Malos tratos e crueldade

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.


“Los humanos somos buscadores permanentes de placer…Desgraciadamente, hacer daño al prójimo o a los animales también puede formar parte de nuestro repertorio humano placentero y tenemos que asumirlo como un efecto colateral negativo de nuestras muchas capacidades cognitivas” (Ignacio Morgado: Deseo y placer).  

PUBLICIDADE ELECTORAL

            Investigacións neurocientíficas confirman que calquera situación ou acción que implique pracer libera dopamina no cerebro. A pesar de todo, non implica que o neurotransmisor dopamina sexa a causa do pracer, senón de estimular e de aumentar o desexo de sentilo, o cal incrementa a conduta para ir á súa busca. No caso do maltratador, o pracer de someter á súa vítima, de mangoneala e de sentirse o seu dono e señor arrástrao a seguir maltratándoa e humillándoa. Dese modo, o maltratador, decatándose de que a violencia que utiliza coas súas vítimas deriva nese pracer narcisista, pon en uso a aprendizaxe operativa ou instrumental para maltratalas. A dopamina, pois, motiva ao maltratador a procurar o pracer naquelas situacións nas que hai constancia de logralo. Por tal motivo, os maltratadores adoitan reincidir nas súas morbosas condutas, sabedores moitas veces de que as súas vítimas seguirán silentes. E, se a iso engadimos o pracer que supón o error de expectativa que soe aparecer coas benévolas sentencias xudiciais sobre malos tratos, o sadismo do maltratador vese recompensado e incrementado.

Non hai a menor dúbida de que vivimos nun mundo tremendamente agresivo e violento, onde o modo de pensar e de actuar foi perdendo os criterios de concordia e de racionalidade para dar paso ás emocións altamente pasionais e á irracionalidade máis perniciosa. Simultaneamente, nesa engrenaxe implacable da existencia humana, os valores cívicos e morais fóronse modificando no ámbito da ética, de forma evolutiva e indeliberada, ata o punto de que a axioloxía social respecto á conduta dos seres humanos deixa difuminada a demarcación conceptual da utilidade, da moralidade e da legalidade. Aos cidadáns resúltanos difícil discernir con precisión a diferenza entre o legal e o moral, entre o deber e o obedecer, entre o lícito e o pragmático. Unha sociedade así, instalada no relativismo e no pragmatismo, é tan competitiva e desafiante que permite, nun acto de disparatado masoquismo, que cada un de nós sexa capaz de rivalizar consigo mesmo para poder presentalo ante a sociedade como un éxito; por iso asume igualmente, con indecente normalidade, a aquiescencia dos malos tratos, das agresións e da crueldade no seu propio escenario. E as mulleres son, sen ningunha discusión, as vítimas propiciatorias neste plató.   

            Resulta incuestionable a cooperación, a compaixón e a benevolencia que Rousseau atribuía á natureza humana, pero tamén parece innegable que, de forma paralela, a sociedade descubriu nunha brusca mutación o pracer de observar o sufrimento dos demais a través da violencia, da maldade e da crueldade, como sinalaba o pensador suízo. Estas condutas reprobables poden aparecer de maneira indisimulada ou, en moitos casos, cunha agresividade fría, calculada e instrumental. As persoas maltratadoras deixan ao seu paso un considerable rastro de baixas e damnificados que elas provocan a conciencia e de forma intencionada.   

            Os malos tratos son actos que implican agresión ou violencia contra persoas ou animais. Forman parte dese tipo de agresión os insultos, os abusos, as vexacións, a forza física, os berros, os controis… A conduta violenta dos malos tratos provoca dano na vítima, tanto físico como moral, e as consecuencias resultan sempre traumáticas porque é unha das peores experiencias que pode sufrir o ser humano, e non só polas secuelas físicas, senón polas psicolóxicas, que poden permanecer durante o resto da súa vida. Se o maltrato físico é espantoso, o psicolóxico resulta máis severo porque destrúe de modo absoluto á persoa. A dor física pode acabar pasando, cicatrizando, pero o dano moral grava as súas pegadas de forma traumática no máis profundo do ser humano como é a dignidade. A degradación dunha persoa maltratada pode acabar por destruíla.

