A Subdelegación do Goberno en Ourense avanza na aplicación do III Plan de Igualdade na Administración Pública

Emilio González advirte que aínda queda camiño por percorrer na Administración Xeral do Estado “ao igual que no resto da sociedade”

 A Subdelegación difunde os contidos do terceiro Plan, recentemente aprobado, entre as unidades administrativas do organismo para a súa implementación

AVANTAR ACTIVIDADES

 O subdelegado do Goberno defende que as Administracións Públicas deben impulsar a promoción laboral das mulleres

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González avanzou, en coincidencia coa próxima celebración do 8M, Día Internacional da Muller, que a Subdelegación do Goberno en Ourense mantén o compromiso pola igualdade a través da implementación do III Plan de Igualdade da Administración Xeral do Estado (AXE) neste organismo, recentemente aprobado polo Goberno de España. Confirmou que se están a dar os primeiros pasos entre as diferentes unidades para achegar os contidos deste plan e instaurar dinámicas de discusión que permitan a súa aplicación efectiva en tódolos niveis. “Partimos dun acordo moi ambicioso asinado entre a Administración con sindicatos e organizacións profesionais e agora toca o difícil, que é levalo a cabo e asumimos esta tarefa con determinación e empeño”, afirmou o subdelegado.

Emilio González advertiu que a igualdade efectiva aínda ten un longo percorrido ata a súa consecución tanto na Administración Xeral do Estado como no resto da sociedade.  Lembrou que, a nivel nacional, na AXE o 48,6% do persoal son homes e o 51,4% son mulleres. Sen embargo, o 64% delas ocupan postos dos grupos C1 e C2, mentres que nos grupos A1 ou A2 descende esta porcentaxe ata o 35%. Os datos, que proporciona o Ministerio de Política Territorial e Función Pública, “obrígannos a seguir traballando pola promoción laboral da muller na función pública”.

Plan de Igualdade da AXE

O III Plan de Igualdade da Administración Xeral do Estado está en vigor desde este ano. O documento incorpora como novidade indicadores de impacto e execución para coñecer o grao de realización e a eficacia das medidas, e fixa por primeira vez medidas de carácter transversal que se aplicarán no conxunto da Administración Pública do Estado.

O seu contido detalla seis eixes de actuación, onde se desenvolven 68 medidas transversais que afectan a todos os Departamentos Ministeriais, o que implica unha das principais diferenzas con respecto aos plans anteriores que incluían medidas específicas.

Así, o primeiro dos eixes de actuación presenta medidas instrumentais innovadoras para promover un cambio estrutural favorable á igualdade entre mulleres e homes. O segundo céntrase na sensibilización, formación e capacitación, incluíndo o deseño dun Plan de Formación en Igualdade de Xénero e o desenvolvemento de ferramentas metodolóxicas para a súa expansión.

A mellora das condicións de traballo e o desenvolvemento persoal das empregadas públicas protagonizan o terceiro eixe do Plan, coa finalidade de captar e reter o talento feminino, promovendo o desenvolvemento da carreira profesional das mulleres na AXE e creando as condicións que faciliten a eliminación da brecha retributiva.

Seguir avanzando na corresponsabilidade e a conciliación da vida laboral, persoal e familiar centra o cuarto eixe. Ademais, un conxunto de medidas de gran potencia para erradicar a violencia contra as mulleres, conforman o quinto eixe, abarcando o ámbito formativo, de sensibilización, así como a elaboración de directrices e medidas para apoiar e protexer ás mulleres vítimas.

Por último, o sexto eixe céntrase na  interseccionalidade e situacións de especial protección, actuando por primeira vez fronte a diferentes formas de desigualdade ou discriminación contra as mulleres que puidesen darse no seo da AXE, ao incluír diagnósticos comparados e medidas relacionadas coa discapacidade, todo tipo de discriminación e atención á diversidade  sexual.