Mente, cerebro e conciencia (I)

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

A filosofía tradicional preocupouse desde os seus inicios, en Grecia, por explicar que somos os seres humanos, en que nos diferenciamos do resto dos entes que comparten connosco o mesmo mundo e cales son as propiedades, as características e os fundamentos que compartimos cos demais individuos racionais. Ao longo da historia foron aparecendo numerosas teorías coa aspiración de aproximarse a esta realidade sempre complexa e difícil de entender. Nestas primeiras décadas do século XXI e nas últimas do XX, o estudo desta tríada de conceptos lidera as investigacións nas áreas da neurociencia, da psicoloxía, da filosofía e incluso da Intelixencia Artificial (IA).   

Os primeiros filósofos gregos centraron as súas preguntas sobre o universo e a súa orixe, relegando a épocas posteriores as interrogantes respecto aos seres humanos. De aí o proceder dos presocráticos, que non especularon sobre o ser racional, senón sobre a Natureza, a súa orixe e a súa estrutura esencial. Só despois de aportar algunhas explicacións sobre o cosmos empezaron a pensar sobre este reducido grupo de entes que habitan o universo e que teñen diferenzas esenciais respecto a todos os demais seres. Iso sucedeu a partir do século IV a. C. con Sócrates, Platón e Aristóteles.

            As teorías de Platón e de Aristóteles coinciden en explicar a esencia dos seres humanos como resultado dunha composición de dous elementos: corpo e alma. Non obstante, cada un deses filósofos interpreta de modo diferente as propiedades deses dous ingredientes constitutivos dos seres racionais: para Platón, a alma era inmortal; para Aristóteles, a alma morre simultáneamente co corpo. Platón estimaba que o corpo –soma– era un soporte restritivo que encadea –sema– a alma; Aristóteles interpretábao como unha substancia que recibía a vida da alma, xustificando esa relación dentro da súa teoría hilemórfica. En calquera caso, para ambos filósofos a alma é quen lle facilita ao ser humano a “racionalidade”, “animal racional”, como consta nas definicións clásicas.

            Resulta importante precisar que en Grecia non se usaba nin se coñecía o concepto de persoa, senón o de anthropos, que incluía o home e a muller. O concepto de persoa é posterior, pois é invención do cristianismo, en cuxo credo se xeraron grandes polémicas teolóxicas respecto ao misterio da Trindade: un só Deus, pero tres persoas distintas. Con Tertuliano (s. III) e con Boecio (s. VI) a noción de persoa xorde como un concepto legal. Boecio definiu a persoa como “substancia individual de natureza racional”, unha definición que resultou moi recorrente en filosofía ao longo da historia. Máis tarde, Descartes reduce o concepto de persoa ao propio pensamento (cogito, ergo sum), que se orixina na alma, e esta conecta co corpo a través da glándula pineal. Na Ilustración, Kant dálle unha connotación moral ao concepto de persoa, como “ser libre” e capaz de gozar de “autonomía” para facer leis para si mesmo. E xa no século XX aparece un movemento filosófico notablemente interesante, coñecido como “personalismo”, con Enmanuel Mounier ao fronte, que considera o ser humano como persoa e como realidade, á vez individual e comunitaria.

Actualmente, para saber quen somos cada un de nós, é preciso ter en conta as dúas dimensións do ser humano: a corporal e esoutra que ao longo da historia se denominaba “alma”, “espírito” ou “mente”. A filosofía actual considera ese composto antropolóxico baixo a dualidade “mente-cerebro”, equivalente ao tradicional dualismo “corpo-alma”. En todo estudo neurocientífico relacionado coa conduta humana o cerebro resulta imprescindible para explicar o funcionamento do psiquismo humano.

              A pesar de todo, os problemas acumúlanse ao entrar no debate interrogantes coma estas: é a actividade do cerebro a que dá orixe á mente ou, máis ben, é o cerebro un instrumento do que se serve a mente? Identifícase a mente coa alma? As respostas a estes dilemas son dispares como podemos observar nas tres seguintes propostas:

1.- A cibernética, tendo en conta os avances da IA, compara o cerebro humano a un ordenador moi potente, que seremos capaces de construír no futuro, e será creador da súa propia mente.  

2.- A enxeñería xenética abre a posibilidade de modificar a información que se contén nos embrións, o que implica poder cambiar características da persoa antes de nacer. Ante tal posibilidade debemos preguntarnos se somos algo máis que a información que aportan os nosos xenes á mente.

3.- As diferentes crenzas -relixiosas, agnósticas ou ateas- seguen preguntándose se é ou non posible a existencia dunha alma independente do corpo que poida sobrevivir á morte deste.

En que consiste a mente?