No mundo, un elevado número de mulleres son maltratadas, golpeadas ou violadas na propia casa polo seu marido ou pola súa parella. Datos publicados por Nacións Unidas revelan que o 25% das mulleres foron violadas algunha vez na súa vida e que ao redor de 120 millóns sufriron mutilacións xenitais. Pero non só as mulleres son vítimas dos malos tratos por parte dos homes, tamén elas poden ser maltratadoras e producir vítimas. Ningunha persoa queda á marxe de ser maltratada nin maltratadora, vítima ou verdugo.

Categorías dos malos tratos

Danse moitas formas de maltratar e hai diferentes tipos de vítimas e de lugares nos que se levan a cabo. Así, podemos elaborar un decálogo dos malos tratos considerando a súa forma, o perfil dos maltratadores e o grupo das vítimas.

  1. Malos tratos físicos son os que afectan ao corpo: dar couces, abofetear, tirar do pelo, rachar unha peza de vestir, lanzar obxectos, varear, cuspir…
  2. Verbais, emocionais e psicolóxicos son as agresións nas que unha persoa exerce un poder sobre outra, á que descualifica, humilla, discrimina, illa, somete á súa vontade e lle rouba a súa dignidade por medio de berros, burlas, ameazas, atemorizacións á familia, danos ás propiedades da vítima…
  3. Maltrato infantil dáse cando as vítimas son nenos e adolescentes, e paractícase con abusos, desatencións, explotacións -laborais, sexuais, compravenda…-, vinganzas tras a separación dos seus proxenitores, déficit alimenticio… En EEUU o maltrato infantil é a segunda causa de morte en cativos de 2 a 5 anos.
  4. Abusos sexuais son os que se relacionan co sexo; e poden ser físicos (agresións sexuais) e psicolóxicos (explotación sexual).
  5. Bullying é o maltrato que sofren nos colexios de ensino os alumnos e alumnas por parte dos seus colegas. Pode ser físico (pegar) ou psicolóxico (atemorizar á vítima, controlala, excluíla do grupo, intimidala…).
  6. Mobbing é o maltrato no traballo. Pode darse entre compañeiros, pero tamén dos traballadores respecto aos xefes e dos xefes respecto aos traballadores…
  7. Maltrato dixital ou ciberbullyin consiste en ameazas nas redes sociais, no control dos correos-e, na publicación de imaxes comprometidas…
  8. Institucional, que se expresa por medio de leis, decretos, ordes, normas, bandos… Depende sempre dunha institución, pública ou privada, que pode causar malestar ou neglixencia, e pode ser por acción ou omisión sobre unha persoa ou colectivo de persoas.
  9. Económico, que consiste na actitude do maltratador controlando os recursos doutra persoa, á que lle obriga gastalos onde lle manda, apropiándose do seu patrimonio, retirándolle o diñeiro da conta bancaria -caso dos matrimonios-, etc.
  10. O maltrato animal, que soportan as mascotas por parte dos seus donos ou coidadores (privándoas de comer, pegándolles, enxaulándoas, abandonándoas -como soe suceder cos cazadores que se desentenden dos cans cando remata a caza-…), ou mesmo o que se utiliza cos animais salvaxes e cos domésticos (a loita de galos e de cans, as corridas de touros, os animais que se utilizan como cobaias nos experimentos científicos…).

Perfil do maltratador/a

Desde unha perspectiva psicolóxica, os maltratadores son, polo xeral, persoas que se cren superiores ás súas vítimas, tanto no ámbito familiar como no laboral, no social, no institucional… Inicialmente aparecen como persoas encantadoras; con todo, carecen de verdadeiros amigos e son demasiado superficiais nas súas relacións sociais e nas distancias curtas. No plano familiar e de parella son excesivamente celosos e suspicaces. En moitos casos tamén teñen problemas co alcol e coas drogas. Son chantaxistas, autoritarios, inflexibles, dominadores, mintirosos, crueis, dominantes, agresivos, insensibles…

            Desde un punto de vista sociolóxico, abundan os maltratadores que viviron en familias desestruturadas, porque quizais tamén eles foron maltratados e non se formaron en valores de respecto e convivencia. Pero tamén poden pertencer a unha clase alta ou media, e non necesariamente a un lumpen ou a clases marxinadas. Incluso poden ser persoas ben educadas, ben formadas intelectualmente e que gozan de prestixio, razón pola que pasan desapercibidas e non resultan sospeitosas.

