A compra e rehabilitación de casas en Boborás e Ribadavia contará cunha liña de axudas da Xunta

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado da alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, visitou esta mañá o centro histórico de Pazos de Arenteiro. O representante do Goberno galego aproveitou o percorrido pola localidade para explicarlle a nova orde de axudas para a compra de vivendas nos dez concellos da provincia (na nosa contorna Boborás e Ribadavia) que teñen declarado un centro histórico e cuxas bases saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 15 de marzo.

Unha das finalidades desta liña de axudas é a de facilitar a fixación de poboación nos núcleos rurais, un dos obxectivos dos concellos, segundo asegurou a alcaldesa, Patricia Torres, que tamén se referiu á recuperación de patrimonio que suporá.

Entre as principais novidades eliminase o requisito de ser menor de 35 anos para poder optar ás axudas, de tal xeito que se estende ao conxunto dos galegos. A outra novidade refírese aos requisitos económicos de acceso, pondo o límite de ingresos dos solicitantes elevado ata 6,5 veces o IPREM (48.877,33 euros), o que correspondería a case o 90% dos fogares galegos.

Publicidade Premer na Imaxe

Estas axudas enmárcanse no chamado Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, unha folla de ruta consensuada previamente cos principais colectivos profesionais implicados no sector e coas asociacións de consumidores co obxectivo de chegar neste período a unhas 70.000 familias galegas.

Dáse así un paso fundamental para impulsar as políticas de vivenda e rehabilitación en Galicia de cara aos vindeiros anos dunha forma consensuada e en sintonía coas demandas existentes en materia de vivenda.

PUBLICIDADE