O Psdeg-Psoe de Ourense reclama melloras nos servizos ferroviarios de media distancia e a creación dun novo enlace directo de alta velocidade con Vigo e Pontevedra

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Salientan que “os servizos que unen o Eixo Atlántico e Ourense, en liñas xerais, son rápidos, cómodos e eficientes”, pero creen que “hai marxe de mellora sabendo, ademais, que son trens sufragados con fondos públicos”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Tamén pedirán a mediación da Secretaría de Estado de Transportes con Renfe, a fin de obter as melloras solicitadas polas plataformas de usuarios e usuarias

Ourense, 21 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense reclama melloras nos servizos de Media Distancia que Renfe presta actualmente, baixo un contrato de Obriga de Servizo Público, así como a creación dun novo servizo Media Distancia de alta velocidade que una a terceira cidade de Galicia con Pontevedra e Vigo, aproveitando a variante de Conxo e o Eixo Atlántico.

Os e as socialistas reclamarán cambios horarios, novas frecuencias ou melloras na información a usuarios e usuarias, a través de iniciativas nas institucións ourensáns. Concretamente pedirán á Sociedade Mercantil Estatal Renfe Viaxeiros e ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) á ampliación de frecuencias no Avant, establecendo un novo servizo diario ás 21:00 horas sentido A Coruña>Santiago>Ourense, co fin de suplir a ausencia total de relacións a partir das 19:50 horas.

Tamén pedirán atrasar ás 06:30 horas o tren Avant que sae da Coruña sentido Ourense ás 05:55 horas e a atrasar ás 15:30 horas o Avant que sae da Coruña cara Ourense ás 15:10 horas, para poder ofrecer un servizo máis eficiente aos usuarios e usuarias desprazados a centros de traballo ou estudo.

O PSOE ourensán reclamará así mesmo crear seis relacións diarias, en ambos sentidos, entre as provincias do sur de Galicia, que conecten Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo, aproveitando a liña AV ata Conxo e o Eixo Atlántico, “evitando transbordos en Santiago que penalizan a duración e eficiencia das viaxes actuais, nada competitivas fronte á autoestrada”. Para reclamar estes servizos, salientan o peche por obras da liña convencional Ourense-Vigo, así como do avultado número de desprazamentos entre ambas provincias, segundo a big data de mobilidade recompilada polo Mitma.

Igualmente demandan mellorar a conexión entre Ourense e O Carballiño, así como coas comarcas de Lemos e Valdeorras, creando novos servizos e adaptando os horarios, na medida do posible, ás necesidades expostas pola Plataforma de Transportes do Carballiño e recuperando todas as frecuencias suprimidas pola pandemia. Igualmente esixirán unha ampliación de frecuencias en horario madrugador entre A Coruña e Vigo, establecendo servizos, en ambas as direccións, ás 06:00 horas e ás 08:00 horas.

Os e as socialistas tamén queren un plan de puntualidade para Galicia e, para iso, entre outras cuestións, reclamarán ao Adif os investimentos necesarios que permitan eliminar as limitacións temporais da velocidade, que provocan drásticas reducións da marcha na rede ferroviaria e a posta en servizo do sistema ERTMS entre Vigo e A Coruña e en toda a a liña Ourense-Santiago.

Por último, instarán a Renfe ao aumento dos puntos de venda e atención presencial en Ourense (un máis), xa que, na actualidade, só existen dúas xanelas nesta estación que aumentou a súa demanda considerablemente nos últimos anos, tras sumar 1,8 millóns de viaxeiros e viaxeiras durante 2022 e “cunhas previsións de seguir incrementando esta cifra”.

Desde o PSdeG-PSOE ourensán salientan que “os actuais servizos que unen o Eixo Atlántico e Ourense, en liñas xerais, son rápidos, cómodos e eficientes”, pero creen que “hai marxe de mellora, sabendo, ademais, que estamos ante trens sufragados con fondos públicos”, unha situación que se intensificou desde 2022 coa activación dos abonos gratuítos, que supoñen unha maior transferencia directa de fondos públicos.

“O Goberno central declara determinadas relacións como obrigacións de servizo público (OSP), nas que garante a súa prestación financiando o déficit de explotación con cartos públicos”, e en Galicia “todas as relacións Media Distancia, tanto convencionais como de alta velocidade, son OSP”, recordan.  Esas obrigas, prestadas mediante un contrato coa Sociedade Mercantil Estatal Renfe Viaxeiros, establecéronse polo Consello de Ministros en 2017 –relación modificada posteriormente– e teñen vixencia ata 2027.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense son “conscientes das actuais limitacións de material rodante, dos problemas de falta de persoal (xa en vías de solución) ou das obras a desenvolver, que suporán cortes nas infraestruturas”, pero defenden que a maioría de propostas “poderían facerse co material existente, supoñendo un aumento nas rotacións de material e persoal, pero non un aumento nos requirimentos”. E, por iso, tamén pedirán a mediación da Secretaría de Estado de Transportes con Renfe, a fin de obter as melloras solicitadas polas plataformas de usuarios e usuarias.