Centenario da concesión do título de Villa a Dacón

O colaborador de Badal Novas Luis Sobrado mandanos esta colaboración sobre o Centenario da concesión do título de Villa a Dacón


O día 8 de marzo do ano 1921, La Gaceta de Madrid –antecesora do actual Boletín Oficial del Estado- publicaba na súa portada o anuncio do Ministerio de la Gobernación,  dun decreto concediendo el titulo de Villa al pueblo de Dacón, provincia de Orense”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Xa no seu interior, na páxina 860, o rei Alfonso XIII, asinaba o mencionado decreto conxuntamente co, daquela ministro da Gobernación, Gabino Bugallal dando validez legal a tan importante distinción.

Bugallal, natural de Ponteareas e avogado de profesión, era ademais deputado por Ourense, concretamente pola demarcación de Bande polo Partido Conservador, e un dos grandes apoios do caciquismo ourensán.

Dacón, unha vila puxante, económica e socialmente falando, cunha moi importante actividade mercantil centrada no tráfico de xamóns, cornello e ovos, cunha sociedade cultural e recreativa chamada Casino ou “Tertulia Recreativa” e outra coa que mantén unha certa rivalidade co nome de “Unión y Progreso”. Dacón acaba daquela de colocar, uns meses antes, a primeira pedra da súa nova igrexa e conta a nivel comarcal cun establecemento especializado na tramitación de embarques para a, cada vez máis importante, emigración a América de onde chegan os poemas dun dos grandes escritores da emigración: Paco Luis Bernárdez, fillo desta vila. Tamén, poucos meses despois, inaugurará unha importante feira a celebrar os días 8 de cada mes. Por eses anos, mantén unha certa rivalidade política con Maside, chegando a trasladar o concello a Dacón para logo ser devolto á cabeceira municipal.