Gonzalo Caballero esixe a Feijóo que “non aproveite a pandemia” para impoñer “retrocesos democráticos”: “rectifique a lei de saúde con vontade de diálogo”

Publicidade ASPADISI

O secretario xeral acusa a Feijóo de “extralimitarse” nunha norma aprobada en solitario polo PP que “vulnera dereitos e liberdades fundamentais”: “A vostede freouno a Constitución”

O dirixente socialista denuncia o “tic autoritario” de Feijóo ao tentar facer “rectificar” o voto dos ourensáns a través da retirada política do voceiro socialista: “xa quere decidir o PP quen pode estar ou non nas institucións”

HIPER MASIDE

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu hoxe no pleno do Parlamento para esixir a Feijóo que “non aproveite a pandemia” para impoñer “retrocesos democráticos” en Galicia, como tentou coa Lei de saúde que vén de ser paralizada polo Tribunal Constitucional por “romper a igualdade de dereitos e vulnerar competencias”.

Así é que, á vista de que a Feijóo “freouno a Constitución” por utilizar o “rodillo” da maioría parlamentaria para aprobar unha lei que “vulnera dereitos e liberdades fundamentais dos galegos”, Gonzalo Caballero apelou ao diálogo de cara á modificación desa norma.

“Vostede di que habería que falar antes de denunciar, e eu estou de acordo. Pero falar dende o principio: falar tamén antes de lexislar vulnerando dereitos fundamentais e excedendo as competencias de Galicia”, recalcou o máximo referente do PSdeG, e requiriu a Feijóo “vontade de diálogo” para afrontar a reforma desa lei.

“Ten que decidir se quere cooperar ou tensionar, se quere facilitar ou complicar, se quere ser parte da solución ou seguir xerando problemas”, reflexionou Gonzalo Caballero, antes de “tender a man” para volver ao marco constitucional. “Porque cometeu un exceso, extralimitouse”, reprobou, ao recordar preceptos da lei como a vacinación obrigatoria.

Ao fío diso, contrastou “a falsa liberdade” da que fala Ayuso -“porque sen igualdade non hai liberdade”- coa restrición de dereitos e liberdades protagonizada polo intento de “buscar protagonismo” por parte de Feijóo. “A min non me gustaría que gañase Ayuso en Madrid, pero seguro que a vostede menos”, ironizou o líder dos socialistas de Galicia.

DESESCALADA

En relación coa posición do PP sobre a desescalada, Gonzalo Caballero reclamou a Feijóo a súa posición con respecto ao mantemento do estado de alarma, ao que agora apela logo de opoñerse e de consideralo “demoledor” para o país.

En todo caso, ofreceu diálogo porque “o que nos preocupa aos cidadáns é saír desta crise con fortaleza”.

Así, subliñou que hai que actuar en tres grandes liñas: en primeiro lugar, deseñando unha desescalada “gradual, progresiva” que “evite unha cuarta onda” da covid; en segundo termo, fortalecendo o proceso de vacinación e reforzando a sanidade pública; e, finalmente, impulsando a reactivación económica trala pandemia. “Tendemos a man para sacar Galicia adiante en cada un destes tres aspectos”, afirmou, antes de receitar “vacinas, vacinas, vacinas” e “sanidade pública, sanidade pública, sanidade pública”.

OURENSE

Dentro dos “tics autoritarios” que está amosando Feijóo, Gonzalo Caballero aludiu tamén á situación de Ourense, coa “posición antidemocrática do PP de tentar retirar da vida política a quen gañou as eleccións”, Rafael Rodríguez Villarino.

“Vostede creou un problema cun pacto letal para manter o caciquismo de Baltar e agora di que os ourensáns teñen que rectificar o seu voto, que xa lles di o PP quen ten que ser o alcalde”, denunciou o xefe de filas do PSdeG.