O Psdeg-Psoe de Ourense acusa a Jácome de “espoliar” o patrimonio cultural de ourense coa privatización do complexo de San Francisco

Os socialistas subliñan o “cinismo” do responsable municipal do PP, Jesús Vázquez, “que fai continuos chamados á unidade da oposición, mentres segue a apoiar o alcalde”

Critican os ataques de Jácome aos técnicos e funcionarios municipais, ao tempo que destacan “a ignorancia do alcalde que compara o seu intento de privatización do Auditorio coa realidade de Vigo”

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de Ourense acusa a Gonzalo Pérez Jácome de intentar “espoliar” o patrimonio cultural de Ourense coa privatización do complexo de San Francisco. Os socialistas aseguran que o alcalde confirma así a súa folla de ruta, que non é outra que “aproveitar a cultura para facer negocio e comerciar co patrimonio público”.

Dende o grupo municipal socialista critican que o alcalde fale de “poñer en valor” os activos municipais do complexo de San Francisco, cando “o único valor que considera é o do seu negocio e enriquecemento persoal a costa da cultura que tanto critica, pero que logo utiliza para seu beneficio”.

Do mesmo xeito, manifestan que o “espectáculo” do “show business” ao que se refire Jácome “ten moito de show, pero aínda máis de business“, a través do “saqueo das arcas públicas” entregando a empresas “amigas” tanto a explotacións dos bens e espazos municipais coma os informes de viabilidade que corresponderían a técnicos municipais.

Neste sentido, socialistas critican os ataques de Jácome aos técnicos e funcionarios municipais, ao tempo que destacan “a ignorancia do alcalde que compara o seu intento de privatización do Auditorio coa realidade de Vigo, unha cidade que conta con tres espazos distintos, como son o Auditorio Mar de Vigo, o Teatro García Barbón –dependente de Abanca– e o Auditorio Municipal, cuxa xestión, neste último caso, é pública e que está a programar todas as actuacións que o rexedor ourensán non quixo para a nosa cidade”.

“O cinismo do PP”

Por outra banda, os socialistas lembran a existencia dun convenio entre a Deputación e o Concello de Ourense de permuta e intercambio de uso entre o local provincial, situado no número 2 da rúa Barrera, e o edificio da Escola de Artes e Oficios, que pasaría a depender da Deputación por tempo indefinido, e pregúntanlle ao PP “que pensa facer cun alcalde que non sabe nin o que asina e mesmo trata de privatizar o que non é seu”.

Así as cousas, o PSdeG-PSOE de Ourense pon de manifesto o “cinismo” do responsable municipal do PP, Jesús Vázquez, un ex-conselleiro de Cultura que fai continuos chamados á “unidade da oposición”, mentres segue a apoiar ao alcalde baixo a premisa de “todo por la pasta”, mesmo cando se trata de procurar dedicacións exclusivas para algúns dos concelleiros do seu grupo que quedaron “descolgados” do goberno municipal.

PUBLICIDADE