            Daquela, o maltratador nace ou faise? Está determinado pola súa xenética ou depende do ambiente no que vive e da formación que recibiu? A interacción da xenética e do ambiente parece ser a clave para entender o perfil do maltratador. Lembremos que os actos humanos non sempre son consecuencia da racionalidade. Ser racional significa que podemos actuar de forma coherente, pero non implica necesarimente que todos os nosos actos sexan sempre racionais. Ter o carné de conducir non supón que o seu titular conduza sempre ao desprazarse dun lugar a outro, senón que sinxelamente está facultado para conducir. Do mesmo modo, cando actuamos, non sempre seguimos os criterios lóxicos da razón, senón que os nosos actos están considerablemente sazonados coas emocións. A interacción entre a razón e a emoción inflúe na nosa conduta máis do que nos parece. Mentres o lóbulo frontal do cerebro se responsabiliza da nosa conduta racional, o sistema límbico é o causante das nosas emocións. Podemos controlar debidamente a racionalidade a través da vontade, en cambio as emocións esquivan facilmente o noso control e resulta altamente difícil dominalas. Hai situacións nas que por detrás do maltrato se detectan emocións corrosivas como a vinganza, o odio, o rancor, a represalia, o axuste de contas, a vendetta… Pero tamén caben infinidade de motivacións e traxectorias vitais para causar dano. Dánse casos nos que as intencións de maltratar aparecen de forma abrupta e como consecuencia dun impulso irrefreable nun momento concreto. Noutras circunstancias, ese afán nocivo pode ser consecuencia do seu cultivo ao longo do tempo e á espera da ocasión favorable para executalo.

            Parece razoable pensar que se a oxitocina se considera unha hormona prosocial por contribuír a crear lazos entre as persoas, razón pola que se cualifica “hormona da aperta”, “hormona da confianza e da xenerosidade”, moi escasa debe estar no cerebro do maltratador.

A factura xenética do maltratador

O maltrato incidental adoita presentar elementos tortuosos na súa orixe e actitudes silentes por parte das súas vítimas. Sobran exemplos de maltrato e de crueldade nos escaparates da novela negra e das peliculas de intigra. Na gran maioría, a responsabilidade dos actores do mal trato revélase evidente xa que a súa intención de magoar e prexudicar non ofrece dúbida. Pero, que hai de responsabilidade xenética neste tipo de conduta? Que peso ten a herdanza?

            Os psicólogos A. L. Glenn e A. Raine publicaron un artigo sobre criminoloxía, en 2014, no que dicían que “ter un proxenitor violento incrementa a probabilidade de violencia delitiva nos fillos”. Con todo, ese comportamento “delitivo dos fillos” non ten por que deberse á herdanza do proxenitor, pode ser tamén por imitación co proxenitor, por emulación, por mímese, ou por simple aprendizaxe.

En neurociencia existen bastantes estudos, sobre todo das últimas décadas, que permiten pensar nunha notoria carga xenética na propensión ás condutas de maltrato e de crueldade. A estimacións que aportan estas investigacións sobre a proclividade antisocial e de malos tratos dan un abano dun 40-60% de influencia hereditaria. Nalgúns deses estudos inténtase identificar que xenes específicos poden explicar esa carga hereditaria en tales condutas anómalas. Un deses xenes identifícase como o xene mao-A (Monoaminooxidasa). Trátase dun xene situado no cromosoma X, que intervén regulando os mecanismos da serotonina, da norepinefrina e da dopamina no cerebro. A súa ausencia ou deficiencia relaciónase coa conduta agresiva. Coñécese como o xene do guerreiro e, tendo en conta os estudos xenéticos, resulta máis frecuente en homes que en mulleres. Iso explicaría por que os malos tratos son provocados maioritariamente por homes.

