O BNG de San Amaro denuncia a perda do uso público dunha fonte e un lavadoiro na parroquia de Anllo

Dita fonte foi empregada polo pobo desde tempo inmemorial. A situación actual ven provocada pola venda da Casa Rectoral e polo peche do acceso a esta fonte por parte da nova propietaria.

Desde o BNG de San Amaro denuncian a situación de desleixo do alcalde, Rubén Gómez González e do Concello, polo abandono das súas funcións na defensa dos intereses veciñais e colectivos mos últimos meses na parroquia de Anllo, co agravante de que o propio alcalde é oriundo da mesma.

O pasado mes de abril, as veciñas e os veciños, atopáronse coa triste nova de non poder acceder a unha fonte e lavadoiro que afirman, “foi empregada polo pobo desde tempo inmemorial”. Esta situación ven provocada pola venda da Casa Rectoral e polo peche do acceso a esta fonte por parte da nova propietaria.

PUBLICIDADE ELECTORAL

No BNG observan con preocupación o desánimo que se instalou na parroquia ao comprobar como o máximo mandatario do concello, renunciou a defender o acceso a un recurso hídricoque a Asociación Veciñal lle tiña reclamado, provocando un ambiente de malestar entre a veciñanza.

A situación é máis grave, se cabe, porque o propio alcalde tiña solicitado por escrito o rexistro destas augas á Confederación Hidrográfica Miño-Sil nos últimos meses do ano 2020, renunciando nos meses posteriores a complementar a documentación requerida pola propia Confederación e coincidindo esta deixadez nas súas funcións coa controvertida actuación da nova propietaria da Casa Rectoral.

No BNG de San Amaro entenden que o deber do alcalde, segundo a portavoz nacionalista Mariana Rivera, “non debe ser outro que o de defender a titularidade pública das nosas augas, así como o é tamén o coidado e a posta en valor do noso patrimonio”.

Desde o BNG de San Amaro, instan ao Concello a que inicie os trámites oportunos para recuperar o uso e o acceso a esta fonte ademais de proceder a inventariar todos os bens de titularidade pública do concello para evitar futuros comportamentos irregulares “que vaian en prexuízo do pobo”.