Manuel Baltar: “Nós é a marca da nosa personalidade diferencial”

Inauguración da Exposición "Galicia de NOS a NOS". Asisiten Manuel Baltar (Presidente Deputación Ourense), ALberto Nuñez Feijoo (Presidente da Xunta de Galicia), Román Rodríguez (Conselleiro de Cultura), Ana Acuña Trabazos e Afonso Vázquez-Monxardín Fernández (Curadores da Expossción), entre outras autoridades.

O presidente da Deputación de Ourense e o da Xunta de Galicia inauguraron hoxe a exposición Galicia, de Nós a nós, que abre as súas portas no centro cultural “Marcos Valcárcel” e a sala cultural de Afundación ata o 18 de abril 

“Un brillante traballo de investigación e de interpretación da nosa memoria”, destacou Baltar nun discurso de fondo calado identitario, literario e político, no que convidou ao público “a visitar a mostra e que se sinta herdeiro dunha xeración única” 

AVANTAR ACTIVIDADES

Núñez Feijoo salientou que esta exposición “non é un regreso a casa, senón un reencontro, porque Ourense sempre estivo con Nós” 

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, inauguraron hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a exposición Galicia, de Nós a nós, da que son comisarios Ana Acuña e Afonso Vázquez-Monxardín, unha mostra que abre as súas portas ata o vindeiro 18 de abril en dous espazos expositivos: este centro cultural e a sala de exposicións de Afundación, na praza Maior de Ourense. 

Trátase da mostra máis completa -300 pezas- sobre o movemento cultural, político e social “máis importante da historia de Galicia, que alumeou o pensamento político galeguista”, destacou Baltar no acto inaugural, afirmando que esta exposición “pon en valor o gran legado da Xeración Nós, hoxe 24 de febreiro, cando se cumpren 100 anos e 111 días de aparición do primeiro número da revista Nós. “Falamos do segundo Rexurdimento de Galicia -dixo Manuel Baltar- coas voces cimeiras que aló polo comezo do século XX o fixeron posible: Risco, Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Losada Diéguez, Ramón Cabanillas, Castelao…, as voces e os feitos dos de Nós”. 

“Un brillante traballo de investigación e de interpretación da nosa memoria”, así definiu Baltar a exposición, poñendo de relevo tamén a figura “dun dos integrantes desa Xeración Nós como foi Antón Losada Diéguez, redactor da revista e promotor dela na sombra, e a quen o seu biógrafo, Justo Beramendi, definiu como “o esquecido mentor da Xeración Nós”; “un Losada Diéguez que traballou xunto aos demais homes de Nós nunha idea renovadora de Galicia, e a súa semente agromou no Seminario de Estudos Galegos, que acolleu á nova xeración de escritores e investigadores, e no Partido Galeguista e o seu traballo polo Estatuto de Autonomía de Galicia, un traballo que se viu parado o 18 de xullo, co golpe de Estado; pero un estatuto que temos hoxe e, sen dúbida, somos herdeiros de Nós. E esa “marca da nosa personalidade diferencia”, como eu a defino, permanece, expresou Baltar.  

O presidente da Deputación de Ourense -nun discurso de fondo calado identitario, literario e político- remarcou que “non podemos permitir a desmemoria; non entendo o feito “penoso” de que algúns propiciaran o desleixo e non celebraran este centenario da Xeración Nós, porque esta exposición é un exemplo do noso e nos transmite conciencia e responsabilidade, porque é moito máis que obxectos e documentos, e por iso convido e agradezo a todas as persoas que poidan achegarse a esta mostra e que se sintan herdeiros dunha xeración única; como dicían as primeiras verbas da revista: “Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos”, concluíu Manuel Baltar. 

Dimensión universal 

A exposición amosa a traxectoria do movemento Nós xunto con obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal, que poñen o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, remarcando a dimensión de universalidade da cultura galega. Tamén destaca o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento e internacionalización da lingua e da cultura galegas. 

Pola súa banda, Alberto Núñez Feijoo dixo que esta exposición “non é tanto un regreso a casa, como un reencontro. Ourense sempre estivo con Nós a través de Risco, Pedrayo, Cuevillas, un cenáculo de nomes propios que catapultaron unha urbe de provincia á categoría dunha “Atenas Atlántica” Miño arriba”, e salientou que ademais da colección íntegra da revista Nós, “a mostra exhibe máis das 300 pezas cedidas por máis de 60 institucións e prestadores particulares”. 

Tamén visibilizamos un Ourense que foi vangarda e que nunca debería deixar de selo 100 anos despois. Apreciar Ourense é actuar por e para el. Significa abandonar o personalismo e a política mal entendida para outorgarlle o peso que merece: o de gran cidade de Galicia e unha das cidades con máis historia de España”, dixo o presidente da Xunta, afirmando que hai moitos motivos para homenaxear con esta mostra unha xeración irrepetible “á que lle debemos moito do que somos como pobo e do que queremos seguir sendo”, e agradeceu ao presidente da Deputación de Ourense “por apostar desde o primeiro minuto por esta exposición e por este legado de pensamento e acción; agora é o momento de desfrutar deste reencontro con Nós e a súa orixe: Ourense”. 

No acto inaugural, previo ao percorrido pola exposición tamén interviu Xosé Carlos Caneiro, vicepresidente do padroado de Afundación, quen destacou que esta mostra conmemora “o centenario da idade de ouro das Letras, das Artes, da Ciencia e da Academia galegas, representa non só enxalzar a enorme valía daqueles que impulsaron este movemento 100 anos atrás, senón tamén de todas aquelas persoas que nesta longa andaina encheron de folgos renovados o aire galego”. 

Nesta mesma liña, o comisario da mostra, Afonso Vázquez-Monxardín, dixo que a exposición “é unha ponte entre a recuperación cultural das primeiras décadas do século XX aos tempos da concreción de ilusións e desacougos destas primeiras décadas do século XXI”. Entre as pezas que se exhiben destacou o cartel publicitario da Revista Nós, recentemente adquirido pola Deputación de Ourense, pero que nunca chegou a ser editado, da autoría do pintor vangardista ourensán, Cándido Fernández Mazas.  

“Incluímos tamén seis elementos novos que falan na parte final da exposición da especial relación de Nós con Ourense: colaboradores, temas, publicidade, pegadas… en Ourense os homes de Nós ata a fin dos seus días foron xente estimada e querida cunha gran proxección pública a través das súas charlas, faladoiros e artigos”. Monxardín explicou que se abriu un espazo web no que se recolle a totalidade da Revista Nós, organizada de forma facilmente accesible, por números, colaboradores, data, buscas temáticas e textuais, un espazo para darlle visibilidade a este esforzo cunha gráfica e audiovisual específicos”.