A palabra “mente” forma parte do noso vocabulario cotián, tanto en contextos sociais e lingüísticos como psicolóxicos. Así, cualificamos a certas persoas “dunha mente clara”, “unha mente marabillosa” (título dunha película de Ron Howard), “mente privilexiada”, “mente enrevesada”, “mentes asasinas”, “trastornos mentais”…  Pero, que é a mente? É a realidade en si mesma? De onde provén? Por que existe? Como funciona? Como se relaciona co corpo que, ao parecer, a contén? Nunha primeira aproximación poderiamos definir a mente como a característica que nos determina aos humanos e que nos especifica quen somos. Algúns estudosos da mente afirman que sen ela non se podería seguir vivindo porque a nosa existencia deixaría de ter sentido. Neste inicial acercamento, a mente implica unha variedade de conceptos, facultades ou características diferentes. Así, cando nos referimos a tomar decisións constatamos que se trata dunha facultade mental que responde a unha actitude relacionada coa volición. Pero na mente tamén se inclúe todo o que se relaciona coa sensación e a percepción, é dicir, coa recepción das cousas do mundo.

A gran maioría dos filósofos que investigan a mente aproxímanse a ela a través de fenómenos encapsulados en conceptos como “conciencia”, “sensación”, “percepción”, “razoamento”, “desexo”, “intencionalidade”, “decisión”, “crenzas”, “imaxinación”, “memoria”… Eses mesmos investigadores exploran a relación que existe entre o mundo físico e o mundo mental, entre a mente e o cerebro. E nese contexto ubican a mente en temas relacionados coa vontade, coa liberdade, co determinismo, coa causalidade mental, etc.  

Anaxágoras, século V a. C., unificiu a alma coa mente (nous), asignándolle, en palabras de Platón, a capacidade da orde e da harmonía. Anaxágoras atribuíulle a unha mente (nous) suprapersoal a formación e orde do universo, pero á mente humana ubicouna no cerebro. Aristóteles, porén, cometeu o erro de ubicar a mente humana no corazón, órgano onde nacían as emocións e as sensacións; ao cerebro atribuíalle a función de refrixerador do sangue.

            Entre as múltiples interrogantes que se nos abren ao intentar dilucidar a relación dos conceptos de mente, cerebro e conciencia aparecen estas: 1.- Cal é a natureza da mente? 2.- Como encaixa a mente dentro da estrutura causal da realidade? 3.- O cerebro e a mente son dúas realidades diferentes ou é a mesma realidade con dous nomes diferentes? 4.- A mente emerxe dalgunha maneira do cerebro? 5.- Como se explica que os procesos neurolóxicos do cerebro dean lugar á conciencia?      

Algunhas respostas a tales interrogantes atopámolas nas seguintes teorías:

1.- Monismo materialista. Explica a mente humana como un acto puramente cerebral. O cerebro é o creador dese psiquismo que cualificamos como mente. Esta teoría monista foi iniciada por Demócrito (s. V a. C.), continuada por Epicuro (s. III a. C.) e por determinados pensadores dos séculos XIX e XX, como J. Watson e F. Skinner. Todos estes representantes do monismo materialista consideran que os procesos mentais se explican unicamente polo cerebro. Agora ben, dentro desta teoría monista observamos certas diferenzas:

  1. O materialismo fisicalista, representado entre outros por Ferrater Mora e Feyerabend, sostén que as actividades mentais son simples procesos fisicoquímicos ou neurofisiolóxicos.
  2. O materialismo cibernético, gravitando sobre o modelo computacional da máquina e do test de Alain Turing, considera que a actividade mental non é máis que a actividade combinatoria do cerebro, que é similar a un complicado ordenador.
  3. Materialismo emerxentista. Defende que a mente non se reduce exclusivamente á base física, pero si que emerxe evolutivamente do compoñente físico. Esa mesma emerxencia podémola aplicar a diversas funcións do corpo humano a partir dos seus compoñentes. Por exemplo, á visión: as células non ven, pero ve o ollo que se compón de células. Polo tanto, a unión de células no ollo crea unha nova función -visión- da que carece cada célula por separado. Esta teoría foi defendida por J. Stuar Mill e Mario Bunge.
  4. O funcionalismo interpreta a mente como un dispositivo que realiza a súa actividade causal intervindo como mediadora entre os estímulos e a conduta. Esta teoría erixiuse na versión dominante do materialismo nas últimas décadas, despois de que nos anos sesenta Hilary Putnam e David Armstrong propuxeran a súa descrición. Para os padriños desta teoría o funcionalismo explica a mente como o estado dun sistema que dispoña das relacións causais adecuadas para mediar entre o input da estimulación sensible, os demais estados funcionais do sistema e o output do comportamento. O filósofo John Searle, da Universidade de Berkeley, compara o funcionalismo a unha caixa negra (expresión técnica aplicada á forma en que se analiza un sistema en relación das súas características de entrada e saída. Un algoritmo de caixa negra é aquel no que o usuario non pode ver a forma interna do funcionamiento do algoritmo. Pode servir como exemplo de funcionamento de caixa negra un televisor, do que unicamente sabemos -se non somos especialistas en electrónica- que unha vez conectado á corrente eléctrica (input), aparecen na súa pantalla imaxes e sons (output), pero descoñecemos como se transforma a electricidade no interior do televisor en imaxes e sons na pantalla).

