O Psdeg-Psoe de Ourense mantén un gran encontro dixital coa exministra Magdalena Valerio para falar en profundidade sobre as recomendacións do pacto de Toledo

Os socialistas agradecéronlle a Valerio a súa disposición e valoraron a entrega da presidenta da comisión do Pacto de Toledo, quen falou por espazo de dúas horas sobre a reforma do sistema de pensións

Valerio fixo fincapé na necesidade de seguir loitando contra o desemprego e a precariedade laboral, a economía somerxida, o fraude, o paro xuvenil ou a brecha salarial para afianzar a xubilación

AVANTAR ACTIVIDADES

A exministra de traballo, secretaria de seguridade social do PSOE e presidenta da comisión do Pacto de Toledo, Magdalena Valerio, participou este serán nun gran encontro dixital co PSdeG-PSOE de Ourense para conversar en profundidade sobre a reforma do sistema de pensións. Nesta xuntanza tamén estiveron presentes o que fora deputado por Ourense e senador, Antonio Rodríguez; o deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás; ou o secretario provincial do partido, Rafa Villarino. Todos eles  coincidiron en destacar a “disposición e entrega” de Valerio, quen fixo un detallado percorrido polas 22 recomendacións do Pacto de Toledo por espazo de máis de dúas horas ante medio cento de socialistas.

Valerio subliñou a necesidade de seguir loitando contra o desemprego e a precariedade laboral, a economía somerxida, o fraude, a inmigración irregular, o paro xuvenil ou a brecha salarial para mellorar os ingresos da seguridade social e así, afianzar a xubilación. “O mercado de traballo e o bo funcionamento da seguridade social van á par. As retribucións determinan as cotizacións, polo que hai que seguir fomentando o emprego de calidade”, asegurou a presidenta da comisión do Pacto de Toledo.

“Temos un sistema de reparto, de solidariedade entre persoas”, explicou Valerio, ao tempo que manifestou a súa total oposición a calquera transformación deste sistema por outro de capitalización. Así mesmo, a socialista explicou que o gasto en pensións en España está por debaixo da media europea e que a idade de xubilación segue estando en período transitorio: “non se ampliou como moitos pensan”, destacou.

O secretario provincial dos socialistas ourensáns, Rafa Villarino, pechou o acto cunha referencia literaria á ‘Utopía’ de Tomás Moro e poñendo en valor a loita contra a pandemia dende o socialismo.