Posmodernidade e medios de comunicación

Avelino Muleiro García :

Publicidade

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

Artigo : “Posmodernidade e medios de comunicación ”

Oímos de forma reiterada a expresión de que “vivimos tempos de grandes contrastes e de cambios constantes”, unha idea que moitos compartimos. Os cambios aconteceron sempre en todas as etapas da historia, pero non con esa velocidade coa que suceden agora. Como escribía o poeta Paul Valéry: “A interrupción, a incoherencia, a sorpresa son as condicións habituais da nosa vida. Convertéronse incluso en necesidades reais para moitas persoas, para persoas que alimentan a súa mente só de cambios súbitos e de estímulos permanentemente renovados. Xa non toleramos nada que dure. Xa non sabemos como facer para lograr que o aburrimento dea froito. Entón, todo o tema queda reducido a esta pregunta: a mente humana pode dominar o que a mente humana crea?”

Esas condicións sinaladas polo poeta francés son algunhas das características que revelan o perfil da sociedade actual. Pero hai outras moitas e de peculiaridades similares.  Que vivimos nunha sociedade de cambio é algo que non se discute. É certo tamén que en calquera etapa da historia da humanidade o cambio estivo sempre presente, porque de non ser así, aínda hoxe estariamos vivindo nas cavernas do Paleolítico. Porén, nunca na historia da humanidade os cambios foron tan rápidos como agora. Tan rápidos e rompedores! Canto máis nos remontamos ao pasado, máis nos decatamos do devagar que foi cambiando a sociedade. Houbo épocas na Historia nas que se precisaban séculos, incluso milenios, para vivir un pequeno cambio. Hoxe apenas degustamos unha nova situación porque pasa de forma vertixinosa para deixar espazo a outra que a vén substituír.

            Pero o sorprendente destes cambios é a falta de nexo co pasado, a desconexión cos criterios históricos no modo de enfocar os problemas. Non hai maneira de predicir que nos espera ao día seguinte no que vivimos, porque as ferramentas que se utilizaban ata agora xa non serven. Con todo, o que resulta sorprendente é que non se coñecen as novas ferramentas coas que construír o futuro. Pasamos dunha etapa catalogada de “moderna” a outra cualificada de “posmoderna”. Se a modernidade se caracterizaba pola fe e a defensa da razón, polo optimismo nas teorías e sistemas, pola aceptación da metafísica, así como pola idea de progreso e dos grandes relatos, a postmodernidade é a negación da modernidade e dos valores que esta defendía. Nesta sociedade desapareceron os valores tradicionais, uns valores que Nietzsche eliminou con aquela famosa bomba zaratrustiana: “Deus morreu”. E coa súa morte morreron todos os valores tradicionais da nosa cultura: a verdade, a beleza, o ben, a bondade… Nietzsche representa, pois, o inicio desta posmodernidade que anticipou co nihilismo: “o nihilismo está á porta”, escribiu en 1888. “O que eu conto aquí é a historia dos dous próximos séculos. Describo o que vai vir: a chegada do nihilismo. Esta historia pode ser contada xa agora, pois opera nela a necesidade. Este futuro fala xa a través de cen signos…” (A vontade de poder). Hai que recoñecerlle a Nietzsche o seu acerto profético.

Adoitamos entender por “posmodernidade” o desencanto da razón, o esgotamento da modernidade, o enterro das utopías, o fin da historia, o hiperindividualismo hedonista, o languecer do aspecto político, a negación do absoluto, a crítica ao cristianismo, a crise de paradigmas… e as lóxicas consecuencias derivadas de todas estas anomalías. A posmodernidade está relacionada cos cambios sociais que orixinan novos tipos de sociedade ou inauguran unha nova fase do capitalismo.  

Non podemos obviar que son trazos propios dunha sociedade posmoderna a presenza das novas tecnoloxías e o valor do consumismo. Resulta admirable o importante papel que desempeñan as novas tecnoloxías da información e da comunicación para propiciar o proceso da globalización, pero non é menos evidente o fenómeno do consumismo, que eclipsa a convencional posición central da produción. Nun mundo dirixido polo mercado, cada vez máis se buscan solucións xerencialistas aos problemas sociais; incluso se espera que os gobernos “xestionen” a economía, os servicios sanitarios e mesmo o trato dos delincuentes nas prisións. A sociedade posmoderna vai estritamente asociada a formas de vida consumista, porque as posibilidades de elección entre produtos, non só de consumo, senón tamén intelectuais, artísticos e relixiosos, son ilimitadas. Por tal razón, para algúns marxistas como Fredric Jameson, a posmodernidade non é nada máis que a lóxica cultural do capitalismo tardío.

