Marina Ortega do grupo socialista esixe unha investigación sobre a xestión das residencias de maiores

Marina Ortega do grupo socialista esixe unha investigación sobre a xestión das residencias de maiores e acusa á xunta de agochar información sobre a incidencia da covid en cada centro

Marina Ortega reclama un protocolo preventivo específico para enfermidades infectocontaxiosas nas residencias e o reforzo dos equipos de Inspección

AVANTAR ACTIVIDADES

. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, esixiulle hoxe ao goberno galego que poña en marcha unha investigación sobre “o acontecido durante a pandemia da Covid nas residencias de maiores de Galicia”. Ortega presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento sobre a especial incidencia do coronavirus nas residencias galegas.

A parlamentaria socialista lembrou que ata o momento a pandemia ten provocado 2.384 persoas falecidas en Galicia, 790 delas nas residencias de maiores, e que “a chegada das vacinas foi realmente o que logrou frear o desmadre do virus nos centros de atención residencial”. Ortega esixiulle ao goberno galego que cumpra coa “obriga democrática” de ofrecer información sobre os datos de incidencia da covid residencia a residencia.

Alertou que “dende o ano pasado solicitamos esta información” a través de “tódalas vías posibles”, unha información “á que temos dereito e que están censurando dende o goberno galego”. Preguntou ademais polo “secretismo” sobre o novo modelo de residencias, e esixiu “transparencia e información” cando “noutras comunidades autónomas xa teñen regulado un modelo cara a novas construcións de residencias”.

Marina Ortega esixiulle á conselleira de Política social que “non nos traten de parvos” e reclamou os datos desglosados por residencia, e recordoulle que “vostede non forma parte dunha empresa privada, é o seu deber como conselleira dunha administración pública autonómica”.

Protocolo específico

Marina Ortega reclamou hoxe un protocolo preventivo específico para enfermidades infectocontaxiosas no contexto residencial “primando a evacuación de todos os positivos a centros intermedios e hospitais segundo criterio clínico”. Presentou as demandas da Sociedade Galega de Xeriatría, en base aos estudios que apuntaban á redución da incidencia evacuando aos positivos a centros hospitalarios ou residencias intermedias.

Preguntoulle así á conselleira “por que non trasladaron ás persoas ás residencias integradas, deixándoas sen cubrir tódalas prazas, ou aos hospitais”. Denunciou a “prepotencia e frialdade” na xestión da Política Social por parte do goberno galego, a quen lle esixiu que “se deixen axudar, porque os tempos non están para vender fume nin para márketing, senón para remar todos xuntos a favor dos galegos e das galegas”.

Ortega puxo o foco así sobre a situación dunhas residencias que “xa arrastraban numerosas irregularidades na etapa pre – covid”. Esixiulle á conselleira de Política Social que explique “por que non tomaron medidas” logo do informe do Consello de Contas de 2018, alertando do incremento de prazas privadas mentres reducían significativamente as inspeccións, ou das numerosas denuncias de irregularidades por parte das traballadoras destes centros.

A parlamentaria socialista esixiulle ao goberno galego que incremente os equipos de Inspección dependentes do goberno galego e esixiulle que “pidan desculpas aos profesionais do sector por utilizalos politicamente con demagoxia barata”. Lembra que a día de hoxe continúa “sen recibir aos profesionais nin ás súas familias, ata o punto de que esta mesma semana pediron a súa dimisión por mentir reiteradamente”.


INTERPELACIÓN Á Mesa do Parlamento

Marina Ortega Otero e Julio Torrado Quintela, deputada e deputado pertencentes  ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia e ao abeiro do disposto no artigo 147 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte Interpelación.

Galicia atópase inmersa nun contexto complexo provocado pola crise dunha pandemia causada pola Covid-19. Dende o mes de marzo do ano pasado, os centros de atención residencial para persoas maiores e dependentes foi un dos sectores máis vulnerables ante o virus, polo que na actualidade, dando comezo o ano 2021 e tendo en conta que os casos de coronavirus se multiplican en Galicia escalando cara a que se prevé a terceira vaga da pandemia, é urxente tomas medidas de calado neste ámbito.

Dende o Grupo Socialista fixemos numerosas propostas neste sentido, a modo de colaborar co Goberno da Xunta de Galicia, dentro dun contexto complexo. Segundo indican os datos, o Goberno autonómico sustentado polo Partido Popular, continúa sen asumir propostas construtivas e coincidentes coas recomendacións que dende o sector e que os propios profesionais demandan

Insistimos novamente na necesidade vital para a seguridade dos nosos maiores de elaborar un Plan de Evacuación de todos os casos de positivos que existan nas residencias de maiores ás residencias intermedias creadas para tal fin, e os casos que o requiran aos hospitais públicos.

A  propia  Sociedade  Galega  de  Xerontoloxía  e  Xeriatría  demandou  en numerosas ocasións esta proposta, co fin de protexer aos nosos maiores e á vez evitar a propagación do propio virus.

Por  outra  banda,  é  fundamental  que  a  Xunta  de  Galicia  traslade  a  este parlamento toda a información requirida polos grupos parlamentarios co fin de poder realizar o traballo como representantes da cidadanía galega, e polo tanto é urxente  que  se  trasladen  os  datos  de  contaxios  e  falecementos de  todos  os centros de atención residencial separados por centro. Deste xeito será posible optimizar  o  seguimento  e  o  labor  de  oposición  de  xeito  construtivo  e propositivo.

Polo   exposto,   a   deputada   e   deputado   asinantes   formulan   a   seguinte

Interpelación:

1.ª) Ten previsto o Goberno da Xunta de Galicia elaborar un protocolo de evacuación de todos os positivos por Covid-19 dos propios centros residenciais para protexer ao resto de residentes e evitar a propagación do virus?

2.ª) Ten previsto a Consellería de Política Social aportar os datos de contaxios e falecementos a causa da Covid-19 por cada centro residencial?