“Ourense resiste en plena pandemia, reconfigurando valores da economía social da provincia”, afirma Manuel Baltar

Observatorio Económico Ourensán.- Presentación dos resultados do Observatorio Económico Ourensán referido ao último semestre de 2020. Participan: o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o profesor Andrés Mazaira, coordinador do Observatorio.

 presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe, xunto ao profesor Andrés Mazaira, os resultados do Observatorio Económico Ourensán (OEOu) correspondente ao último trimestre de 2020, salientando que Ourense “resiste en plena pandemia, reconfigurando valores da economía social da provincia”. 

Publicidade

Neste sentido, Baltar salienta que se está a albiscar “un novo escenario para a economía da provincia que require de análises locais, específicos, porque os retos e as oportunidades tamén están a mudar na mesma secuencia”. “Agora temos que ser quen de identificar os camiños para que a nosa economía medre dun novo xeito”, expresou Baltar, engadindo que o OEOu “está a abrir este debate de futuro que nos incumbe a todos”. 

O presidente do goberno provincial dixo que aínda en circunstancias tan adversas como as que estamos a sufrir, “o obxectivo exposto para a provincia por esta Deputación, de acadar os 106.000 afiliados á Seguridade Social e unha taxa de paro por baixo do 12%, retos que quero manter aínda na excepcionalidade”. 

Segundo o informe do IEOu, o aumento do emprego no sector da alimentación e o descenso no número de traballadores por conta propia son a cara e a cruz socio-laboral da provincia nos primeiros andares do 2021 e cando está a piques de cumprirse un ano da limitación de actividades imposta pola pandemia do COVID-19. 

Por primeira vez en dez anos, a industria alimentaria ourensá chega aos 6.200 ocupados, representando o 15,6 % do conxunto de ocupados nesta actividade en Galicia, mellorando en cinco puntos a taxa do último ano. O crecemento desta actividade é tanto máis significativa canto que o aumento de persoas traballando foi do 31,9 % no último trimestre do 2020 sobre o mesmo período do ano precedente, mentres que sobre o terceiro trimestre o incremento foi do 10,7%. 

Pola contra, os traballadores independentes e empresarios (non amparados polos ERTE que se aplicaron co decreto do estado de alarma) acusan a crise especialmente, sufrindo unha caída no último exercicio de case un 13 %, en contra da subida da ocupación total na provincia dun 1,8 %. Aínda así, a pesar da diminución, este grupo seguiría cotizando á Seguridade Social, tal e como se deduce do mantemento da afiliación nos autónomos. 

O Observatorio Económico Ourensán (OEOu), a plataforma de divulgación e análise estatística da Deputación de Ourense, qu reflicte datos oficiais sobre diferentes indicadores socio-laborais, revela elementos de resistencia na economía provincial “no curto prazo”, aludindo tamén á “obrigada prudencia que esixe a forte volatilidade da situación económica actual e a incerteza sobre como se resolverá a situación dos traballadores incluídos nun ERTE” afectados pola pandemia. Neste sentido, lembra o estudo que se contabilizan como ocupados seguindo a metodoloxía da Oficina Estatística da Unión Europea (Eurostat) e da Organización Internacional do Traballo (OIT)). 

Axudas aos autónomos 

Manuel Baltar salienta que a Deputación de Ourense “foi a primeira en poñer en marcha axudas directas para todos os autónomos da provincia, agás na capital, axudas que, a día de hoxe o Partido Socialista aínda as ten recorridas”. Nesta liña, Baltar afirma que “seguiremos agora con ese chamamento da Xunta para facer un plan de axudas a hostalaría, polo que a Deputación de Ourense destinará o 1% do seu orzamento para axudar a paliar aos sectores máis castigados pola crise e que materializaremos na modificación de créditos, para levar a cabo ese plan coa Xunta”.  