            Nesta sociedade posmoderna, ateigada de opcións de consumo e múltiples medios de comunicación, os valores e as crenzas carecen de coherencia e de continuidade. A racionalidade vese atacada, tanto na filosofía, como na ciencia e na arte, polo nihilismo nietzscheano. Mentres na modernidade ilustrada o concepto de verdade trataba de aproximarse á verdade divina por fiable, a súa transmutación posmoderna na procura dunha verdade empírica volveuse vulnerable e finalmente o concepto de verdade foi desmantelado. Nietzsche afirmou que a verdade, como outros moitos valores das “vellas táboas”, estaba posta en cuestión.

               As consecuencias de todo iso lévannos a vivir desorientados, porque detectamos que a finitude, a historicidade e a continxencia das nosas propias identidades e sistemas de valores son quen nos definen. Ante tales desatinos non resulta difícil evocar con nostalxia as pasadas realidades e valores, que eran estables, edificantes e auténticos. Non faltan pensadores que reivindican unha reactivación da modernidade e dos seus valores, como é o caso de J. Habermas, crítico coa posmodernidade, á que responsabiliza do seu talante de abandonar as responsabilidades políticas e a indiferencia polos que sofren. No seu lugar reclama, a través da súa teoría da acción comunicativa, unha Ilustración que “redima e xustifique a esperanza de liberdade, xustiza e felicidade”.

O papel dos medios de comunicación

Para o pensamento posmoderno imponse unha visión débil da ciencia e do coñecemento, polo cal a autoridade perde o seu lugar de privilexio. Se o pensamento moderno viraba ao redor da cultura occidental, para a posmodernidade as ideas occidentais non son as mellores nin tampouco representan o ideal ao que debe aspirar a humanidade. De igual maneira, cuéstionanse todos os principios esenciais da Ilustración, asínase a quebra das xerarquías do coñecemento, concédese máis importancia ao local que ao universal, substitúese o libro impreso polo monitor ou pola pantalla de televisión e permítese o paso da palabra á imaxe, ou sexa, o cambio do logocentrismo polo iconocentrismo. Neste contexto, os medios de comunicación xogan un rol importante neste posmodernismo. Así o expresa o posmoderno Gianni Vattimo: “a posmodernidade é a sociedade da comunicación xeralizada, dos medios de comunicación, onde a “transparencia” é a clave” (A sociedade transparente). Para Vattimo, ese poder dos medios de comunicción supón a erosión do principio de realidade. Cambiamos o mundo dos obxectos polo mundo das imaxes, que se orixinan na fantasmagoría dos medios de comunicación.  A radio, a televisión e os xornais convertéronse, ao parecer do filósofo italiano, en elementos de proliferación das interpretacións e visións do mundo; uns medios nos que todo tipo de minorías acceden aos micrófonos para manifestar a súa visión da realidade. Ou, seguindo a Nietzsche, o mundo real convértese en fábula, porque as formas da nosa comprensión da realidade compóñense de múltiples imaxes, interpretacións e reconstrucións difundidas polos medios de comunicación, pero sen ningunha coordinación.

Outro posmoderno, Jean Baudrillard, sentenciou: “a televisión é o mundo”. Pero nun mundo dominado polos medios, o significado das cousas desvanécese. Para Baudrillard, os novos medios presaxian un mundo de puros simulacros, de modelos, de códigos, de imaxes dos medios de comunicación que se converteron en realidade, que fan desaparecer toda distinción entre o mundo real e o deses medios omnipresentes.  

