Propostas do Bng cara o Pleno do venres no concello de Ourense

Publicidade ASPADISI

Coordinar as actuacións en materia termal entre as distintas administracións e a elaboración dun Plan municipal de loita contra a pobreza infantil, cuestións a debate este venres no pleno da man do BNG

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense rexistrou para debater este venres no pleno ordinario do mes de decembro dúas mocións con cuestións de enorme relevancia.

HIPER MASIDE

A primeira delas aborda a necesidade de establecer unha mellor coordinación entre administracións no que atinxe ao desenvolvemento turístico e termal de Ourense.

O BNG o que plantexa é a necesidade de que Concello, Xunta e Deputación actúen conxuntamente en materia termal, coordinando actuacións, proxectos e cooperando no financiamento de todas aquelas inversións precisas para que Ourense sexa verdadeiramente a Capital Termal de Galiza.

Cómpre actuar conxuntamente na promoción e dinamización do termalismo como elemento diferenciador. Cómpre por en marcha de xeito coordinado, campañas específicas de posicionamento turístico, prestando especial atención ao turismo de proximidade pero pondo os ollos tamén no mercado europeo. A chegada da alta velocidade a Ourense é outro dos motivos que debe motivar dita coordinación nas actuacións a levar a cabo.

Os nacionalistas pedirán mellorar a coordinación entre as distintas administracións con competencias en materia turística e termal e que xunto ao sector privado, participen no fomento e potenciación do ámbito termal de Ourense para impulsar definitivamente ao sector e por extensión o desenvolvemento socio – económico de Ourense.

A segunda das mocións é relativa á creación e implementación dun Plan Municipal de loita contra a pobreza infantil. Segundo os datos do Alto Comisionado para a loita contra a pobreza infantil do Goberno do Estado, a 25 de novembro de 2021, o Concello de Ourense contaba con 15.224 menores de 18 anos, dos cales o 29,3% sofren pobreza infantil. A evolución de dita porcentaxe apenas varía desde o ano 2019 no que se situaba preto do 30% mentras que no conxunto de Galiza acada o 26%.

Moitas nenas e nenos do noso concello están a padecer situacións extremas ou difíciles de entender para eles e é responsabilidade de todas e todos, a través das institucións públicas, tentar paliar dita situación ou cando menos, minimizar os seus efectos e a incidencia que ten nas crianzas.

É preciso coñecer pormenorizadamente o número de persoas menores de 18 anos en situación de escaseza para deste xeito, implementar plans de choque. Cómpre potenciar os recursos sociais dispoñíbeis para os máis cativos, incluíndo axudas económicas mais tamén programas de garantía alimentar.

Falamos de datos que, sen dúbida, invitan á reflexión e a tomarse moi en serio a situación na que se atopa boa parte da rapazada de hoxe que non nos esquezamos, son o presente e o futuro. Ficar parados ou mirar cara outro lado, non é unha opción.