Pola súa banda, o coordinador do OEOu, Andrés Mazaira, destacou que a evolución das exportacións “é un claro termómetro da competitividade das nosas empresas”, sinalando que o feito de que as exportacións acumuladas a novembro do sector agroalimentario ourensán se manteñan en liña coas de 2019, nun ano tan complicado como 2020 coas dificultades do COVID e o os freos ao comercio internacional cos aranceis norteamericanos ou o Brexit, son unha boa mostra do seu enorme potencial de crecemento”. 

Mazaira dixo que o peso dos afectados polos ERTEs en Ourense sobre o total de Galicia en setembro do 2020 era do 11,4 %, pero no mes de decembro revértese esta situación situándose nun 8,7 %, e chegando a xaneiro do 2021 a un 9,7 %”. Tamén destacou que o impacto da crise do COVID-19 é desigual: por territorios, por sectores, e por situación profesional, e que as taxas de paro neste momento “están relativamente controladas á espera do que poida pasar”. Sobre o paro rexistrado dixo que depende de moitos factores, “pero que unha vez ten ascendido cando se inicia a crise pola pandemia, mantense nesa estabilidade, e a finais de xaneiro do 2021 é inferior ao de decembro do ano 2020”.  

Niveis de ocupación 

O Observatorio filtra fontes como a última Enquisa de Poboación Activa (EPA) para concluír que se produce certo vigor no mantemento dos niveis de ocupación na provincia (114.200 persoas, 2.200 ocupados máis que no último trimestre do 2019), que firma unha evolución máis favorable en Ourense que no resto de Galicia e o conxunto de España, cun crecemento interanual do 1,8 % fronte a caídas do 1,4 % e do 3,1 %, respectivamente. Ese axuste permite concluír que a taxa de persoas ocupadas sobre o total de persoas activas en Ourense roza o 90 %: a máis alta de toda a década, superando por segundo trimestre consecutivo á taxa galega. 

Ourense, cunha alta porcentaxe de habitantes que superan os 65 anos, conserva unha importante actividade laboral por riba desa franxa como resultado do retraso da idade de xubilación, un aumento que explica o 25 % do crecemento de ocupados en termos interanuais na provincia (500 dos 2.000 ocupados máis sitúanse nese rango de idade, como detalla o Observatorio). O estudo alude ademais a que se multiplicou por tres nos dous últimos anos a cifra de ocupados por riba dos 65 anos, mentres que tanto Galicia como España quedaron por baixo do 50 %. E, como efecto directo, o peso desta franxa de idade pasou de representar o 0,98 % dos ocupados no cuarto trimestre do 2018 ao 2,71 % no último trimestre do 2020. 

Nesta liña o informe do OEOu destaca tamén o reto que suporá xestionar forzas laborais multixeracionais, así como a súa oportunidade como elemento multiplicador do crecemento e a riqueza. 

A economía ourensá vese afectada polas consecuencias da pandemia pero, medidos os ERTE en termos comparativos co resto da comunidade, vese que os traballadores incluídos na provincia sobre o total de Galicia (8,7 % en decembro e 9,7 % en xaneiro),  sitúanse  por segundo mes consecutivo por baixo da porcentaxe que representa esta provincia sobre o total autonómico en canto a ocupación, que foi do 10,6 %. 

O comportamento do emprego deixa outras evidencias favorables a Ourense. O descenso do paro (13.000 desempregados, 500 menos que na EPA do trimestre anterior e 3.600 menos que no ano precedente) é dun 21,7 % fronte a unha baixada en Galicia do 2,2 % e un incremento do 16,5 % no conxunto de España. 

A taxa de paro en Ourense sobre a poboación activa é do 10,2 %, e sobre o total da poboación entre 16 e 64 anos quédase no 7,3 %, dous puntos por baixo da do ano anterior. Por elo mantense a tendencia positiva, quedando a taxa de desemprego provincial por baixo da media galega por segundo trimestre consecutivo.