            Cando esa enzima non funciona correctamente, a regulación da serotonina no cerebro esborrállase, e de igual modo diminúe a función da noradrenalina e da dopamina. Desa forma, o mal funcionamento do mao-A induce ao colapso da función da serotonina, que actúa de freo nos territorios neuronais da agresividade atenuando as reaccións violentas. 

Estes datos son resultado dos achados dunha investigación desenvolvida na década dos anos noventa do século vinte, no Hospital Universitario de Utrech, despois de estudar a conduta violenta dunha familia neerlandesa. A repercusión de tal achado foi impactante, como sinala o catedrático de psiquiatría da UAB Adolf Tobeña no seu libro Neurología de la maldad, porque coincidía con feitos ben coñecidos, tales como que: a) as persoas normativas que posúen índices baixos de mao-A nas plaquetas sanguíneas adoitan ser máis impulsivas e irreflexivas; b) os fármacos utilizados para controlar episodios agresivos aumentan a función da serotonina.

            Coincide esta anomalía de mao-A no cerebro do malotratador? Sería interesante investigar esta conduta. Quizais a lesión ou a deficiencia funcional desa parte cerebral sexan a explicación da carencia de sintonía emotiva ante o sufrimento dos demais e dificulten a súa capacidade para estimar o dano que infrinxen. Esa ausencia de reactividade afectiva ante situacións de sufrimento e de violencia están suficientemente estudados en persoas crueis e insensibles que esconden trazos psicopáticos desde a infancia. Neses casos comprobouse como se reduce a activación empática nos territorios insulares e cingulados do cerebro, que son os encargados de rexistrar os aspectos emotivos e afectivos da empatía. Pero, en persoas non psicópatas, aínda que non sobran estudos ao respecto, é moi posible que teñan parecida explicación.

Malos tratos e crueldade

Podemos afirmar que a crueldade é un maltrato, pero non todo maltrato é cruel. A diferenza está en que a crueldade é un maltrato doloroso e intencional que se lle causa a unha persoa ou a un animal indefenso, alongando ou incrementando o sufrimento sen ningunha necesidade. Ese aumento deliberado e innecesario de dor constitúe a esencia da crueldade. O mal maior, que se supón que é a morte, non implica necesariamente crueldade. Un pode matar a alguén sen querer, por accidente, ou voluntariamente cun disparo na caluga, pero sen asañamento. A crueldade está en facer sufrir a unha vítima intencionadamente, provocando o horror e a repulsa na sociedade, a menos que esa sociedade teña a sensibilidade embotada. Na televisión sobran imaxes de crueldade en películas, en documentais, mesmo en directo nos noticieiros. Pero cando non había cine nin televisión as crueldades víanse e sufríanse en directo.  

Se consultamos a historia da humanidade, comprobamos que a crueldade afecta máis aos homes que ás mulleres. Polo menos, os casos son incomparables. Os investigadores en neurociencia sitúan a proporción de 9 a 1. De cada nove homes crueis e perversos, hai unha muller coa mesma patoloxía. Os homes eran os que ían á guerra, que é o lugar propicio para cometer auténticas atrocidades. Os homes gobernaron durante séculos e milenios, non só nos Estados e nos Reinos, senón tamén na casa, domesticamente. O home é por antonomasia cazador, pescador, está máis en contacto cos animais salvaxes. Tradicionalmente, o home dominaba á muller, á que consideraba serva súa, e de aí os malos tratos que actualmente se condenan. Na Grecia clásica, a muller non era cidadá, porque cidadáns só eran os homes. Todo iso predispón ao home a ter máis oportunidades que as mulleres de practicar a crueldade.

            Pero tampouco podemos demonizar ao home categoricamente e de forma exclusiva, pois atopamos mulleres ao longo da historia que poden superar cos seus actos de crueldade aos homes máis sanguinarios. É o caso dunha muller chinesa, Wu Zetian, a única muller emperatriz da historia de China. O seu caso é para unha película de terror, pois as torturas ás que someteu a algunhas mulleres foi de tremenda crueldade. Primeiro mandou que lles apaleasen os brazos e as pernas; logo que lles cortasen os pés e as mans; por último, meteunas nunhas tinas de viño para que alí morresen con enorme sufrimento.

