Gabriel Alén significou o labor da Xunta a prol da igualdade real e efectiva das persoas con discapacidade co resto da cidadanía

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO
  • O delegado territorial explicou que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a traballar no deseño da futura Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, que nestes momentos se atopa no trámite de consulta pública previa
  • Centrarase nos obxectivos de eliminar as barreiras de acceso á cultura e promover a participación efectiva de todas as persoas e colectivos na cultura, con independencia das súas condicións persoais, sociais ou territoriais, especialmente aquelas con maiores dificultades de acceso e as máis vulnerables
  • O Goberno autonómico traballa en distintas iniciativas como o sistema pioneiro de teatro inclusivo no Centro Dramático Galego con todas as funcións de interpretación en lingua de signos, subtítulos e audiodescrición
  • O proxecto Territorio Cultura para a revitalización cultural do rural cun investimento global de 1,3M€, as axudas anuais de 500.000 euros para a mellora de infraestruturas culturais con medidas para mellorar a súa accesibilidade, actividades de alfabetización dixital nas bibliotecas ou o proxecto de Bibliotecas Móbiles

Ourense, 08 de outubro de 2022.- “Para a Xunta de Galicia constitúe unha prioridade conseguir a igualdade real e efectiva das persoas con discapacidade co resto da cidadanía, no obxectivo de facer realidade unha sociedade inclusiva, con espazo para todas e cada unha das persoas. Así o manifestou esta mañá o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén,  no acto de apertura do VII Festival de Cultura Xorda, organizado pola Federación de Asociación de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) e a Asociación de Persoas Xordas de Ourense (APSOU), no Teatro Salesianos de Ourense, que conta co apoio da Xunta.

Gabriel Alén explicou que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a traballar no deseño da futura Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, que nestes momentos se atopa no trámite de consulta pública previa para recoller a opinión da cidadanía. Esta iniciativa –sinalou Gabriel Alén- forma parte do traballo do Goberno autonómico por garantir unha cultura accesible a todos os colectivos e en todos os territorios de Galicia a través de distintas liñas de actuación.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O delegado territorial subliñou que esta lei centrarase nos obxectivos de eliminar as barreiras de acceso á cultura, xa sexan de carácter físico, cognitivo, social  ou territorial; promover a participación efectiva de todas as persoas e colectivos na cultura, con independencia das súas condicións persoais, sociais ou territoriais, especialmente aquelas con maiores dificultades de acceso e as máis vulnerables;  impulsar a creación e o acceso á cultura, así como o seu consumo para todas as persoas; e mellorar as experiencias culturais de todo tipo de colectivos presentes na nosa sociedade: persoas maiores, mocidade, mulleres, colectivos con discapacidade, colectivos en risco de pobreza e exclusión.

En definitiva -resumiu o representante do Goberno autonómico-,  “esta norma abrangue as dúas direccións de relación das persoas coa cultura: tanto a vertente creativa e xeradora de produtos e servizos culturais como a vertente de acceso e consumo deste produtos e servizos”.

Gabriel Alén tamén sinalou que xunto á Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, o Goberno autonómico traballa en distintas iniciativas, como o sistema pioneiro de teatro inclusivo no Centro Dramático Galego con todas as funcións de interpretación en lingua de signos, subtítulos e audiodescrición, que se suma ás sesións descontraídas, con condicións de son e luz especiais para persoas con pouca tolerancia a espazos pechados, ruídos ou á escuridade.

Así mesmo, -lembrou o delegado territorial- tamén está en marcha o proxecto Territorio Cultura para a revitalización cultural do rural cun investimento global de 1,3M€, as axudas anuais de 500.000 euros para a mellora de infraestruturas culturais con medidas para mellorar a súa accesibilidade, actividades de alfabetización dixital nas bibliotecas ou o proxecto de Bibliotecas Móbiles, para estender os servizos a toda a cidadanía galega, entre outras.