      Para o funcionalismo, un estado mental modifica a conduta da persoa igual que os símbolos abstractos dun programa de computación determinan o comportamento da computadora. O cerebro, pois, hai que comparalo a unha computadora dixital, e a mente, a un programa ou grupo de programas que regulan a súa conduta, de tal forma que os estados da mente non son nada distinto aos estados computacionais do cerebro. Philip Johnson-Laird, catedrático de Psicoloxía da Universidade de Princeton, equipara a teoría funcionalista desa relación mente-cerebro á relación software (mente)- hardware (cerebro).

2.- Dualismo. Explica que ademais do corpo hai un principio inmaterial, alma ou mente. Os valedores desta teoría manifestan que o ser humano non se pode reducir simplemente a espírito nin a materia, senón a un composto de dous elementos que podemos denominar “mente e cerebro” ou “alma e corpo”. Como representantes desta interpretación sobresaen: o dualismo platónico, o hilemorfismo aristotélico, o dualismo cartesiano, o dualismo interaccionista

3.- Teorías que intentan ir máis alá do monismo e do dualismo.

            Cos avances científicos da bioloxía, da psicoloxía, da IA e da neurociencia, a filosofía foise adaptando desde mediados do século XX aos descubrimentos científicos e tecnolóxicos. Así xorden novas teorías da man da psicoloxía e da neurociencia. As teorías de Popper, Eccles, Bunge, Richard Dawkins… revolucionaron as teorías filosóficas tradicionais. O emerxentismo, o interaccionismo, o estruturalismo, a cibernética… aparecen como grandes alternativas.

            Eccles afirma que mente e cerebro son dúas realidades distintas aínda que interactúan entre o físico e o mental. No seu criterio, o cerebro só é insuficiente para dar razón dos fenómenos mentais. Pero as sinapses neuronais do cerebro, as dendritas -ás que Eccles denomina “dendronas”- e as hipotéticas unidades da actividade mental (mente ou alma) -ás que denomina “psiconas”- son zonas responsables desa interacción. Por iso afirma que é lexítima a hipótese de que, ademais da estrutura cerebral, hai outra relidade non material á que se lle debe ese caráter único do ser humano: “si mesmo”, psique, alma ou ego.

            Popper proclama a existencia de actos mentais e da súa peculiaridade, considerando que a mente autoconsciente é un produto evolutivo emerxente do cerebro, que é algo non material, pero real. Xustifica que non todo o real ten por que ser material. Son reais as entidades que poden actuar causalmente ou interactuar con realidades materiais, aínda que a súa realidade sexa máis abstracta. Na súa teoría presupón a existencia de tres mundos que interactúan entre si conformando ao ser humano:

1.- Mundo 1, que abrangue os corpos físicos observables (auga, rochas, bolígrafos, paxaros, árbores…).

2.- Mundo 2, no que se ubican os estados mentais, como a conciencia, as experiencias psicolóxicas e os estados inconscientes.

3.- Mundo 3, integrado polos produtos da mente humana, como as historias, os mitos, as teorías científicas, as institucións sociais, as obras de arte, a linguaxe…

            No medio desa complexa organización da mente humana asoma, autoritaria e arrogante, a conciencia. A súa presenza no interior da mente humana destapa novos debates, reabre vellos problemas respecto ao rol que desempeña o cerebro nesa singular directora mental e propón a posibilidade de que exista a conciencia nos animais. Restrinximos, non obstante, o concepto de conciencia a esa forma de decatarnos de todo o que está presente na nosa mente e a ese modo especial de saber que nos pasa (consciencia) en cada momento. Entre as incalculables funcións que rexistra a conciencia despunta a moral, ese acervo de valores e de normas que provocan diversos puntos de vista. As normas morais existen na conciencia de cada un, o que provoca que existan diferentes puntos de vista e, por ende, aparezan importantes problemas no momento de considerar as diversas respostas existenciais que exercemos as persoas fronte a elas. As normas morais existen, pois, na conciencia de cada persoa. Nese contexto Kant consideraba que o punto de partida da ética consistía na conciencia do deber. E mesmo Engels e Marx estaban convencidos de que as condicións materiais da vida son consecuencia das formas da conciencia dos seres humanos, á que se referían como “falsa conciencia”. Por iso intentaban que o proletariado tomase conciencia de clase. Posteriormente, a fenomenoloxía presentouse como a ciencia descritiva da conciencia pura, facendo desta o seu obxecto central de análise e evolucionando máis tarde cara ao existencialismo.

            Pero sobre a conciencia tratarei no próximo artigo.

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.