Tampouco se salvan da crueldade mulleres como a soviética Antonina Makarova, que durante a Segunda Guerra Mundial se puxo ao servizo nazi executando persoalmente máis de 1.500 soldados e guerrilleiros dunha forma atroz. Darya Saltykova, outra muller rusa do século XVIII, aristócrata, que se fixo famosa por matar a decenas de criados seus, preferentemente a rapazas mozas, e de modo especial na véspera das súas vodas.

Irma Grese, coñecida como “a besta fermosa” e “o anxo da morte” pola súa conduta sádica e perversa. Con vinte anos, asasinou a latigazos a centos de persoas nos campos de concentración nazis, torturou a nenos e cometeu abusos sexuais. Entre as súas barbaridades estaba non darlle de comer aos cans para que se lanzasen sobre os presos e os devorasen

María Tudor de Inglaterra, famosa por queimar na fogueira a máis de 300 católicos e de perseguir e queimar a centos de protestantes, incluso despois de se convertiren ao catolicismo.

            Ilse Koch (Ilse Köhler, nome de pila), esposa de Karl Koch, o comandante do campo de concentración de Buchenwald, famosa polas acusacións que se fixeron contra ela por crear coa pel dos prisioneiros que tiñan distintas tatuaxes diversos obxectos -tapas de libros, lubas, pantallas de lámpadas-. Coñécese como “a bruxa de Buchenwald” ou “a cadela de Buchenwald”. Aplicou diferentes técnicas de torturas e de castigos, razón pola que se gañou a fama de sádica. Divertíase vestindo de forma provocativa para mostrar os seus encantos aos cautivos recén chegados ao campo de concentración. E se algún se atrevía a mirala, era castigado con duras malleiras que normalmente acababan en morte.  

            María Mandel, garda feminina das SS nazis, responsable da morte de máis de 500.000 mulleres -xitanas, xudeas- no campo de exterminio de Auschwitz (Polonia). Coñeceu a Irma Grese, á que recomendou como xefa do campo de xudeas húngaras en Auschwitz.

 Coñecendo estes casos, non se pode dicir que que as mulleres tampouco sexan anxos bondadosos. Pero, claro, fronte ás barbaridades dos homes ao longo da historia, non caben as comparacións.

 Sanción do maltratador

Pensamos que unha sanción só é o resultado dunha sentencia xudicial, que na actualidade está tan cuestionada pola sociedade. Hai outras clases de sancións, como pode ser a social, a familiar, a laboral… por medio da marxinación, da repulsa pública, do veto grupal… Pero hai tamén unha sanción persoal, de conciencia. A posibilidade de borrar de si mesmo un sentimento de culpabilidade está profundamente ligado co prexuízo causado. Cando ese dano foi intenso e reiterado, o culpable, arrepentido ou non, terá máis posibilidades de aprender a vivir coa súa culpa que desprenderse dela. Xa dixera Séneca que quen se sente culpable convértese no seu propio verdugo. O máis difícil é perdoarse a si mesmo.

Un sentimento de culpabilidade con intención redentora podería ser a penitencia polo mal causado; recoñecer a súa perversidade sería o prezo a pagar para conseguir algunha redención persoal por se ter considerado a si mesmo dono da vida dos demais. De non ser un psicópata, a sanción máis grande do maltratador e da persoa cruel dítaa a súa propia conciencia. Por iso, para non caer na rede desta conduta execrable, o mellor antídoto é a educación e a cultura. E se o problema é xenético, buscar axuda na neurociencia.

            En situacións críticas de violencia e de conflito, os seres humanos adoitamos aceptar a culpabilidade antes que o oprobio e o deshonor. Por tal razón, unha persoa maltratada pode chegar a desprezarse a si mesma, para logo sentirse na necesidade de someterse incondicionalmente ao verdugo e de humillarse ante el. Deste xeito, o maltratador acaba secuestrando a dignidade da súa vítima ata o punto de que esta se crea indigna do seu comportamento e asuma a propia culpabilidade. Cando iso acontece, non sorprende que a vítima nos conmova profundamente e recoñezamos que os seus sufrimentos quedan lamentablemente invisibles para a sociedade.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.

PUBLICIDADE