O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou no acto de entrega de material informático e routers con conexión a internet a dúas familias do concello de Leiro, no que sinalou que a fenda dixital é un dos retos máis importantes aos que se enfronta actualmente a sociedade no eido da inclusión social.
O alcalde de Leiro, emocionado ó falar sobre esta situación, amosou o seu total apoio do concello que lidera en seguir axudando as familias con menos recursos, co obxectivo de chegar a que ninguén se atope nesta situación.
O secretario da Fundación Amigos de Galicia, Ramiro Varela, falou do programa que levan a cabo este ano, “Dixitalízate con Nós”, que ten a finalidade de cubrir as necesidades básicas que este ano se viron incrementadas co confinamento. Este mes recibiron 92 solicitudes dentro desta campaña, 21 na provincia de Ourense.