Un dato substancial deste mundo que nos toca vivir é o sinal da incerteza, do caos e do relativo. Trátase de pensar na sospeita, de xogar coas fake news, non como un dato circunstancial, senón como unha condición substancial do novo modo de vivir a realidade. O mundo posmoderno ten a inseguridade como un dos seus compoñentes esenciais e formas de ser. Polo tanto, as mentes demasiado lóxicas, as mentes que pensan na relación causa-efecto, as mentes lineais, pásano moi mal nun mundo caracterizado esencialmente pola lóxica da incerteza. Actuar nese contexto implica exercitar o pensamento coa intención de non sucumbir. Iso forma parte das perversións coas que temos que convivir. Tocounos, pois, vivir nun mundo que se abre, que se abranda, que se debilita. Esa é a razón pola que ao pensamento posmoderno se lle denomina “pensamento débil”, ou “pensamento líquido”, utilizando a expresión de Zygmunt Bauman. A fortaleza deste pensamento está na súa infinita capacidade de desprazamento, de adaptación, “de esponxa, de nomadismo e vagabundeo”, como sinalaba Michel Maffesoli. A metáfora que se utiliza para este pensamento é a hedra, que ten a capacidade de sobrevivir en condicións de alta competencia por nutrientes e pola súa enorme capacidade rizomática de vivir en movemento nas superficies brandas. Estamos convocados, xa que logo, a pensar cunha “caixa de ferramentas”, en palabras de Michel Foucault, que teña a plasticidade de ser emerxente, branda, esponxosa e porosa para pensar a complexidade -e non a visibilidade- das cousas que temos en fronte.

Forman parte deste modelo posmoderno de vida os medios de comunicación. McLuhan escribiu, polos anos sesenta do século pasado, que “o medio é a mensaxe”, para explicar que máis que o contido das súas palabras ou das súas imaxes, o que queda dun medio de comunicación é o seu efecto, a forma en que moldea aos seus usuarios a nivel físico, cambiando facilidades, rutinas, modos de percepción (Marshall McLuhan: Comprender os medios de comunicación). Esa soada frase foi profética para os nosos días, como resulta obvio. McLuhan realizou un exame minucioso e profundo da historia da comunicación humana que resumiu en catro etapas: a aldea tribal, o home alfabético quirográfico, a Galaxia Gutemberg ou Aldea Global e a Galaxia Marconi ou Aldea cósmica.

A aldea tribal é unha aldea analfabeta. Durou uns vinte e seis mil anos, durante os cales se descubriu o lume, os metais, os medios de transporte e a agricultura. Nese período o home volveuse sedentario e deixou de ser nómade. O único medio de comunicación era a palabra oral.

A era do home alfabético quirográfico iníciase coa invención da escritura e chega ata que se descobre a imprenta. Durante ese período, que dura uns tres mil cincocentos anos, aparece a escritura alfabética que permite recoller, conservar e transmitir as experiencias humanas. En opinión de McLuhan, a alfabetización posibilita a homoxeneización entre as culturas, a disolución dos clans e o nacemento das sociedades abertas, posibilitando o paso á filosofía e a ciencia.

A era da galaxia Gutemberg ou aldea global comprende os case catro séculos que van desde a difusión da imprenta na Europa da modernidade até as primeiras décadas do século XIX, cando aparece o telégrafo, que cambiaría para sempre a historia da comunicación humana.

            A era da galaxia Marconi, ou aldea cósmica, corresponde á época caracterizada polo medio televisivo. A televisión, para Mc Luhan, é un medio frío, pois el pensaba que as formas que a televisión nos ofrece son de baixa definición, no sentido en que os nosos ollos están na obrigación de completar o que falta para conseguir unha percepción acabada. En cambio, eu penso que a televisión actual está máis próxima aos medios quentes que aos fríos, porque o espectador é totalmente pasivo, non participa nas informacións nin nos programas que recibe de cada canle.

O principio de “completar os espazos en branco” tamén se aplica aos sons. Ao brindar pouca información, os medios de baixa definición esixen un receptor activo. En cambio, a alta definición significa precisión, detalle, calidade en referencia a calquera imaxe visual. Un medio de tales características brinda moita información, pero ten un receptor pasivo. McLuhan cita como exemplos de medios de alta definición os mapas, a imprenta, a radio… aos que cualifica como medios quentes, porque non hai tempo para a reflexión. Dese modo, cobran pleno sentido as palabras do filósofo canadense cando afirma que “somos o que vemos” e que “o medio é a mensaxe”. Nuns medios nos que predomina a emotividade por encima do discurso racional e onde se transfire a propia lóxica interna cara aos seus receptores, máis que o contido da mensaxe o que queda é o seu efecto, a forma de moldear aos seus usuarios cambiando as súas rutinas e os seus modos de percepción. Ao final, para o televidente resulta indiferenciable o modo de presentación dunha mensaxe e o modo en que a mensaxe se comprende.

