A secretaría provincial de emigración do Psdeg-Psoe de Ourense inicia unha campaña de reunións informativos co colectivo de retornados a raíz da declaración da renda

Os eixos das sesións baseáranse en explicar con casos prácticos a figura do segundo pagador, a documentación a presentar da pensión estranxeira para incluír os gastos sociais estranxeiros como gastos deducibles, e como realizar a rectificación da renda do ano 2016

 A secretaría provincial de Emigración do PSdeG-PSOE de Ourense iniciou unha serie de reunións informativas co colectivo de emigrantes retornados respecto da campaña da declaración da renda 2020. O xoves 22 organizouse un encontro virtual con colectivos de fóra de Galicia, principalmente de Asturias e Andalucía, e o sábado realizouse un encontro presencial en Xinzo de Limia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nestas sesións informativas o secretario de emigración, Luís Gulín, trasladou as novidades para esta campaña, en especial as derivadas da recente sentenza do TEAC do 23 de marzo respecto ao recoñecemento de incluír na declaración da renda os gastos sociais das pensións estranxeiras.

Os eixos das sesións baseáranse en explicar con casos prácticos a figura do segundo pagador, a documentación a presentar da pensión estranxeira para incluír os gastos sociais estranxeiros como gastos deducibles, e como realizar a rectificación da renda do ano 2016 en base á sentenza do TEAC do 23 de marzo. Este paso ten como límite o 30 de xuño deste ano respecto ao ano fiscal 2016.

Ao colectivo de retornados de Alemaña explicouse o procedemento do pago do 5 por cento sobre a pensión alemá á Axencia Tributaria xermana, a casuística e as súas exencións e análise do comezo do xuízo oral o 19 de maio na Corte Suprema de Finanzas de Alemaña sobre a posible ilegalidade de aplicar o IRPF ás pensións de xubilación alemáns por posible dobre imposición. Tamén se aproveitou a ocasión para dar unha panorámica xeral do procedemento de solicitude da  prestación por dependencia de Alemaña.

Na sesión de Xinzo, Luís Gulín estivo acompañado da alcaldesa Elvira Lama e o presidente da Asociación de Emigrantes Retornados de Ourense, Luís Quintas. Estas sesións informativas terán continuidade en Carballiño, Verín e Ourense cidade nos próximos días.