrimiron motivos políticos, non implicando ningún beneficio para veciñanza e traballadores”. En aras de deixar sen efecto a decisión a favor do modo de xestión e apuntalar o carácter público do servizo, “defendemos o mantemento do actual modelo, máis acaído co interese xeral á luz das súas avantaxes probadas en termos de eficacia, eficiencia, custo e beneficios sociais e medioambientais”, concluíu o voceiro socialista.