McLuhan, promediando a década dos anos sesenta, chamou por primeira vez a atención sobre o poderoso potencial do novo medio, a televisión. Sábese que na súa vida privada rexeitaba a televisión até tal punto que lle pedía ao seu fillo que impedise que os seus netos a visen. Bautizou á televisión como “o xigante tímido” e pretendía promover unha concienciación respecto do seu enorme poder.

Mais non somos escravos exclusivamente da televisión. A prensa escrita supón tamén unha certa manipulación da nosa mente, como sinala Theodor Adorno, un dos fundadores da Escola de Frankfurt: “A democracia -di Spengler- substituiu totalmente, na vida espiritual das masas populares, o libro polo periódico. O mundo dos libros -coa súa riqueza de puntos de vista-, que obrigaba ao pensamento a elixir e a criticar, xa non é propiedade real máis que de reducidos círculos. A xente le un xornal, o seu xornal, que penetra diariamente en millóns de exemplares en todas as casas, ata de boa mañá todos os espíritos ao seu poder, fai esquecer os libros que aínda aparecen no horizonte do individuo… Un demócrata de vella cepa non pediría hoxe liberdade de prensa, senón liberdade respecto da prensa-. (…). O lector non sabe unha palabra do que se pretende del, e non ten que sabelo, nin tampouco o papel que desempeña no asunto. Non se pode imaxinar máis terrible sátira da liberdade de pensamento. Noutro tempo un non podía atreverse a pensar libremente; hoxe pode atreverse a facelo, pero resulta imposible. Cada quen pensará o que lle fagan pensar, e sentirao como a súa liberdade” (Crítica cultural e sociedade).

Esas palabras de Adorno responden con precisión ás diferenzas das que nos podemos decatar actualmente. O libro utiliza, polo xeral, valores racionais, argumentos e coherencia lóxica nos seus relatos ou nas propostas das súas teses; os actuais medios de comunicación usan, normalmente, explicacións emocionais e, desde o punto de vista racional, xustificacións pouco consistentes. E tal modus operandi afecta ao sistema democrático.

            A teoría da democracia susténtase sobre a idea dunha opinión pública saudable e ben formada; con todo, parece que as lóxicas do mercado, da competición e do conflito levan xerado tal impacto sobre os medios de comunicación que lograron distorsionar a súa función social. A mercantilización do periodismo e a prevalencia ideolóxica son algúns dos problemas que dificultan que os medios de comunicación poidan cumprir coa súa función social nunha sociedade democrática.

E que dicir das redes sociais e do poder comunicativo que exercen, especialmente sobre a xuventude, os streamer, influencer e youtuber? Que valores poden transmitir a esta sociedade eses “influentes”, carecentes de formación, faltos de discurso e de argumentación? Se os medios de comunicación parecen contribuír a normalizar un discurso de polarización e descualificacións que poden ameazar a convivencia, maior risco supón para a democracia o impacto mimético e pedagóxico das redes sociais e dos influencers que se erixen en referentes dunha sociedade moi vulnerable. Nunha sociedade dominada pola imaxe e polo espectáculo, a cultura de masas difuminou a distinción entre o real e o imaxinario. Esta forma de recibir información sobre o mundo e a sociedade, este modo de transmitirnos valores e esta forma de proceder, talvez sexa esa a maneira de manter ao público na ignorancia e na mediocridade, como escribiu Noam Chomsky.

A pesar de todo este modus operandi posmoderno da política, dos medios de comunicación, das institucións e dos intelectuais, cada un de nós temos que seguir navegando sobre a ondada desa desorientación radical na que nos achamos extraviados. Ata cando? Seguramente ata achar un lugar no que a soidade se fará hóspede na nosa casa, lonxe dos baudrillardianos simulacros hiperrealistas e a gran distancia da filosofía da sospeita.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.