Espazo Común: ” O goberno do Carballiño leva 5 meses para modificar as bases das axudas covid”

Coa sensación de que non teñen tempo de atender a outra cousa ca verbenas, van camiño de superar o desastre do ano pasado.

Semellaba case imposible facelo peor do que o fixo o goberno municipal do Carballiño coa xestión das axudas COVID ao tecido económico local do ano pasado.

AVANTAR ACTIVIDADES

Sen embargo, a capacidade para sorprender (a peor) do alcalde Fumega e o seu equipo non ten límite.

Despois de que no 2020 non se cumprira nada do acordado e se deixara fóra das liñas de axuda a moitos pequenos negocios e autónomos por unhas bases mal feitas, Espazo Común levou a pleno, en xaneiro, unha moción que foi aprobada por todos para a modificación das mesmas de cara a facer chegar a máis xente este apoio no 2021.

Cómpre lembrar que barrabasadas que se incluían nas anteriores como deixar fóra a tendas por ter o negocio no Carballiño pero o domicilio fiscal fóra ou non contemplar a aqueles que non tiveran aluguer, por citar só algúns exemplos, foron chave para que só 180 de tódolos autónomos, comercios ou hostaleiros, acadaran algún tipo de axuda municipal.

De novo estamos inmersos na inoperancia e as falsidades. Xa no pleno de febreiro, afirmouse por parte do goberno que xa estaban listas. Asemade, no pleno de abril, fíxose a mesma afirmación e, dende aquela, vimos varios titulares en prensa con anuncios diversos.

A realidade? Cinco meses despois do acordo, aínda non foron quen de sacar adiante a nova convocatoria que só precisaba modificar certos puntos das bases, fotocopiadas de Tui, polas que se pagaron 17.400 € a unha empresa de Vigo.

Perxudicados? As pequenas empresas do Carballiño que ven como son enganados e maltratados de novo por unha administración que debera estar para axudarlles nuns momentos tan complexos.